Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A parede que trazou dúas vidas

viernes, 02 de marzo de 2018
Hai xa un tempo que esta reportaxe que empezades a ler programáraa para un Recuncho Hebdomadario. É máis, xa escribira o relato, e xusto a noite en que tiña intención de remitilo a este portal, ocorréuseme que me daba para un Testemuñas da Memoria. Porque versa sobre un familiar… que foi. Escribir sobre a familia penso que sempre é moi fácil. Ou non. Ás veces é moi difícil facelo sobre os máis achegados. Por aquilo dos sentimentos ou da forma en que se poden tratar ou das emocións ou das críticas, se é que as hai. Este é demasiado achegado: un irmán. Foi un irmán.

Abraiado quedei un día cando, fochicando pola Internet, me atopei coa noticia dun periódico de Santiago do día 11 de setembro de 1950. “Neno morto ó caerlle unha pedra dun muro encima”. Ese era o titular. E como estaba dentro das páxinas dedicadas a Ourense, souben ó momento que tiña que versar sobre ese irmán ó que non cheguei a coñecer. “Comunican de Baños de Molgas que cando se atopaba xogando o neno de nove anos, Manuel Rivas Delgado, na aira da Igrexa con varios nenos da súa idade, ocorréuselle sacar unha pedra que sostiña o muro, caéndolle enriba da cabeza e producíndolle a morte instantánea”. Non obstante, algún veciño confesou que non foi sacando unha pedra, senón que foi choutando o muro, a parede e esta véuselle enriba. É igual. O que si é certo é que morreu a causa do golpe.

Onde si hai erro por parte do xornal ou da información que lle deron ó xornal é na idade, xa que ese irmán meu naceu o 9 de xullo de 1945 e aconteceu o accidente o 5 de setembro de 1950, é dicir, que tiña cinco anos e dous meses, e non nove, como asegura o periódico santiagués.

Non o coñecín nin, a verdade, falabamos moito del. Imaxino que ós meus pais non lles sería un prato de gusto, nin nós, ó non coñecelo, nos interesamos tampouco moito por el. A ver!, morreu de cativo (case sen tempo de gozar da vida) e nós tamén eramos uns cativos ós que lles importaban máis os xogos que as desgrazas doutros “descoñecidos”, por moi achegados que fosen. Despois xa, de adultos, eu que sei; quizais por non remexer nos recordos ou porque simplemente sabiamos que morrera, e punto. Outra cousa sería que iniciase estas reportaxes en vida dos meus pais; sacaríalles algo máis do pouquiño que sabemos os tres irmáns que somos hoxe.

Se de rapaz non me preocupei moito pola morte dese irmán nin polo sufrimento dos meus pais, hoxe non me sae da cabeza o que alguén me contou de cando lle comunicaron á miña nai o fatal desenlace. Un veciño ou veciña (non lembro) foi camiñando pola pequena rúa da Igrexa co neno en brazos e envolto nunha saba. A miña nai xa estaba á porta da casa porque saíra ante o barullo da xente. Cada vez que debuxo esa escena do neno envurullado na saba e ofrecéndollo á miña nai, non podo evitar que a emoción me suba de súpeto ós ollos. O impacto da miña Loliña tivo que ser arrepiante, tremebundo. Incluso antes de que llo entregaran; xa que ela axiña soubo (quizais polo vulto ou quizais pola propia expresión do que transportaba o neno falecido) que aquilo que viña nos brazos do veciño era o seu fillo. Un neniño de cinco anos tan só, xusto na idade na que uns pais gozan máis dos seus cativos, cos ósos practicamente aínda formándoselle, a pedra sobre a súa cabeza… Aínda hoxe estamos asombrados (e naquel tempo os veciños tamén) de que aquel impacto non a fixese abortar. A Lola da Amparo andaba preñada de tres meses do que hoxe é o meu irmán máis vello, O Garrincha, que na realidade é Manuel, Manolo. Supoño que en recordo do falecido.
A parede que trazou dúas vidas
Véndoo na foto, está como para comelo. E a un servidor non lle queda outra que miralo unha e outra vez e, dentro da desgraza, darlle as grazas polo seu deceso. Miña nai sempre asegurou que se O Manoliño estivese vivo, eu non existiría. Creo que a súa intención era ter tres ou catro como moito (xa lle morrera unha nena ó nacer ou ós poucos días de nacer, tampouco lembramos). Como son o máis novo dos tres que somos hoxe, non queda outra que darlle uns biquiños ó retrato e confesarlle o meu agradecemento por facerme un oco nesta vida que era a súa. Que si, que se pode dicir que estou de prestado.

Deixoume o sitio por un prezo moi alto. E tanto. E non só por el, senón tamén pola miña nai. Aínda hai pouco que me confesou unha veciña que aquel golpe fora demasiado grande para a Lola, que durante un tempo non foi a Lola que era. A Lola que seica era máis alegre que unhas pascuas e a máis cantareira do barrio. Que durante o loito non volveu cantar máis, e con todo o que lle gustaba cantar a miña nai. Dou fe disto, porque cando volveu cantar (como se sabe, o tempo cura bastante as feridas, aínda que algunhas é certo que non cicatrizan nunca) eu, de rapaz, ata pasaba vergonza na misa e no rosario por culpa da súa voz, que sobresaía sobre todas as demais. Miraba para ela, vía aquel bocio como se inchaba e pensaba en que me tragase a terra. Hoxe gústame gabala dicindo que nin a dona Barbra Streisand o fai mellor.

Sei seguro que O Garrincha, O Carrizo e O Chito aliviáronlle sobradamente aquela imaxe do neno envolto nunha saba ensanguentada. Cumpríalle ese alivio. O golpe tivo que ser tremendo. Agora remato pedindo perdón por botar man da familia, do fácil, pero unha nai sempre é unha nai. A reportaxe é sobre o Manoliño, pero a homenaxe é para ela.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES