Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pescudando a orixe dos nomes das parroquias e lugares da Estrada

martes, 20 de marzo de 2018
Comezo expresando os meus parabéns a Clara Iglesias Cortizo polo agasallo que nos fai a tódolos estradenses, habiten na vila ou nas aldeas. Un agasallo que leva como título Os nomes da Estrada. Orixe dos topónimos das parroquias e lugares da Estrada, editado por Edicións Fervenza. Con esta coidada e clara obra súa (unha “claridade” que responde axeitadamente ó nome da autora) dignifica ela as parroquias e os lugares onde nacemos, vivimos ou finamos.

Pola miña parte coido que son case un “ninguén” para estar aquí acompañando a autora da obra que hoxe se presenta. Pois resulta que é xustamente a parroquia de Sabucedo -onde tiven a dita de respirar por primeira vez os meus primeiros “airiños, airiños aires...”- a única das 51 parroquias do concello estradense onde lugar e parroquia se identifican, pois os da parroquia de Sabucedo non constituímos máis ca un lugar. Tódalas demais parroquias estradenses están conformadas por varios, poucos ou moitos, lugares. Quizais por iso nos comprace tanto ós de Sabucedo que a nosa parroquia se encha de xente polo menos unha vez ó ano coa benquerida festa da Rapa das bestas.

Pois ben, se no ritual do bautismo se nos di que os que con el reciben un nome pasan a ser contados entre os destinados á salvación, algo semellante ocorre aquí cos nomes de lugar. Sen os nomes -os auténticos, os “de sempre”- dos nosos lugares e parroquias, ficariamos tamén en certo modo desamparados e orfos. Os nomes dan consistencia, realidade, nación, pois son eles os que presiden o noso nacer, vivir ou morrer. Porque sen eses nomes, que proveñen do fondo máis fondo da nosa historia non saberiamos de nós mesmos, das nosas raíces, dos nosos devanceiros. Por iso nos comenta con razón Clara nalgún momento que “a toponimia é conservadora”, pois ten os seus alicerces no pasado. Un pasado sobre o que se ha basear todo futuro digno.

Porque tamén pode haber vida sen dignidade, sen xustiza, sen humanidade, ou –se queredes- cunha humanidade dependente doutros presuntamente máis humanos ou máis dignos. Esa humanidade en realidade xa non sería tal, senón máis ben inhumanidade, é dicir, sometemento e servizo. Temos hoxe abondas informacións sobre as tentativas históricas por destruír ou domear a nosa lingua e tamén, xa que logo, as nosas creacións lingüísticas, incluso naturalmente a nosa toponimia.

Non hai moito fiquei, por exemplo, sorprendido da coidada deturpación que o mesmo nome da miña parroquia de Sabucedo sufrira xa a finais do século XVI, unha vez posto en marcha o amplo labor colonizador do país galego realizado por instancias foráneas. Así, nunha lista dos 44 lugares do arciprestado de Tabeirós do 25 de febreiro do ano 1589, figura xa ben cedo o nome de “Sabucedo” elegantemente convertido, por obra e graza da programada castelanización do país, en “S. Lorenzo de Sauquedo”. E o mesmo ocorre na¬turalmente con outros lugares tanto deste arciprestado coma doutros arciprestados per¬tencentes ó arcebispado de Santiago. É doado comprobalo nun escrito que leva como título Memoria y relación de las Feligresías que hay en el Arzobispado de Santiago, y de los vecinos y feligreses que en ellas hay, ansi pobres, viudas, como ri¬cos, hecho por Hernando de Tuesta, Contador de D. Juan de S. Clemente, Arzobispo de Santiago, y por mandato de su Señoría. Este arcebispo de Santiago, Juan de Sanclemente Torquemada, nacera en Córdoba e aprendera ben a lección política (imperial) de que a súa lingua (o castelán) era moito máis digna e fina có galego, por máis que no caso do nome “Sabucedo” tal nome procedese directamente do latín (“derivado do lexema do latín SABUCUM, “sabugo, sabugueiro”, dinos Clara). A palabra castelá “sauquedo” (que as instancias eclesiásticas colocan, sen pudor algún, no canto de Sabucedo na súa lista das freguesías do arciprestado de Tabeirós) derívase naturalmente de “saúco” (o que nós chamamos “sabugueiro”). E non vai máis alá de ser unha ocorrencia persoal do arcebispo andaluz ou do seu “Contador”, pois nin sequera esa palabra está rexistrada como castelá polo menos no dicionario actual. Mais iso que importa? Do que se trata é de castelanizar a lingua do país galego, aínda que sexa artificialmente, para facelo así dócil e servizal ás esixencias do imperio.

Semellante ó dito sobre “Sabucedo” trocado en “Sauquedo” é o que lle ocorre, na citada lista arcebispal do século XVI, á parroquia estradense de san Xurxo de Cereixo, que é transformada lingüisticamente na máis elegante e fina de “San Jurjo de Cereso” (a palabra “Cereixo” provén do latín vulgar CERASIUM, como nos recorda Clara). Como é doado ver, non se lles pode negar ós eclesiásticos foráneos competencia lingüística no latín. Mais, en calquera caso, a lingua galega era para eles unha lingua politicamente sometida e polo tanto só utilizábel por xente vulgar e inculta; ou incluso quizais non fose ela para eles lingua algunha.

Así e todo, poida que esta vella lista sexa quen de nos ofrecer algunha información toponímica útil en relación coas pescudas sobre a toponimia do concello da Estrada, referíndome concretamente ós seguintes topónimos: Santeles, Ouzande e Vinseiro.

Respecto do primeiro, na lista eclesiástica fálase de “Santoles” (non “Santeles”) e non sei se esta pequena diferencia poderá ou non contribuír a resolver a dificultade da que fala Clara ó nos dicir, en relación con “Santeles”, que “non podemos afirmar nada con seguridade sobre este curioso topónimo”. En canto a “Ouzande”, a mencionada lista do século XVI fálanos de “San Lorenzo de Osaude”, o que ó meu ver viría apoiar dalgún xeito o que comenta a autora do libro de que “probabelmente o nome orixinal da parroquia sería *Ousande, conservando o fonema s orixinal do galego, antes da introdución do z, fenómeno que aconteceu por volta do século XVI”. Como sabemos, o escrito eclesiástico é do ano 1589 e nel escríbese curiosamente non “Ouzande” senón "Osaude”.

Máis interesante sexa quizais o xeito como aparece o nome da parroquia “Vinseiro” na mesma lista eclesiástica, porque semella case responder á dificultade da que fala Clara cando comenta, en relación con Vinseiro, que “resulta difícil de explicar o n anómalo que transforma vis- en vins- “ . Para entendérmonos, preferiría ela que para unha explicación etimolóxica axeitada o nome fose “Viseiro” (sen a “ene”), e non “Vinseiro”. Pois ben, resulta que na vella lista do século XVI está escrito precisamente “Viseiro” e non “Vinseiro”. Quizais teñamos hoxe, pois, que reescribir o topónimo “Vinseiro” e trocalo en “Viseiro”. Felizmente –supoño- para os investigadores ou estudosos da toponimia e etimoloxía. En realidade houbo xa unha época na que nin se dicía “Vinseiro” nin tampouco “Viseiro”, senón “Vinceiro”. M. Reimóndez Portela escribía por exemplo en 1990 o seguinte: “Esta parroquia [Vinseiro] é coñecida desde tempos que se esvaen no recordo co mesmo nome, aínda que se encontre en ocasións, hai uns séculos, como Vinceiro, ou sexa cambiado o ‘S’ polo ‘C’” (M. Reimóndez Portela, A Estrada rural, Deputación de Pontevedra, 20072, p. 415). Con todo, e máis alá do que aquí comenta Reimóndez Portela, eu mesmo puiden comprobar que, nunha crónica sobre unha misión popular dada polos xesuítas no ano 1909 (é dicir, hai só pouco máis dun século) en Vinseiro, escriben eles “Vinceiro” (con “ce”). Polo tanto, nin “Vinseiro” nin “Viseiro”, senón “Vinceiro”.

Mais deixémonos xa de etimoloxías de nomes de lugares e desexemos a Clara Iglesias que siga adiante –tal e como nolo anuncia no comezo mesmo do seu libro- coas súas pescudas, estendéndoas tamén desde agora á microtoponimia da nosa ampla terra estradense: nomes de fontes, leiras, veigas, carballeiras, etc. E esperamos celebrar aquí o futuro e seguro éxito dos seus traballos.

Moi agradecidos quedamos, pois, a Clara polo seu esforzado e documentado labor e tamén a cantos, coa nosa presenza aquí, lle queremos dar azos e calor nesta ben encomiábel e necesaria aventura cultural súa.

(Intervención de Manuel Cabada na presentación do libro Os nomes da Estrada, celebrada o 9 de marzo de 2018)
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES