Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de orballo

miércoles, 07 de marzo de 2018
Non coller na cuncha

Nadia Rosende Sulfurosa tiña o sorriso nos beizos cando se sentou no mazadoiro da fonte da Aira da Igrexa. Os seus ollos brillaban de tal maneira que se apreciaba que o seu espírito non collía nunha cuncha. A razón: acababan de comunicarlle que a súa filla Ubalda sacara unhas notas excepcionais no colexio público de Baños de Molgas. A súa filla cursaba primeiro de primaria. Orgullo de nai. Nadia Rosende Sulfurosa non collía na cuncha. Normal. Non todos os días che comunican novas boas. Novas das que presumir diante de Edelmira Suave Suave, que, por certo, de suave non tiña nada. Isto pensaba Nadia. Para esta, Edelmira era peor que un toxo arnal, tanto polo carácter como pola soberbia. Mais hoxe a nai de Ubalda non quería rosmar nada sobre a súa veciña, xa que cada vez que o facía agreábaselle o carácter. E hoxe non collía na cuncha. Así é que, en vez de pensar na palastrana da veciña, deixou que os seus ollos escrutasen os arredores da aira na busca da súa marabillosa e lista filla que estaba a piques de chegar do colexio; unhas veces subía polo Agro e outras pola rúa Manuel Santamarina. Seguiu esperando co sorriso nos beizos.

En continua incongruencia

O ser humano vive en continua incongruencia. Donald Trump quere darlle armas e adestrar ós profesores para evitar os tiroteos. Ou para que sexan os profesores os que empecen a disparar. Os cables axiña se lles cruzan a calquera. E se tes con que cuspir toda a adrenalina que levas dentro... despois pasa o que pasa. Primeiro cunha man secamos as bágoas que caen dos ollos por esas traxedias, por esas masacres, pero ó mesmo tempo xa estamos estendendo a outra man para recibir a pistola, ou o fusil, ou a arma que mata. Somos así de incongruentes. Non hai quen lle meta man á Asociación Nacional do Rifle.

Miles de xubilados maniféstanse en toda España (e con razón) polas súas pensións, sen se decatar que a maioría deles, a gran maioría deles votaron, votan e votarán a eses que os están fundindo na miseria. É certo que as maiorías absolutas non se acadan só cos da terceira idade, pero si coa gran maioría deles. É o de sempre: moita manifestación, moito berro, moita rabia, pero ante unha urna de cristal axiña cambiamos a chaqueta, o parecer. Seguimos sendo así de incongruentes.

O zalapastrán dun soño

Son o palafreneiro que coida do cabalo que non necesita coidados e son o fargallón que vai polas rúas porque na casa non sei que facer. Son o parágrafo dun escrito que aínda non se escribiu e o astronauta dunha nave espacial que está por construír. Son o zalapastrán dun soño. De que soño? Porque soñar é bonito, pero a realidade é unha zoupada na cara que te deixa bailando unha muiñeira sen gaita galega. Que tempos aqueles nos que o son dun asubío variaba segundo para o que o usases. Non é o mesmo asubiar por un can que asubiar por alguén. Non é o mesmo seguir o ritmo dunha canción que moumear por entre os palleiros dunha aira e baixo unha néboa espesa. Son o zalapastrán dun soño. E quero soñar co coxote dun becerro, pero a realidade amósame o ovo grolo dunha pita choca. Hai realidades que van máis alá dos soños e das fantasías interestelares. Por iso é mellor que a ciobra, a xistra chegue dunha vez para asolagar esta seca que nos mantén esmirrados. Son o zalapastrán dun soño. Que soño co que quero ser, pero, a estas alturas, xa non hai volta de folla. Son o badanas desta ladaíña.

A sagacidade dos axentes municipais molgueses

A policía nas películas (que é o mesmo que dicir en Estados Unidos) sempre chega tarde, sempre chega ó final da acción. En Baños de Molgas son máis agudos, máis espelidos. Dous axentes municipais desta vila, no mes de xullo de 1910, detiveron a un mozo de 20 anos, Benjamín Graña Borrajo, de Ramil Grande, no concello de Xunqueira de Espadanedo, a onde volvera logo de pasar un tempo en Portugal. Os axentes, que eran listos como este molgués que escribe, sospeitaron del e levárono ante o sarxento-comandante da Garda Civil de Maceda, que o interrogou tan habilmente que, entre axusta e compón, entre tirapuxas, o tal individuo acabou declarando que lle dera morte a un home na mañá do 23 de xuño na cidade de Laguarda (Guarda), no veciño reino de Portugal. O moi pardal volvera para Xunqueira fuxindo da policía portuguesa. Mal pensaba el que se atoparía cos frechas, cos sagaces e raposeiros axentes municipais de Baños de Molgas. Estes non andaban con andrómenas de tanta película ianqui. Actuaron coma chispas. O sarxento, ó oír todo iso, non lle quedou outra que mandalo dereitiño ó xuíz municipal para que ingresase no cárcere. Ai logo!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania