Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nacermos dúas veces

domingo, 11 de marzo de 2018
Nestes días, nos que estamos case a experimentar o abrente da primavera, algunhas bolboretas empezan xa a curiosear de noite cara a nós, batendo as súas ás nos cristais das ventás. Este recorrente fenómeno faime lembrar o Nicodemo do evanxeo de hoxe: esa relevante personalidade do tempo de Xesús que viñera de noite tratar con el de importantes asuntos relixiosos que lle preocupaban.

Dalgunha maneira hai un certo parecido entre a muller samaritana do anterior domingo e Nicodemo. A samaritana, en diálogo a soas con Xesús, preguntáballe cal era o verdadeiro templo no que había que adorar a Deus Pai. Xesús contestáballe dicindo que agora non fan falla xa “templos”, porque Deus Pai quere só adoradores que o adoren “en espírito e verdade” e que, se se pretende continuar a falar aínda de “templos”, os verdadeiros templos son en realidade Xesús mesmo, no que habita o Pai, e cantos cren na súa palabra ou se parecen a el: os pobres, os doentes, etc.

Como vedes, Xesús cambia desde a súa mesma raíz a nosa relación con Deus. Na súa revelación a nós, Deus convértese en Pai, en “papá”. Deus quérenos como verdadeiro pai e vén salvarnos e darnos vida. Non van facer xa falla, polo tanto, nin sacrificios rituais nin suntuosos templos de pedra tallada. A imaxe dun Deus distante, tirano e xuíz imperturbábel, queda superada e desvirtuada coa súa mensaxe, coa súa Boa Nova. Por iso lle comunica Xesús a Nicodemo que ten que “nacer de novo”, para con ese novo comezo poder chegar a experimentar de verdade o significado de sermos fillos de Deus.

Que fan os pais cos seus fillos? Darlles vida. E se deles dependese, daríanlles unha vida que endexamais deixase de selo. É dicir, unha vida “eterna”. Os pais están aí, non para se converteren en xuíces ou condenadores dos seus fillos, senón para seren garantes do amor e do benestar que os fillos desexan.

Pois ben, esta é a imaxe de Deus Pai que Xesús lle presenta a Nicodemo nese diálogo nocturno con el. Nicodemo era un alto cargo da relixión xudía, mais non podía negar que a persoa e a mensaxe de Xesús o cuestionaban moito. Xesús dille que ten que facer un cambio na visión das cousas, unha transformación na súa vida e tamén no modo de pensar e de vivir relixiosamente. Pero tiña medo, por ser el quen era, de se presentar ante Xesús á luz do día. Por iso, coma as bolboretas nocturnas, vén onda el de noite.

Nicodemo, mergullado na escuridade e nas dúbidas que o turban, non ve máis solución ca presentarse directamente e a soas ante Xesús. Se as bolboretas voan cara á luz, soas e de noite, Nicodemo fai o mesmo. Xesús dixera en diversas ocasións que el era “a luz do mundo”. Xoán, o autor do texto deste domingo, fala noutras ocasións de que Xesús se consideraba a si mesmo como “luz”: “Eu son a luz do mundo. Quen me segue non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida” (Xoán 8, 12). Tamén Lucas alude varias veces a Xesús como “luz”. Por exemplo, cando nos anuncia: “Visitaranos o sol que nace do alto, para alumar os que viven en tebras e na sombra da morte” (Lc 1, 78-79), “luz para alumar as nacións” (Lc 2, 32), etc.

É moi duro vivir entre dúbidas e escuridades, que provocan golpes e caídas ó non se saber cara a onde se vai. Podemos supoñer que Nicodemo sairía moi reconfortado da súa conversa nocturna. Porque Xesús vai liberalo de medos, de angustias e de dúbidas relixiosas. A mensaxe que lle dirixe a Nicodemo é unha mensaxe de amor e de vida. Xesús comunícalle a el como é Deus, como é ese Deus co que Xesús está en íntima relación filial.

Esta comunicación nocturna e privada de Xesús ó solitario Nicodemo é tamén unha comunicación a todos e a cada un de nós. E esta nova sobre Deus Pai non pode ser máis grandiosa e portadora de felicidade. Velaquí o que Xesús lle comunica a Nicodemo: “De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna. Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo”.

Xesús vén, pois, comunicarnos que Deus, é dicir, o seu Pai benquerido, é tan bondadoso e misericordioso connosco que non tivo reparo ningún en darnos o seu propio Fillo para que nel, convertido para sempre en irmán noso, teñamos plena garantía de vida e salvación. Que máis podemos querer ou esperar? Deste xeito e grazas a Xesús, estamos todos libres de xuízo e de condena con só crermos nel e comportármonos conforme a esa fe.

Ademais, Nicodemo, como xudeu importante e instruído que era, sabía moi ben cal era o significado da serpe de bronce que no deserto Moisés erguera na punta dun pau para que os que a mirasen recobrasen a saúde. A serpe era un símbolo da saúde e da vida, dado que coa muda da súa pel semellaba conservarse sempre viva. Por iso aínda hoxe é a serpe o símbolo distintivo da botica e da profesión médica, é dicir, dos que procuran conservar a vida da xente. Neste sentido dille Xesús a Nicodemo, facendo referencia á súa próxima crucifixión: "Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel teña vida eterna" (Xoán 3, 14). Cúmprense así desde a cruz as palabras de Xesús, das que dá testemuño tamén Xoán: “Cando me ergan da terra, atraerei a todos cara a min” (Xoán 123, 31). Xesús converterase así en luz no medio das tebras, luz que atrae cara a ela esas inquedas bolboretas que somos todos nós.

A mensaxe de Xesús é, pois, anuncio de vida, de “vida eterna”. E a “vida eterna” en Xoán non se refire só, segundo ós expertos bíblicos, á vida de despois de morrermos senón tamén e de maneira importante á vida presente e actual. Os cristiáns deberiamos intentar desterrar das nosas vidas o medo e as angustias relacionadas coa nosa morte. Pois, pola graza de Deus, o noso destino é e será sempre vivir.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Noticias RSS Válido

PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania