Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Calor

sábado, 10 de febrero de 2018
Semella contradictorio poñerse a escribir de calor nunha xornada de invernía seca coma a que vivimos hoxe -onte, para vostede- nos arredores da miña vila, e poucas horas despois de despedir a quen lle transmitiu a un o xen da vida.

Semella contradictorio falar de calor, pero foi a palabra que me ocupou os miolos dende a praza Maior ata o camposanto de San Verísimo. Unha carreiriña de can, que dá para pensar -e moito-, mentres o elo que te xungue con tódolos teus ancestros e do que ti es consciente consecuencia, vai inerte, rendéndolle contas ó silencio perenne ó que se enfronta alí soíño, e desafiando á desmemoria da que acabaremos sendo víctimas cando o reloxo pare na hora xusta.

Semella contradictorio falar de calor cando a morte sega a herba tan arrente dos teus pés, que mesmo es quen de escoitar o zas do fío da gadaña e incluso frío do metal rozando os dedos.

Semella contradictorio falar de calor, pero, por máis que haxa alguén que non me crea, iso foi o que sentín estes dous últimos días nun espazo aparentemente frío como é un velatorio. Ese lugar onde nunca queremos estar, nin cos nosos nin cos alleos, pero ó que de forma recurrente nos levan os pasos, coma se fosen pasos perdidos.

Semella contradictorio, é certo. Pero non o é. E non o é, porque cando o clan decide dar calor, non hai xeada, nevarada, nin nada -absolutamente nada- que o semelle, que sexa quen de apagar a luminaria.

Non é calor dese que se mida en graos centígrados ou fahrenheit, coma o da auga da Burgas. É un calor cálido, que se transmite nun abrazo sentido, nun simple apretón de mans, nun xesto que substitúe ás palabras que non vibran na gorxa porque un non acerta a pronunciar as palabras adecuadas, ou nun aparente bisbiseo, case imperceptible, pero que chega ó corazón porque neses momentos o receptor -que eramos nós- ten programado na súa medición máis sensible a antena dos afectos. É un calor que se conta coma os graus da area, un a un, alí no subconsciente, pero que, cando te decatas, acaba formando un areal inmenso e candente, que no canto de queimarte, te acariña e te reconforta.

Eu intuía que había calor porque el, membro orgulloso do clan, sempre repartiu o que puido. Á súa maneira é certo, pero sempre a peito descuberto.

E ese calor chegoume -chegounos- de volta onte e hoxe, coma quen lle abre a billa á pipa denantes de trasfegar.

Non é doado de transmitir o que un sinte nestes intres, cando actúa como recipiente desa calor. O que si é certo, é que se antes un tiña compromiso co clan, agora ese compromiso transformouse en débeda que non se pode saldar cunhas simples "Gracias", senón que terei que saldar devolvendo calor para que a labarada do clan continúe viva.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania