Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Enterro da Sardiña na cidade de Lugo (1)

miércoles, 21 de febrero de 2018
O Enterro da Sardiña na cidade de Lugo
(1985-2002)

Adicado a José Barreiro, ilustre lucense (xa finado),
fundador da Moi Nobre e Festiva Confraría da Parranda.


Sumario
Neste artigo expoño os trazos máis esenciais do Enterro da Sardiña na cidade de Lugo, distinguindo dúas etapas: a do último tercio do século XX, que ten como novidade a recuperación do Enterro da Sardiña por parte do persoeiro lucense D. José Barreiro, logo de máis de cincuenta anos de non saír ás rúas. A segunda etapa comezaría no ano 2000 coordinada por Mercedes Barreiro González e o seu esposo Andrés Rubino Fernández, fillos do devandito persoeiro, quenes continuan ata o intre actual coa tarefa iniciada polo seu proxenitor.

I. Inicios do Enterro da Sardiña e o seu desenvolvemento en Galicia
Trátase da escenificación dun enterro cristián no que o finado é unha sardiña, que nos seus comezos era auténtica, mais logo co paso dos anos construiuse unha de gran tamaño en papel e cartón. A comitiva vai presidida polo crego -o Gran Espetón- que dirixe os cánticos ao longo da procesión; logo os acólitos, os sancristáns, os portaestandartes, as choronas, as autoridades e, finalmente, os acompañantes. A procesión adoita rematar nunha praza ou diante da Casa Consistorial, onde se len discursos, que entrañan burla, ironía, sarcasmo e crítica, e que están referidos na súa meirande parte aos problemas que ten a cidade ou vila. O enterro pode rematar nunha inhumación simbólica (Lugo), nunha incineración (Burela, Vilalba, Viveiro) ou nunha inmersión no río (Monforte de Lemos) ou no mar (Marín, Pontevedra).

Este ritual do Entroido non naceu en Galicia, senón que veu importado de Madrid a onde no reinado do monarca borbónico Carlos III, procedente dalgún porto do norte de España, un cargamento de sardiña en mal estado, polo que as autoridades competentes, malia as condicións de pobreza da poboación, acordaron enterralas na «Casa de Campo».

O pobo, aínda que ao comezo protestou e provocou algúns incidentes, logo participou cun tono burlesco e sarcástico en dito enterro, que sería recordado anualmente. Outra variante sería a dos ilustrados madrileños que tomando como motivo estes acontecementos da fame popular, parodiaron o enterro do peixe e repetírono en anos sucesivos.

Posiblemente a descrición máis antiga que se conserva deste ritual madrileño sexa a de Ramón de Mesonero Romanos, autor costumista madrileño que na súa obra Escenas matritenses fai mención ao Enterro da Sardiña do seguinte xeito «O cortexo procedía do barrio da Latina e baixou pola Porta de Toledo ata a ponte do mesmo nome, rodeando o Manzanares. Na comparsa ía de todo; desde disfrazados con cabezas postizas ata romanos, pasando por berberiscos e penitentes. A mascarada facía ostentación da súa astrosidade e mal gusto. Abondaban as vasoiras molladas en viño a modo de hisopos, berros e cantos incoherentes, e amenizaban o conxunto catro ou seis gatazos negros atados polas patas na punta dun pau e enarborados en alto a xeito de pendóns... A sardiña auténtica ía na boca dun monicreque, o señor Marcos, levado nun grotesco ataúde... Na procesión formaban varios coros coas clases máis humildes da cidade, cabalos, cans que ouveaban e máscaras espantosas».

Tamén Pascual Madoz alude a este ritual da seguinte maneira: «Se reduce a disfrazarse varias parejas, por lo regular de gente ordinaria, de frailes, curas y demás empleados de iglesia, llevando pendones, estandartes y mangas parroquiales estrañas, con escobones o jeringas por hisopo, orinales por calderilla y otras insignias burlescas. Estas turbas conducen al hombro, en unas angarillas, un pellejo o bota de vino con una careta, o un pelele en cuya boca ponen una sardina, y de este modo, precedidos de un tambor o de clarines y bocinas, recorren muchas veces la pradera, cantando lúgubremente, imitando a los cánticos de los entierros y aspergeando a los circunstantes en sus fingidos responsos con los escobones llenos de agua. Cansados, concluyen por enterrar en un hoyo la sardina y ponerse a merendar y beberse el vino del pellejo que hizo de muerto...».

O Enterro da Sardiña está reflectido no cadro do mesmo nome realizado polo pintor aragonés Francisco de Goya entre os anos 1812 e 1819. Nel o pintor plasma a vitalidade popular, a ledicia de vivir do pobo, que goza de liberdade e pode manifestarse sen ningún tipo de restrición, aínda que sexa nun tempo curto no que as leis e as institucións quedan abolidas.

Aparentemente, o Enterro do Entroido debía simbolizarse enterrando carne e non peixe, que vai ser algo moi habitual na dieta gastronómica da Coresma, debido ao período de abstinencia e xaxún, que hai segundo o precepto cristián. Agora ben, na antigüidade, cando se comía de vixilia durante toda a Coresma, adoitábase enterrar un costillar de porco ao que se lle daba o nome de sardiña, distorsionándose o seu significado polo que no intre actual ten de peixe. Sen embargo, Federico Cocho, dínos que esta interpretación non é obxectiva, debido a que non hai respostas axeitadas á persoa, lugar e momento no que se usou o termo sardiña cun significado diferente ao que ten hoxe. Outra interpretación fai referencia a un sentido ambivalente da sardiña. Así, por unha banda simbolizaría á Coresma ao ser un peixe, mais por outra podería representar ao Entroido xa que ao comela salgada estimularía o consumo de viño.
O Enterro da Sardiña na cidade de Lugo (1)
Con respecto a Galicia e dun xeito preferencial a Ourense, Vicente Risco fai as seguintes alusións: «Chamaban á xente cun bando, no que disputa que quen quixera ir, se presentase no sitio envolto nunha saba branca e cunha vela de sebo. Saía o enterro de noite, con pendóns e estandartes feitos con follas de bacallau levadas en canas, unha gran choca, que arremedaba a antiga campaíña dos enterros, incensarios imitados con braseiros onde ían queimando zapatos vellos e cousas que cheirasen mal, deixandoatrás do enterro un fedor que non se resistía; os cregos cantando; un sacristán cun caldeiro de auga de fregar e unha basoira facendo de hisopo; os agarrantes levando a caixa ou cadalsito; as pranxideiras ou choronas berrando detrás; os do duelo, moitas veces de chistera e coroza, e, por fin, o acompañamento.»

Así mesmo, Taboada Chivite menciona «que a morte i enterro do Entroido simboliza a expulsión do Inverno e a instauración da Primaveira. O lanzamento do moneco á iauga, con pranto e cantares alusivos, lembra ó pelele que as Vestales de Roma tiraban ao Tiber en rito catártico...». Pola súa banda, para Clodio González o Enterro da Sardiña é unha escenificación dun enterro segundo o rito cristián, no que hai cregos, autoridades, choronas, e persoas de toda índole formando parte da comitiva. Ésta adoita deterse nunha praza onde se leva a cabo a lectura de diferentes estrofas ou salmodias, que amosan un carácter burlesco e satírico. Finalmente, o cadaleito coa sardiña no seu interior pode ser enterrado, queimado e mesmo tirado a un río.

Este ritual comezou a implantarse nalgunhas cidades e vilas galegas a partir da segunda metade do século XIX. O motivo esencial foi debido ao desexo de incorporar costumes e tradicións da capital do Estado por parte daqueles grupos sociais que exercían unha maior influencia na poboación.

Polo que respecta á provincia de Lugo, temos constancia da existencia deste ritual na cidade de Lugo e nalgunhas vilas como Burela, Monforte, Vilalba e Viveiro. Noutras, como Chantada e Sarria, a súa implantación foi meramente temporal.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES