Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de orballo

miércoles, 28 de febrero de 2018
Non hai quen lle asubíe

Estou vendo as imaxes dun novo atentado nun instituto de Estados Unidos. E digo o de sempre: que o sinto polas vítimas pero son indiferente ante a acción, ante a propia acción do atentado. Ese rapaz, se non tivera armas, e aínda que fose un tolo ou un energúmeno, non lle quedaría outra que tirarse contra a parede ou, como moito, atacar con algunha arma branca, que aínda que fose mortal, non creo que alcanzase a cantidade dos 17 falecidos a base de balas e máis balas. Segue agora mesmo a noticia pero falando xa da facilidade que existe para conseguir armas neses país. Ese é o gran problema. É certo que o gran culpable é a persoa, pero sábese que ás veces ou incluso moitas veces, por unhas ou por outras causas, crúzansenos os cables. E cando nos cabreamos ou cando queremos chamar a atención botamos man do máis mortífero. Non sinto aflición pola acción en si. Dóenme as vítimas. Eran nenos. Agora, os pais e os cidadáns que lles vaian bicar o cu ó presidente da Asociación Nacional do Rifle, James W. Porter II, e ós seus vasalos, principalmente políticos, por negarse a prohibir as armas. Non será o último atentado. Porque non hai quen lle asubíe á industria do armamento.
Pingas de orballo
O AVE por Baños de Molgas en 1908

O AVE aínda non pasa por Baños de Molgas, aínda que poida que non tarde moito en facelo (xa veremos), pero o que a xente non sabe é que no mes de agosto de 1908 xa existía tal transporte desde Ourense a Baños de Molgas, pasando por Maceda. Non era en forma de tren, pero si de boas carruaxes, que cando son boas corren que nin o demo. Resulta que a partir do 15 dese mes circulou un novo servizo de coches. Os donos da empresa non omitiron ningún sacrificio para proporcionarlle ós señores viaxeiros toda clase de comodidades, para o que mandaron construír carruaxes cómodos e elegantes ó mesmo tempo que adquirían gando inmellorable. É dicir, uns bos cabalos, ou burros, ou mulas; vai ti saber, naqueles anos. Non contentos con ese AVE, durante a temporada oficial de baños, ou sexa, o verán, e cando as circunstancias o esixiron, estableceuse un dobre servizo e houbo coches á chegada do tren mixto (entendo que de Madrid ou do Padornelo para alá) á estación de Ourense para recoller ós viaxeiros que desexaron continuar viaxe ata a miña vila. Que eran uns cantos, claro, porque as augas quentes (agora chamadas termais) de Baños de Molgas curaban ata ós mortos. É unha esaxeración, pero de algo hai que fardar. Digo eu.

Mellor unha de Marcial Lafuente Estefanía

“Patria”, de Fernando Aramburu. 642 páxinas. Cando estaba lendo na 175 chega unha mensaxe ó móbil de que ó día seguinte vence o prazo de préstamo. Eu tranquilo, xa o sabía. O día seguinte quixen renovalo e, zas, está reservado. Non podo renovalo. Imposible rematalo. O compañeiro díxome que me deixaba o del cando o acabase. Pois vale. Pero, que carallo!, a ver se me dá tempo Quedan case 500 páxinas, pero... Pero nunca lera tanto na miña vida. Ata vin o Xetafe-Celta sen voz (só lla daba cando o Xetafe meteu os tres goles. Tiven que rematar o libro en menos dun día porque, o día da entrega, para máis caralladas, tocaba meterlle esterco á viña. Acabeino pero tamén acabei coa cabeza coma un bombo. E total para que?; se o que me contou Aramburu en 642 páxinas contábamo Marcial Lafuente Estefanía en tan só 96 nas súas Pingas de orballonoveliñas do Oeste, cando escribía, por exemplo, sobre o conflito entre os gandeiros e os ovelleiros. Así de simple, pois a de Aramburu, pódese dicir, é tal cal. Non explico nada máis a causa daqueles que aínda o queren ler. Sinceramente, esperaba unha análise moito máis profunda tocando o tema que toca. Para un servidor, demasiado bombo a unha novela moi voluminosa e moi simple.

Con música e co ordenador

Loito contra a dor das costas. E dos brazos. Loito contra o cansazo que está en min. Loito con música e co ordenador. Para plasmar sobre el ideas, pensamentos, esbozos, parvadas, nostalxias e o que caia. Agora mesmo dáseme polo rap escoitando “Mandrágora”, de VKR. Pero hai un cacho bailou sobre os meus oídos o “Conquest of Paradise”, de Vangelis. E despois desta eran Xil Ríos e Juan Pardo cantando aquilo de “Xirarei”. Xirar xiran os meus lamentos, os meus queixumes, os meus latexos medio amorfos e moi doridos. Hai traballos que te deixan deslombado e baldado. Nin tiven ganas de ler a fondo o xornal e moito menos de ver o Alavés-Deportivo. Cama e lectura. E ó poñerme a ler, uff, íaseme a vida. Pero hai que aguantar coma os heroes. Como aguantarei ós EPMD co seu álbum “Strictly Business”. Como se ve, escoito de todo. É que me gusta a música, en xeral, e o jazz, en particular. As bandas sonoras xa son tema á parte. Hoxe ata pode que non toque nada de jazz. Teño os meus métodos para escoitar música cando estou co ordenador; as miñas rutas, os meus listados. Se non fora por isto, estaría escoitando sempre as mesmas bandas sonoras ou as mesmas cancións. Hai que escoitar algo de todo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES