Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Anxo Lamas

jueves, 08 de febrero de 2018
En Bazar, na Terra Chá, vive coma un monxe cósmico o pintor Anxo Lamas, que reza laudes sen máis verbas có canto da laberca, do merlo, e do malvís cando é outono.

Hai moitos anos, tantos! estudou no seminario para crego, mais buscou outros altares ceibes, primixenios. Aprendeu con Dalí, con quen rifaba ás veces, e é por iso que pinta cristos arrepiantes, pois son o que son a imaxe dun home torturado, asoballado, vendido e vencido… cristos en cruces fracasados.

Deixou miles de cadros polo mundo, e se vos achegades a Bazar atoparedes no seu estudo centos de táboas de cores e figuras. Son táboas que tellaron alpendres e casas xa esquecidas na Terra Chá, quizais como querendo resucitalas do exilio da memoria.

O estudo de Anxo Lamas semella unha capela de romaxe, unha hermida de santiños pequeneiros e humildosos, sen incensos nin roupaxes, vestida coa luz da natureza.

En Castro de Ribeiras de Lea, onde doou parte da súa obra ao pobo, presentaron na véspera das Letras un libriño seu de poemas, ben fermoso. É breviario de paxaros, de fontes, de vellos, do acordo doloroso da naiciña, da terra, dos ratos, das vacas contemplativas. Como é maio, quede aquí este cantar coma unha floriña ao pé da nai do noso Señor.

Nosa Señora da Portería
No seu agocho, no alto dun outeiro
no pedestal de egrexio, trono
na igrexa de laxas pizarrentas
enraizada no que antes foi castrexo
reina a señora.

Ca súa cariña guapa, mira compracida
ós homes e ás mulleres que a visitan
alédase de velos cada día.

Salve a ti! raíña da dozura
que gardas compracida a portería.
Salve a ti! alegre bolboreta.
Que cobres co teu manto a freguesía
abenzoada sexas eternamente
no teu outeiro.
Que a todos nos vixía.

- Publicado en Irimia, o 23 de maio de 2013.

(Anxo Lamas finou o 4 de febreiro de 2018).
Aramburu, Rubén
Aramburu, Rubén


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES