Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Algo acerca da liberdade

viernes, 09 de marzo de 2018
Aínda que o problema da liberdade esixe unha reflexión da persoa humana sobre ela mesma, sobre a súa realización persoal, nestas sociedades da nosa actualidade non parece que sobre moito tempo para perderse en reflexións; o que si está de moda é reivindicala sen canon.

Sen dúbida, hoxe en día, como se le nun interesante artigo do profesor da Universidade Complutense, D. Jesús Romero Moñivas, a liberdade, que era tema principalmente filosófico e teolóxico, entra nas ciencias empíricas como a xenética da conduta, as ciencias cognitivas e as sociais, que se ocupan dela para analizar os grados e límites das accións concretas das persoas.

Este mesmo intelectual postula a existencia da liberdade; pero tamén postula a existencia de certos condicionamentos dela, porque está enmarcada e influída por “factores neuro–psico–biolóxicos e socio–culturais”. Parto aquí da aceptación destes dous postulados: O home, por imperativo da súa mesma natureza, ten ACTOS LIBRES E LIMITADOS. Non deberíamos perder o fío do PORQUÉ e do PARA QUÉ.

Penso que, para maior precisión, é conveniente traer a este lugar unha interesante observación de Xavier Zubiri, en referencia a que liberdade non é substantiva, como tampouco o é a conciencia, nin o espazo, nin o tempo: Non hai espazo sen cousas espazosas, nin tempo sen cousas “tempóreas”, nin conciencia, senón actos conscientes. Así, deste mesmo modo, tampouco hai liberdade, senón que esta é o carácter de certos actos do home; non é unha cousa – afirma Zubiri –, nin unha facultade: NON EXISTEN ACTOS DE LIBERDADE, SENÓN ACTOS LIBRES”.

Por máis que se relacione, a veces, o INDETERMINISMO DE HEISENBERG coa liberdade, “esta – insiste o metafísico – non é a indeterminación, non é facer dunha indeterminación unha determinación, senón facer dunha determinación ESTA determinación, cinguir unha sobre–determinación a esta determinación concreta”.

Outra observación que ven moi ben ter en conta é que o home, ao contrario que o animal, non se goberna só coas tendencias, xa que estas, per se, non lle permiten, non xa resolver os problemas da súa existencia, senón que tampouco lle facilitan a satisfacción doutras esixencias, como, por exemplo, as derivadas da súa propia racionalidade, da súa situación e estado cultural, acadada no proceso evolutivo do cerebro. Polo tanto, ten que adiantarse a elas, para reconducilas, situándose nun nivel pre–tendencial, pre–tensional, formulando pre–tensións de AUTORREALIZACIÓN PERSOAL, é dicir, cinguir a ESTA determinación ben concretada a sobre–determinación das determinacións das correspondentes tendencias. Se mo permiten, para unha mellor comprensión, eu diría coloquialmente que onde non chega a persoa humana coas súas tendencias aplicará os actos libres. Os instintos no animal están encamiñados ao mellor para el e non cabe erro; pero ao home non o decide o mellor neste sentido, senón que é el quen decide QUE é o mellor, arriscándose a errar.

Non obstante, aínda que son necesarios, con estes elementos de xuízo, non pasamos dunha consideración abstracta da liberdade do home, que fai uso da mesma configurándoa e dándolle sentido nunha situación concreta. É mester baixar da formulación filosófica a vida cotián. Exprésao moi ben, ao meu xuízo, o Dr. Romero: “De feito – di –, as persoas xogamos coas nosas liberdades e aprendemos a xestionar aquelas barreiras que aceptamos desas outras que nunca xestionaremos; podemos consentir en perder a liberdade, si con iso cremos que conseguiremos outras cousa que vale máis a pena, e cada avaliación subxectiva deste xogo de asumir–resistir é cambiante e provisional”.

Deteñámonos nisto, porque, en perspectiva social, a liberdade ten unha certa ambivalencia, xa que librarse de algo sempre implica caer na ditadura doutra cousa: librarse dos instintos da animalidade, implica someterse a unha certa moralidade; librarse das molestias que entraña o estudo, implica conformarse cun baixo nivel cultural; librarse dun certo cansazo profesional, pode traer consecuencias económicas e descualificacións sociais, etc.

Certamente, aínda así, oímos o balbordo de entusiastas cidadáns entregados a unha reivindicación de máis liberdades que, cando as acadan, non saben que facer con elas, e utilízanas, frecuentemente, non para DIGNIFICAR a súa condición de persoas, senón para potenciar os instintos máis perversos, caendo, a miúdo, nas regresións á condición animal. Así, as lexítimas manifestacións nas rúas están converténdose en ilexítimas, desvergonzadas e miserables formas de insultos tumultuosos, con vexacións ás persoas e arrogante desprezo ás institucións públicas. Salvando, claro está, as excepcións.

Por iso, chaman atención os comportamentos paradoxais dalgúns políticos que frecuentan esas peticións, máis ou menos tópicas, alegando que os gobernos da quenda lles restrinxen as liberdades propias dunha democracia; pero eles, non obstante, non dubidan en aceptar servilmente as amarras a un oportunismo nun partido, nunha agrupación ou nunha comunidade, posibilitando o autoritarismo duns poucos, que é precisamente o que fomenta o oportunismo de moitos. Un oportunismo e autoritarismo que poden coincidir na mesma persoa, sobre todo en mandatarios do poder. E tales personaxiños adoitan ser autoritarios cara a abaixo e oportunistas cara a arriba; como di un estudoso desta temática, “fan coma os ciclistas: cara a arriba, baixan a cabeza, e cara a abaixo, levántana”, e van a por todas.

Talvez sexa oportuno, a este respecto, traerlles aquí unha extensa cita de D. Rafael Águila, catedrático de Ciencias Políticas na Universidade Autónoma de Madrid, tomada do seu libro “La senda del mal” (Taurus, Madrid, 2.000), páx. 214. Di así: “A desaparición da unidade e universalidade da razón pasou a ser substituída pola afirmación tensa de IDENTIDADES EXCLUÍNTES (miñas as maiúsculas), cada unha armada coas súas respectivas “razóns”. Así, comunidades que afirman as súas propias culturas, pero non deixan espazo para a pluralidade; nacionalismos que esixen que se lles recoñeza como diferentes, pero son incapaces de recoñecer a súas propias diferenzas internas; tiranos de toda liñaxe que se esconden tras o principio de auto–determinación; políticos de identidade que se converten en seitas, esixindo aos seus membros unha completa fraternidade homoxénea e frustrante; vítimas (reais e supostas) que se converten en verdugos...”.

Creo que non é necesario moito esforzo para encontrar en España un bo exemplo de todo isto, cunha pretensión de identidade na modalidade dunha regresión primitiva (pre–moderna) de recuperación dun idílico pasado, que nada parece que teña que ver cun recoñecemento, recuperación ou reencontro, senón con procesos selectivos para dar consistencia real a unha invención política, hipotecando todo a un “atractor” tan virtual que incluso se desvela por “encarnarse” coas súas babecadas, nesa mesma realidade; VÍA SATÉLITE.

Pero todo isto comporta unha apropiación de liberdades a contrario sensu das razóns que a xustifican: A contrario sensu”, a nivel persoal, da dignificación, caendo nas máis aberrantes formas de indignidade, e atribuíndose a liberdade de dicir e facer o que a cadaquén lle peta; a contrario sensu, a nivel institucional, quebrando a legalidade e a obrigada cortesía protocolaria institucional, e evidenciando que se descoñecen os canles da boa educación para vigorizar a pertinencia dos mesmos argumentos racionais , e, a contrario sensu, como elementos constitutivos dun sistema social, que esixe unha regulación estrutural para manter coherentemente a unidade sistemática, da que dimana a soberanía, ignorándoa como fundamento da representación que se ostenta.

Isto ocorre na rexión máis próspera de Europa, e de elegantes formas sociais, na que a corrupción lixou os actos libres, que dignifican, arrastrando aos axentes a unha alianza coa couza da mesma, para converter as inmunidades institucionais en singularizadas impunidades persoais.

Pero a situación a niveis virtuais, antes ou despois, activa a gravitación real, que derruba os falsos ídolos, por máis que estes, conscientes da caída, patexen cunha ridícula arrogancia xestual.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES