Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O caos e os atractores na sociedade

viernes, 23 de febrero de 2018
Supoño que non poucos lectores estarán cansos de encontrarse co termo “tancredo”, acompañando ao Sr. Presidente do Goberno, D. Mariano Rajoy, para referirse a súa actitude “dontancredista” ante importantes problemas que debe afrontar o seu goberno. Confeso que eu non me quedei corto, e nesta colaboración pretendo ofrecerlles razóns para xustificarme cunha reflexión crítica. Pero necesito dicir algo relacionado cos sistemas caóticos, extrapolado á sociedade.

Utilizo os “sistemas complexos” (e no eido das ciencias non podería prescindir da “teoría dos “fractais”), só para dar unha lixeira e superficial explicación da mecánica dos movementos sociais. Debemos considerar a sociedade como un sistema que está constantemente organizándose e desorganizándose en un certo grao. Poderíamos afirmar que os sistemas sociais perseguen unha certa estabilidade, loitando cos factores que a perturban, mediante os adecuados mecanismos de corrección. Xustamente por isto, os procesos de corrección teñen altibaixos, e hai que estar sempre vixiantes, non esperar que a auto–organización sistemática resolva os problemas no decurso do tempo nunha dirección inaceptable.

Cando un sistema se desequilibra, perdendo estabilidade, sempre entra nunha fase CAÓTICA, pola dialéctica ORDE / DESORDE; INFORMACIÓN – que mide o grao da orde do sistema – / ENTROPÍA – que nos da a medida da desorde –. Recorden do bacharelato que se explicaba a segunda lei da termodinámica afirmando que cando un tipo de enerxía se transforma noutra prodúcese unha perda de enerxía útil, que se esvaece en calor e xa non se pode aproveitar.

Para mellor entender todo isto, hai que partir de que a “entropía” está nun constante proceso crecente, e din os estudosos desta temática que, na sociedade, ataca a coherencia entre as distintas áreas do sistema social: económicas, culturais, políticas, etc. Pero necesítase recuperar a estabilidade nelas e entre elas, por iso, igual que no campo das ciencias, hai que empregar mecanismos redutores da mesma, NON ESPERAR QUE SE DESCONTROLE.

Precisamente, cando se mantén un control adecuado sobre os mecanismos redutores, dise que estamos nunha etapa de control–entrópico, mentres que, se se “desmadra” a entropía, empeza a sentirse certo desequilibrio, un síntoma de que estamos entrando nunha fase caótica. ISTO É O PERIGO QUE PODE TRAER O DONTANCREDISMO. Velaquí a razón pola que se denuncia con tanta teima.
Pero aínda quedan outros conceptos que son necesarios para completar este contido teórico. Estou referíndome aos ATRACTORES, que teñen diversas versións: nas matemáticas, na física, na química, na bioloxía,..; pero aquí extrapolámolas á metodoloxía das ciencias sociais, entendendo por “atractores” aqueles que actúan dentro dun sistema social, atraendo e espertando condutas converxentes en integrantes de grupos expectantes, que esperan control, protección e harmonía co resto da sociedade, e acusan a debilitación da estabilidade social cando se rompe a correspondencia cos impulsos e esixencias do inconsciente colectivo, detectándose incongruencias cos estados psico–sociais e coas vinculacións ideolóxicas.

Adoitan abordar os especialistas o papel dos “atractores estraños”, capaces de crear unha diferente gama de membros potenciais, buscando precedentes na historia (sóalles?), canonizando supostos heroes históricos, para crear así un “disruptivo” espazo semiótico, onde todo o pasado, real ou imaxinado, veña ao presente para xustificar os cambios paradigmáticos na cultura, que faciliten a incoación dun novo orde socio–político. ASÍ SE VEU FACENDO EN CATALUÑA SEN QUE O GOBERNO DE ESPAÑA O IMPEDIRA.

Deste modo van emerxendo as fases, máis ou menos soterradas, da entropía, e
se os que teñen a obriga de activar os mecanismos redutores se escudan na prudencia (imprudente), terán que enfrontarse á aparición, seguramente inesperada, das tres estruturas dun “estado nacente”: o substrato psíquico dos individuos tendente ao correspondente “atractor”, debido á ineficacia dos mecanismos redutores da entropía (facendo vista gorda no ensino, por exemplo); a articulación social de certas colectividades, creadas ad hoc, e unha estrutura ideolóxica cunhas narrativas discursivas apropiadas a cada situación intra–fásica, xeralmente incongruentes e irreverentes coa legalidade institucionalizada no sistema social, sen poñer noxos a calquera clase de fundamentos, mendaces ou non, que avalen os argumentos: As URXENCIAS DA ACCIÓN, non deixan lugar á REFLEXIÓN DA RAZÓN, QUE SÓ SE USA TRAS A ACTUACIÓN, E SEMPRE CON INTENTOS DE XUSTIFICACIÓN.

Hai exemplos na Historia Universal, que hoxe en día os estudosos analizan con moito rigor á luz desta teoría da complexidade, resaltando hipóteses de traballo cun contido que seguramente con outra metodoloxía analítica quedaba oculto. E todo isto lévame a pensar, modestamente, que debería considerarse ata onde os gobernos non só teñen que gobernar, senón tamén prestar atención ás tendencias da dinámica social e procurar chegar a tempo para exercer o control das entropías adecuadamente, exercendo unha función específica de vixilancia.

Hai máis que pasarse toda unha lexislatura dicindo o mesmo, repetindo estereotipos, ou insultándose impunemente no Parlamento. Tamén gabándose de garantir a cobertura das necesidades sociais, sen reparar que non acadan, con xustiza, garantir ni tan sequera, entre elas, as primarias de moitas desafortunadas familias.

Con este proceder tan impropio de gobernantes e parlamentarios, preparados teoricamente, e presuntamente maduros para tomar decisións sensatas, o sistema social español corre o perigo de desembocar na fase que os científicos chaman NEGUENTRÓPICA, na que o sistema se reorganiza noutra dirección, EN PARTE ou na súa totalidade, porque, ademais do caso catalán, que pon os plans nacionalistas vascos a remollo, existe un evidente descontento nos cidadáns co conseguinte impacto do estado psico–social na entropía do sistema, e ata non é absurdo pensar que os causantes desta situación dimitan das súas
responsabilidades, con amañadas argumentacións, cando a soga lles aprisione, deixando todo en mans dunha inexperiencia ilustrada que ve ceo aberto nestas oportunidades.

Menos mal que os independentistas cataláns, polo de agora, carecen dun “atractor” co suficiente vigor de converxencia, posto que o caso Puigdemont revélase como un xogo da insensatez, da incompetencia e dun mal disimulado e descarado egoísmo, que, sen pretendelo, resulta ser o mellor aliado dos mecanismos de corrección entrópica, que, sumados ás decisións empresariais de protexerse contra a inestabilidade político–social, levan a unha dispersión ideolóxica que non parece ter máis en común cós barullos nas rúas; pero o goberno non pode permitirse esquecerse de que debe vixiar non só a aplicación do art. 155, oportunamente, senón tamén a corrección dos erros propios, que non procede encomendar, con intención nesgada, aos tribunais de xustiza: Os presuntos delincuentes estiveron realizando condutas de indiscutible ilegalidade a luz do día. Falábase do “procés”; pero ninguén o interrompeu hasta que bordeou a “neguentropía”, incluso a necesaria asistencia a actos públicos puxo en evidencia a ridiculez protocolaria.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES