As outras castracións
viernes, 31 de agosto de 2007
Dicía Pimentel, o poeta, que non hai máis que catro ou cinco edicións de caras. Outros din que, a partir dos corenta anos, cada un é responsable da súa. É cousa común por outra parte considerar a cara como o espello da alma -consideración esta algo anómala porque a túa cara é máis ben o espello da miña alma, non da túa-. Por último, a cara, no senso fisionómico de aspecto, é algo máis que a cara. Contra a nosa vontade formóusenos pois aquí un siloxismo ripioso para veteranos: non hai máis que catro ou cinco edicións de almas pero, iso si,recoñecibles a simple vista.
Isto é o que lle debe pasar a Sarkozy, o promotor da castración dos pederastas. Esaxeradamente afable, saca peito de mais e, coma algúns homes baixiños, practica o arriscado deporte de pisar forte e de puntillas ó mesmo tempo (nada de particular).
Pero non é só el. Por exemplo, no seu breve artigo “Castracións” (ABC do 25/8/2007), o severo Manuel de Prada autoretrátase propinando a Sarkozy a seguinte malleira: nauseabundo, abyecto, adulador, fantoche, protofascista,, extremista, aspaventero, complejito, poco fiable e, sempre en castelán, os máis inocuos demente, pomposo, “personaje”, gabacho, césar etc. –ademais de considerar as súas ideas coma ocorrencias bestiales, eyaculaciones mentales, ínfulas e vomitivos-. Un asco. Nin Pérez Reverte. Mais, con ser este soamente un arremedo de castración política, polo menos é un efectivo ecografiado literario-xenital do autor.
Dúas semellan ser as bases do bonismo de Prada: que calquera home, por abyecto que sexa, é titular dunha dignidade inalienable e que a xustiza debe protexer tanto o delincuente coma á sociedade. Xa comprendo que resulta politicamente incorrecto preguntarse cales son os civilizados principios sober dos que esta doutrina durme a sesta, pero seguro que nono fago eu só.
Coido, por exemplo, que hai unha certa terxiversación no asunto da xustiza. O verdadeiramente disuasorio en calquera gran penalización é ter que executala nós; é dicir, ter que pasar nós mesmos a engrosar as filas da mesma delincuencia que condenamos. Por outra parte, nin as antergas “pólis” nin as organizacións que nos trouxeron historicamente ata aquí teñen contemplado nunca opción algunha clemente. A necesaria forma incruenta, piadosa e eficaz de harmonizar todo isto é dende logo un reto pendente e esixible ás nosas ben pagadas autoridades, pero de ningún xeito sobre a base de ñoñas e sarcásticas pedagoxías coas que tódolos días a desdita dos delincuentes se transforma na nosa.
En canto ó de a inalienable dignidade do home -esa marabillosa creación e horrible besta que nos está crecendo- habería que poñerse de acordo antes sobre o que significa dignidade. Coma se sabe, en latín dignus = merecedor - xa se ve que en Roma esta atribución sería improbable-. Pero, no noso correctísimo latín mal falado, tampouco o noso pundonor (esa especie de dignidade ofendida) semella ter máis éxito. Por último, nos contextos –ese maiúsculo dicionario- o concepto digno mellora algo: unha persoa digna é unha persoa que porta e defende simplemente unha imaxe (incluso maquillada). Unha inalienable dignidade sería xa que logo algo así coma o dereito a ultranza desta nosa imaxe. Pero, como os propios xulgados se encargan de demostrarnos sensatamente, este dereito non semella ter gran éxito, nin sequera mañán pola mañá.
Pero algo desto hai. Temos indicios de que, efectivamente, estamos feitos a imaxe e semellanza do Universo. O noso pensamento e o de el (os como e os para) son indiscernibles. Todos nos somos versións distintas dunha mesma cousa. Resulta pois moi sorprendente que non nos recoñezamos -porque cada crime é un suicidio-. Quizá sexa por isto polo que inda veña a conto o da clemencia.
Respecto á valoración deste tipo de comentaristas, vou ser moi breve. Se algún día –que Deus non o queira-, e en virtude da dignidade inalienable dos seus delincuentes, algún dos seus homes novos atacasen a miña familia, o primeiro que faría moi probablemente, tanto á destra coma á sinistra, sería cagarme na mai que os pariu.

Andrade, Fernando