Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Miscelánea Focense: Renove Hosteleiro

lunes, 27 de agosto de 2007
Cara ó verán que estamos a despedir, un número significativo de negocios hosteleiros -algúns de fonda tradición e recoñecido carisma- levaron a cabo o que, referido a outros valores do benestar concretados no automóvil e os trebellos do fogar, se deu en chamar “operación renove”, consistente neste caso, como o termo expresa, na actualización das súas instalacións, na implantación doutras novas ou mesmo no cambeo de responsabeis ó fronte dalgunhas…

En todo caso no seu conxunto, e tamén individualmente, trátase de actuacións positivas que en boa medida veñen a actualizar e potenciar a imaxe dun sector tan importante para un pobo das características do noso, como é o da hostelería.

A operación mais espectacular das levadas a cabo foi, sen dúbida, a de “O Lar”, popular establecemento situado no porto, sobrevivente nun entorno no que os vellos lembramos algúns outros: La Mancha, A Cepa, La Asturiana ou Café de Amalio; El Capitolio, Café-Bar Beltrán, O Ambigú, Bar Mera, Bar Náutico…

Mais de douscentos anos de historia contemplaban as paredes daquela edificación que hai uns meses caeron ó chan víctimas da piqueta demoledora para, cal ave Fénix, xurdir das propias cinzas en forma de inmoble de moderno diseño e atractiva decoración, que borra definitivamente a vetusta imaxe, caduca polo paso inexorable do tempo, pero tan entrañable para tódolos focegos dos últimos cincuenta anos.

Nos tempos da nosa nenez e adolescencia era aquéla a tenda de Pepe do Maragato ou do Maragato dabaixo, para distinguila da que o Maragato darriba, Antonio Alonso, tiña na prazuela de Salgado Toimil.

No libro-programa do San Lourenzo do ano 1935, anunciábase así: "José Rodriguez Rodriguez. Comercio de Ultramarinos. Transporte de pescados a Madrid y retorno de mercancías, para lo cual se dispone de un coche completamente nuevo. Teléfono 9. El Muelle - Foz”.

Foi no ano 1961 cando María Luisa e Antonio acceden ó negocio e lle cambean o rumbo. No Foz aínda mariñeiro, O Lar viña a sumarse a aqueles outros bares tan carismáticos: Club del Mar (O Cotarelo), O Bolico, Barlovento, Siso, O Chícaro… que acollían unha clientela básicamente mariñeira; o inxenio, a alegría e as cancións amenizaban as tertulias cando –a Deus gracias– aínda non había televisores …

Os que entón eramos xoves, tiñamos O Lar como lugar de encontro, e nel consumimos moitas horas do noso lecer; e desas xuntanzas saíron iniciativas benéfico-sociais, culturais e mesmo deportivas.

Lembramos a instalación da calefacción no Asilo; a organización de festivais con ese fin, así como un partido de fútbol entre a Peña O Lar e os maderistas, que servíu, entre outras cousas, para algúns amosar públicamente a nosa ineptitude para todo deporte que nos afastara do mostrador…
Neste entorno xurdíu a asociación Amigos das Setas “Os Bolouros”.

Fixeron historia as relacións entre as Peñas O Lar e Ulla, de Monterroso, de intercambio gastronómico. Nunha ocasión os visitantes chegaron á nosa vila por mar: embarcaran na Espiñeira e mandaba a flota o “capitán de navío” Constantino Mariño...

“Os Larpeiros” alí tiveron e teñen o seu niño; o nome os define, e son quen de manter viva a chama esmorecente da tradición cantareira da taberna…

Traemos á memoria estes breves apuntes, como homenaxe ó vello Lar, aínda que son mil e unha as fermosas historias que tiveron por marco as paredes para sempre desaparecidas; das novas penduran testemuños gráficos de persoas e aconteceres que forman parte da historia focega mais cordial do último medio século.

Tódolos locais do “renove” -vellos ou neófitos- comezan o “despois”, para seguir con novos azos escribindo as páxinas da súa historia. Non seremos nós quen a conte.
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES