Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sentenzas, Fías e Ruadas (7)

martes, 13 de febrero de 2018
.../...

O Xuíz

Dígame usted, buen señor,
si es casado o soltero;
si tiene alguna ocupación,
y en donde cae su pueblo.

Non sei se me pasarei de suspicaz, pero aquí vexo unha alusión á Garda Civil pois, nos seus recorridos, sempre confirmados coa firma dalgún veciño da súa confianza, preguntaba e repreguntaba, incluso aos cativos, ou máis ben aos cativos. Tiñan o hábito, arraigado, de ver sospeitosos, fuxidos, en tódalas corredoiras, que por algo se dividían nelas pasándose aos cómaros paralelos. O sospeitoso deixaba de selo se os invitaba á súa casa, e mellor aínda se tiña cociña "económica" (bilbaína), proba de que o señor pertencía ás "forzas vivas".

Testemuña

Eu son veciño do galo,
e compadre do granxeiro;
de oficio, afiador,
e por desgracia, solteiro.
Ocupación teño, teño.
¡Oxalá non a tivera:
traballando de continuo,
e sen ver unha cadela!

Aquí tamén amosa a lectura do Catecismo do Labrego: “¿Es labrego? ¡Si, pola miña desgraza!”

Sentenzas, Fías e Ruadas (7)
Mais deixemos estas cousas,
pois eu veño declarar;
téñolle tanto qué dicir,
que nin sei por onde empezar!
Haille que ter coidadiño,
pois o galo non lle é bobo,
que lle empeza a saltar,
e ao menos pícalle un ollo!
Mire que a este pillabán
hai que atalo cortiño;
que non está un tranquilo,
nin sequera no camiño.
Galeoulle unhas poliñas,
das do pescozo pelado;
e das picotadas que lles deu,
as polas ían sangrando!
As pitas vellas que había
el non as quixo atender,
e a consecuencia diso,
quixeron adoecer.
Ata a unha destas vellas
lle fixo tanto dano,
aos poucos días andáballe
cantando coma un galo.

Era o cacarexo das pitas vellas, das cebonas, as únicas que o labrego se permitía o luxo de matar cando o visitaban os seus compadres, volvían os fillos do Servizo Militar, ou de América, na festa do Patrón, ou cando había un parto na casa.

Alí houbo unha patrona
que non sei que lle pasou,
pois logo deu en cansar,
e aos poucos días marchou.
O caso é que este perillán
traille o pueblo en vilo;
foille unha boa limpeza
isto de traelo detido.
Ata os sembrados dos pueblos,
que todo o botaba a perder:
¡nin sequera unha cebola
se podía recoller!
Na casa dunha señora
vostede xa sabe que entrou:
tiña un pouquiño de arroz,
¡e enseguida llo papou!
Dígolle, señor Xuíz,
que mire pro que está,
porque se pon este mundo
feito unha calamidá.

"Mire para o que está" era a rabexa contra os funcionarios porque habitualmente non atendían o seu cometido, ¡e menos sen levarlles un pernil!

Vostedes que son da Xustiza,
e teñen cara de serios,
poñan as cousas en forma
para que se acaben estes lerios.
Porque a metade destas cousas,
se eu fora quen mandara,
con esta xardola que traio
algunha estaba arreglada.

A política de "pau e tente teso" chegara a ser un síndrome; case, case, unha hipnótica apetencia.

Sei que aínda lle dou gusto,
que non me manda calar;
pois traballeille bastante
pro que me van pagar!

Fai mutis brandindo a caxata, e crúzase á saída do palco coa terceira testemuña, que saúda desde arriba:

Hai boas tardes para todos,
aquí lles vou meus amigos;
eu véñolles para declarar
pois ao visto son un testigo.

Xuíz

Dígame como es su gracia,
en donde tiene su pueblo,
y si tiene parentesco
con la familia del reo.


Testemuña

Se me quixera falar
un pouquiño máis en galego,
porque eu nisto do castrapo
case nadiña lle entendo!

Aquí temos outro desiderátum, pois dicir isto en público, nun Tribunal, por moi de comedia que fose, no ano 1948, e que non se decatase, ou reaccionase, a Garda Civil, é incrible. Ou beberan dabondo, ou se dixeron: "Son cosas de la burramia de estos paisanos, que no saben lo que dicen".

Vivo detrás dese monte,
aí cara a Lugo mirando;
gracia pouca lle teño,
pero voume arreglando.
Eu da familia do reo
non lle son nada, nin quero;
tampouco llo coñecín
ata que chegou ao pueblo.
O día que chegou, vino,
¡Oxalá que non chegara,
que fixo cada faena
que inda dá noxo contala!
Entraba nos galiñeiros
como se fose o amo;
comíalle o que encontraba
e a picotazos co galo.
Na casa dunha patroa,
alí entrou ata a despensa;
comeulle canto tiña,
e ata se ensuciou na mesa!
Tiña a patrona guisantes,
que os quería sementar.
¡Nin sequera deixou un
que se puidese aproveitar!
Non lle galeaba as vellas
porque estaban desplumadas...
¡Pois il tamén ha ser vello,
se non morre nas andadas!
Ata lle matou un galo
porque galeaba a feito;
que lle foi lástima dil,
que non era mal suxeito.
Alí a unha veciña
foille escalar ao hórreo;
cando ela se deu conta
tíñao descuberto todo;
e mire se foi desgracia
que nestes medios choveu:
molláronselle os queixos,
e algún ata podreceu.
Para castigar estas cousas,
fíxese ben no que digo,
que se eu sigo declarando
levántaseme o xuízo.
Poñan as cousas en forma,
e aten curtos os negocios,
que estes novatos d´agora
queren mandar máis que todos.

As novas xeracións, as da posguerra, empezaban, ¡empezabamos!, a esixir cartos, roupas, liberdades, estudios, etcétera, e iso rompía coas tradicións patruciais; ¡daquela os vellos poñíanse en garda!

Quero que fagan xustiza,
e que non pasen por riba,
porque se non este mundo
ponse feito unha tortilla.
Termino de declarar
e xa non digo máis nada,
que se me poño cego,
teño para toda a semana!

Quere dicir, máis ou menos, "Se me poño cego..., se dou solta, sen prudencia, á carraxe que me motiva este reo..., porque cometeu delitos dabondo como para declarar durante unha semana".

As testemuñas baixaban do palco-tribunal amodo, saudando e xesticulando graciosamente. Por alí cerca montaran un chiquiteiro a onde os acompañaban os "picapreitos", con porte e ademáns de señoritos, fachendándose, para celebrar por adiantado o éxito da querela. Comen e beben de forma groseira para chama-la atención, tal que agarrando coas dúas mans, comicamente, restras de chourizos, pans enteiros, xerras de viño, etcétera...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES