Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vilas galegas da cultura (2)

lunes, 05 de marzo de 2018
Xa o teño manifestado noutras ocasións, pero de cando en vez é san cumprir coa regra e facer algunha excepción. Sei que non é moi ortodoxo escribir columnas en serie numerada porque o lector -é dicir, vostede- pode que hoxe lea a prensa e mañá non teña vagar para facelo, polo que quedará coa lectura a medias. Cando non, ó revés, co cal, a lectura da segunda sen a primeira aínda é moito peor.

Confío, polo tanto, en que manteña unha certa fidelidade con este espazo e non lle resulte alleo o título desoutro día e, en consecuencia, saiba que o que vou facer agora é desenvolver o que o pasado sábado tan só foi un limiar escrito ó rebufo dos premios "Galicia parabéns" que concedeu a Axencia Galega para o Turismo o pasado venres en Compostela.

Falaba eu, con tal motivo, da posibilidade de que a Xunta de Galicia crease uns -máis ca premios- recoñecementos anuais a catro municipios galegos -un por provincia- que non pasasen, por exemplo, dos 20 mil habitantes. Como xa todo está inventado, non habería máis ca inspirarse nos principios que rexen as capitais europeas da cultura e, previo proceso de presentación de proxectos, seleccionar aqueles que ofrecesen a proposta de posta en valor e divulgación máis axeitada ou acaída para o ano que se tratase.


Tendo en conta que só a Axencia Galega para o Turismo destina ós premios "Parabéns" recén creados a nada desprezable cifra de 800 mil euros (400 mil por modalidade), non sería nada arroutado pensar na posibilidade de que estoutros das "Vilas galegas da Cultura", fosen dotados -poño por caso- con 500 mil euros para que con esa cantidade puidesen desenvolver actividades e iniciativas -volvo dicir- de dinamización local, promoción turística, social e cultural dos catro municipios que fosen elixidos, poñendo de tal xeito o foco de Galicia, cada ano en catro puntos do mapa, que seguramente aproveitarían o investimento para asentar propostas e proxectos que lle axudarían a dar un significativo salto cualitativo de cara ó futuro deses municipios -digamos- agraciados.

É posible que lido dun xeito descontextualizado ou fóra da paixón coa que adoitamos suplir (aqueles que traballamos no ámbito da xestión cultural) as carencias orzamentarias e a decepción que nos provoca ter á man proxectos de futuro que non son quen de pasar a fase do papel porque a decisión da última folla -ou sexa, a económica- depende sempre doutro, -repito- é posible que poida ser interpretado coma unha fanfarronada.

Sen embargo, recoméndolles ós que teñen na súa man a posibilidade de premer os botóns do si ou non, a que lle dean unha pensada e se cadra para hoxe non, pero, para mañá quen sabe? O futuro está por escribir e torres máis altas foron erguidas. Ou non?
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES