Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Sr. Presidente do Parlamento invita á Igrexa a incentivar o Galego

lunes, 12 de febrero de 2018
«El presidente del Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, ha destacado la labor del eclesiástico orensano Manuel Vidal a favor del gallego al tiempo que ha invitado a la Iglesia a "seguir incentivando el uso de la lengua gallega en la liturgia" como "espacio también de cultura y de normalización". Vidal tuvo un "papel destacado" en las Imandades da Fala en Compostela (1916) y fue uno de los firmantes del manifiesto a favor del Estatuto de Autonomía de Galicia en 1932 Finalmente, ha destacado su carácter "comprometido con la lengua y con la cultura de Galicia».
(Fonte: RELIGIÓN DIGITAL, Redacción, 06 de febrero de 2018. http://www.periodistadigital.com/religion/).

Señor Santalices. Sr. Presidente do Parlamento da Galiza.: Os meus respectos para a súa persoa, como para todo ser humano. Pero medias verdades e hipocrisía as menos posíbeis.

Vostede forma parte moi militante dun grupo político que entrou a saco na destrución da lingua e cultura galegas. Sen conmiseración. E fixeron descender a fala, a presenza e os usos dela aos mínimoshistóricos de todos os tempos e minguaron a valoración e o respecto por ela, porque incluso a degradan con xuízos e prexuízos de valor deletéreos onde os nenos, tamén os da miña familia, xa senten agora como abraio dela pola insistente campaña de desprestixio que emana da Xunta de Galiza, da Valedora do Povo, de moitos parlamentarios e políticos da Galiza e mesmo do empresariado maioritariamente do seu partido o PP de G.Pero non só.

Só un exemplo: Eliminaron o Decreto Fraga, ((do seu partido), que fora consensuado polo Parlamento da Galiza. Por un puñado de votos. Non califico.

O Sr. Feijoo, se ollamos ao seu historial, só é forte na destrución de canto toca,con promesas falsas, consciente et ab initio.

O Sr. Vázquez, Alcalde do seu Ourense, ademais de estragar a concordia, prohibir falar e asomarse á lingua en toda a etapa preescolar, tamén aos nenos enenas galego falantes,mesmo cando os pais o esixen e reclaman, destruíu por centos de milleiros os textos escolares en galego,(que xa tiñamos pagos entre todos), para que non puidesen seren usados, e creou o enxendro da "galiñas azuis”, co azul da falanxe.

O Sr. Vázquez apareceu, aínda hai días, en fotografías de arquivo das que conservo a referencia, con grandes e efusivos arrumacos coa Sra. Lago, co gallo de ataques furibundos e persecutorios á lingua e cultura galegas, desprezando de forma altisonante un Estatuto que xa naceu eivado pola miseria democrática dos que estaban daquela no poder.

Pillaron a un home de palla, documentado, pero un auténtico miña xoia, como é o Sr Anxo Lorenzo, que vendeu a alma colectiva por un carguete do que ata está desaparecido, etc.

Non, Sr. Santalices, menos andrómenas. Estiven hai dous anos na misa de Rosalía no Panteón de Galegos ilustres. Estiven de pé, mesmo ao ladiño, ao ladiño, de vostede e do Sr. Presidente, (ese dos audis de Touriño), e escoiteilles uns comentarios de cal era o seu pensar cando celebraba a misa o Padre Cavada, sucesor do Padre Seixas.
Primeiro, hai que ser honestos, no público e no privado. Estou sendo moi suave porque non é con palabras altisonantes como se arranxan os problemas. Pero inexactitudes, as menos posíbeis. E eu só relato feitos.

E tamén fala da Igrexa para que incentive o uso do galego na liturxia.

Como claudican da propia responsabilidade e lla pasan a quen non ten esa función política? Ou é que a vostedes, os partidos todos, se lles encarga e responsabiliza de que elaboren os rituais sacramentais? Quen ten na man toda a política Lingüística? A igrexa? Calquera igrexa? Porque todas son igrexas galegas, penso eu. Ou é que a Igrexa Evanxélica, poño por caso, non é igrexa e non é tamén tan igrexa galega e tan de pleno dereito? A política do ensino e da lingua galega coma das outras disciplinas académicas, o uso nos medios e no desenvolvemento cotián da vida civilizada e en calquera faceta, é da responsabilidade da sociedade civil, organizada
democraticamente.

E o Goberno e o Parlamento, etc., son os responsábeis da promoción, protección, prevención, curación, rehabilitación, reinserción e resocialización, como o son da política sanitaria neses mesmos pasos xa estudados cientificamente.

Que non veña o Sr. Feijoo, Presidente do seu partido, falando de “bilingüismo harmónico”, e logo inflan con cartos de todos nós aos medios polos que introxectan toda a maior desarmonía posíbel minguando a autoestima e creando xenreira polo NÖS, con xuízos altisonantes de separatismos e outras falacias xa vellas e rancias. E só usan o galego para os anuncios institucionais que vostedes mesmos lles outorgan e volven a pagar do erario de todos nós..

Pero ademais tampouco veña con enganifas. A igrexa galega, antes e agora, deu as costas a todo o do pobo. Fai o mesmo ca vostedes. Van da man na mesma “política” degradante da lingua. E digo degradante, porque a desestruturan: lembre aquilo de “Desván de los Monjes” e todo así. Non lle teñen respecto. Nin nos respectan cando pedimos morrer en galego. Con que un cura diga, NON!, xa está.

A estatuas de Isaac e Abraham, patrimonio común, aínda están en poder da familia Franco porque vostedes protexeron iso desde hai tempo. Sempre vetaron e votaron en contra dos que as veñen denunciando e reclamando desde hai anos. E ese é patrimonio material e espiritual noso. Patrimonio histórico.

A vostede como home eu non lle reclamo nada. É maior de idade. Como Presidente do Parlamento, do meu Parlamento, pídolle que defenda e non claudique da misión que lle demos e pola que pagamos algo máis que unha miseria mileurista.

Se vostede quere dicir que moitos eclesiásticos, coma outros insignes cidadáns, optamos pola lingua a pesares de que se nos castigou nos seminarios, iso é outro asunto.

Nas freguesías, vostedes, os seus conmilitóns, fannos imposíbel iso que vostede está a dicir. Séguese a prohibir de facto o uso normal da lingua. Bos son vostedes para chegar ao final de calquera acto relixioso requiríndonos o non uso da lingua autóctona, recoñecida polo Estatuto, porque unha persoa, só unha persoa non galego falante, que leva aquí toda a vida, esixe que se lle “hable en cristiano”. Non sabiamos que Deus, na súa vellice se volvese xordo e esquecese o don de linguas do que nos fala o Evanxeo.

Unha cousa é a “Igrexa oficial e a clerecía” e outra moi diferente é que algún eclesiástico sexamos fieis ao noso Patrimonio espiritual, onde por certo están todas as linguas do mundo. Porque, se o miramos ben, os únicos bilingües ou mesmo políglotas somos os galego falantes que polo menos dominamos dúas á perfeción e defendémonos noutras varias, porque, como pobres, tivemos de saír ao mundo.

Non, señor Santalices. Nós, os respectuosos co pobo e a lingua do pobo galego, sempre fomos unha excepción malquerida, malmirada e maltratada.

Preguntouse a si mesmo o por que nas cidades NUNCA houbo misas en galego en cada templo, nin sequera na catedral do bispo, nin outras expresións: catequese, devocións, etc. en galego? E pídelles a estes que se encarguen da lingua?

Este problema xa o denunciou o Bispo Araúxo e o mesmo Concilio Galego. E perseguíronos: Araújo al paredón! Así estivo escrito meses e meses nas paredes do bispado de Ferrol.

Documéntese ou, en de non, non vaia de sobrado cando fala e contesta aos entrevistadores.

Olle Sr. Santalices: se o dano que fixeron e lle fan ao patrimonio espiritual o fixesen co Hostal dos Reis Católicos ou só co cruceiro de Hío, etc., ao mellor, se se fixese xustiza sincera, ao mellor, na cadea había un sitio por delitos non menos grandes dos que os do Sr. Junqueras ou os do que “gardou” o Códice Calixtino, que por certo, non o destruíu. Conservouno, custodiouno e púxoo en valor universal facéndoo popularmente famoso ao denunciar que vostedes todos non tiveron os coidados debidos que esa xoia merece e pola que deben ter responsabilidades por ser do valiosísimo patrimonio do común. Ese señor nin o vendeu, nin o deteriorou, nin malversou. Xa quixeramos que coidasen a lingua galega como el coidou o Códice.

Non. Non o están a facer.

Só o gardou por una tempadiña e iso pode merecer que se lle chame a atención pero non é para ir á cadea. Se a cantos rouban nas bibliotecas e arquivos públicos se lles tomase contas, Ai, daquela! E aos que arruínan a lingua?
Penso que xa expresei que non quero deixarme enganar máis: "Que no me cuenten más cuentos, que ya me sé todos los cuentos". Sabe quen o escribiu, non si?.

Cando vostedes se vaian: a sanidade pública, as igualdades de oportunidades en educación e ensino, a equidade rural/urbano, a defensa da dignidade da muller, a protección social aos pobres e excluídos, migrantes, viúvas, orfos, enfermos e anciáns, a xustiza xusta áxil e equitativa para os de abaixo e os de arriba, (Rato, etc.), cando vostedes se vaian, repito, estarán podres de riquezas e, coma os das Caixas, non terán responsabilidades, porque no noso pobo xa nin pedimos responsabilidades.

Carlos Solla escribiu un libro: Galiza quere povo. E Xosé Luís Barreiro Rivas un ensaio: A terra quere pobo. Premio Ramón Piñeiro 2003 .

Un idioma é obra de moitas persoas, de plurais xeracións e de moitos séculos. Porque aí están a lingua e a linguaxe. E iso non se improvisa. É cousa de pobo, non de libro de memoria papagaia. A lingua esta feita de amor e desamor, de trunfos e bágoas, de usos e abusos, mesmo de mortes naturais e malas mortes. Hai un canto na liturxia: Tómame a min, coa miña historia, Señor! Aí está o humus no que asentamos, o adam, o home que asenta na adamá, a terra, esa que se queima por desleixo nun plis plas pero que formala levou millóns de séculos. No eido da lingua galega cando vostedes se vaian xa todo será unha desfeita.

E o chan da lingua e da cultura, do patrimonio espiritual, a adamá, de todo aquilo que signifique patrimonio colectivo, da clase que sexa, xa ficará queimado para sempre coma a Galiza deste verán. Quen pode quererlle a unha realidade queimada? Só os especuladores queiman e arrasan sen consideración. Só miran con ollos de negocio privado sobre os laios e salaios das multitudes errantes e erráticas que vagan sen teren nin sequera onde morreren: “Ata lles dan de prestada a beira pola que camiñan a quen naceu desdichado”,

Sinto que non goste do que estou a denunciar pacifica e civilizadamente. Se non quere perder o sono, non faga proclamas elevando a universal a bonhomía particular do Sr. Vidal do que vostede fala con admiración,e de quen eu estou ufano de ser un pequechiño seareiro. Pero esa foi a excepción.

Pense só nos bispos Blanco Nájera ou Temiño que cubriron case un século do seu Ourense e deixaron unha desfeita nefasta en varias facetas, non só no da cultura e lingua. E agora mandan que calemos.

"Que descanse das súas fatigas, Señor Santalices porque as súas obras e palabras o acompañan".

Cordialmente, porque doe. Pero con claridade. Vostede é médico e sabe disto.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES