Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Alonso Montero e demais compañeiros...

lunes, 05 de febrero de 2018
A Alonso Montero e demais compañeitos da Escola Normal de Maxisterio de Lugo no ano 1967, co gallo da celebración das Vodas de Ouro da promoción dise ano.
.
Benquerido D. Xesús e demais profesores nosos:

¡Saúde,Terra,Loita, Esperanza, Gratitude, Paz… e milleiros de apertas agarimosas de todos nós!

Desde a ventá do hospital Polusa, observo Lugo, cincuenta anos despois da miña estadía estudiantil nas súas mans e nisa cidade. Pouco se parece hoxe iste extrarradio, daquela de leiras e casas illadas, ó de hoxe, ateigado disas moles de formigón que proliferan polas afóras para seren lares e recunchos de soños dos obreiros.

Nunha visita fugaz á cidade, observei que o Casco é hoxe moi parello ó de entón. Reformáronse casas e locais que, na maioría das veces, danlle unha imaxe de nova cidade, mais á estructura de diseño de rúas, alo menos intramurallas, mantense. Ós románticos, aqueles que amámo-las pedras, a choiva, a friaxe do inverno e os vellos soños, aledámonos moito da significativa melloría da muralla e da peatonalización das rúas interiores.

A Praza está casi parella có seu Concello, soportais e terrazas… ata está a farmacia e creo que a radio. ¿O Circulo?…morrendo, como símbolo daqueles decimonónicos e clasistas lugares, fermosos na decoración e, ás veces, con atraíntes espectáculos dignos de respeto, mais coto vedado para aqueles pobre estudiantes da Provincia. Estalle a pasar o mesmo que lle pasou ó Casino, hoxe Zara. Bó sería que un edificio realmente fermoso fose aproveitado polos lugueses con actividades interesantes como centro cultural ou cousa parella. Malia os troques que fan os cartos. Tamén desapareceron os cines coma o Gran Teatro, Kursal, Paz…hoxe grandes almacéns ou vaia saber Deus. Aló van aquelas amplias salas onde o tecnicolor servía para alonxarnos unas horas da penumbra gris e soñolenta que supoñía unha sociedade tamén gris.

Dicía nun artigo anterior que todo era gris. Desde o ceo ata a policía, pasando polas rúas e casas, onde o granito tanto servía para ser muralla, sempre amusgada, coma para acougar ós creintes diante o Santisimona catedral. Unha sociedade calada, remisa e tímida para os cambios; xente sumisa ó ordeno e mando, con funcionarios de vida relaxada e privilexiada, daquela, moitas veces ilustres inútiles vencedores dunha Guerra incivil que concedía prebendas ós seus. Agás houbese excepcións.

Nós viviamos sen decatarnos, por mor da desinformación, do medo das casas e da nosa xuventude, máis pendentes e de mozas ou mozos e de farra, e desconocíamos unharealidade tan certa como foi “a longa noite de pedra” e na nosa inconsciencia, que aínda perdura, chegámola ver coma normal pois sabido era que nas casas odiábase a política e chorábase con auténtico dor.

Por aquel entón, vostede, D. Xesús, con conciencia cívica, amplísima formación e didáctica maxistral, preguntábame, ó reparar na miña afición por escribir, se leera os clásicos da Nosa Literatura e así amosoume a miña ignorancia. Desde entón algo mellorei en canto á lectura. Daquela, perdoe que llo diga, gostábanme máis ve-las rapazas pasear pola pasarela da vanidade, que por entón era a calle da Reina, hoxe rúa da Raíña ou en calquer outro lugar. As miñas aficións eran tomar viños e montar guateques. De estudiar, máis ben pouco… ou nada. Aínda hoxe non sei como aprobábamos algúns. A mín Doña Ana María aproboume a Física por montar o decorado da elección da Miss Maxisterio.

Cada un témo-las nosas anécdotas e ben recordo con gratitude, pola comprensión, que vostede dábame permiso os venres á tardiña para ir ao cine coa moza. Porque o certo e que dicíalle que ela ía para aldea e non a vía ata o luns. Verdade certa. E vostede, torcendo a cabeza, aceptábao dicínndome: “Hoxe tamén”. I eu marchaba todo ledo.Sempre hai alguén que se decata das realidades. Das mozas e das da vida.

Seguiréi contándolle do noso Lugo. Hai moita xente que vive para amasar cartos e por iso Lugo sufreu aldraxes de empresarios sen escrúpulos; deses constructores, depredadores medioambientais, que só ven a beleza nos euros; políticos máis pendientes da sona e a presunción que do servicio público; de pusílánimes bandullos de taberna… Lugo, D. Xesús, poidera ser un paradigma disa deixadez tan galega e ise fatalismo que nos inxectan uns políticos de cuarto e mitade como os pitos. Pasan, algúns que non me queren entender, votándoos toda a vida e logo todo son laios. Máis algúns quedamos para non votalos e para vivir e namorarnos todo-los días para segui-la loita pola Terra e os nosos.

Hoxe non ten sentido para moitos de nós, estragos que fai o tempo, aquel amor físico que tanto nos fixo sofrir naqueles dazaoito anos. Hoxe vivimos para amosar o verdadeiro cariño que un sinte polas persoas coma vostede e moitos daqueles profesores; querémolos, igoal que os lugares por onde pasamos, e que nos pertenecen porque os amamos, coma o propio Lugo, e a cousas… como aprendimos do mesmo Noriega ouTeolindo Pardo coa súa Carretilla ( poema de fondosa carga social).E niste intre cómpre reafirmar o noso amor eterno a Lucus Augusti. Hai cousas que son de caixón.

Como xa sei que sabe, reunimos en Lugo os compañeiros da promoción do sesenta e sete e alí escoitamos o seu mensaxe cheo coma sempre das súas máxima vitais: O amor polos alumnos e por elo á Terra. Ou viceversa. Os vieros da vida, D. Xesús, son, como ben sabe, coma moitas cousas, inescrutables.

Daquel entón coido que os profesores xa morrerían na maioría dos casos como o fixeron algúns compañeiros desgraciadamente, outros porque están ou estamos lonxe, outros porque teñen que coida-los netos, algúns porque non se enteran, outros porque se fan raros, algún porque dín gardar malos recordos... Pero agora estamos acó os que lles agradecemos os esforzos e a loita por educarnos e prepararnos para a vida. Unha vida que case xa vivimos decatándonos da importancia que supón ser unha boa mestra ou mestre para seren exemplo de persoa. Moitos de nós vivimos para o ensino e tivemos que loitar e adaptarnos ós cambios xeneracionais e nas circunstancias políticas máis levadeiras e que desembocaron na democracia. Por certo, ista veu dun traballo colectivo e nin foi regalada nin doada. Cómpre pois termar e cuidala mellorándoa. Nos, coma Mestres, tivemos que adaptarnos a hábitos e cambios no campo da libertade para perfecciona-los valores e amosarllos ós nenos cunha morea de esforzos e agarimos.

¡Qué feliz fun amando os nenos! Outros compañeiros colleron outros vieros que presentaba a vida, e sabedores do que significaba o ensino, souperon adaptar aquela enseñanzas ó seu traballo.

Persoalmente tiven a sorte de disfrutar da súa compaña en algunhas das moitas veces que ía a Madrid. Heille dicir que me sentía moi orgulloso de haber sido alumno seu cando escoitaba as maxistrais conferencias que, xa no Circulo das Artes, xa no Ateneo (son dous lugares que recordoagora)…conferencias das que salía reconfortado na ialma para o servicio da Terra. Direille, porque cómpre sabelo, que despois, grazas ao traballo doutro enorme profesor de galego como é Freixedo Tabarés, no Centro Galego, estudiei os cursos da Xunta. De Freixedo só lle direi que me tratou coma un auténtico fillo, mais eu, tolo como son e desagradecido como fun tamén, saínlle pródigo. Incomprensible actitude dun ser humán.

Daquela fonte da nosa Lingua, na que vostede me amosou a beber, tiven a fortuna de “pegar” con outros homes como o bó de Ben cho Shey, que andaba, na Transición, entre a asociación Lóstregos e o Centro Galego. Por certo, unha sociedade que papou nove anos da miña vida trocándoa no que deberá ser. Algo conseguimos. Nises tempos, Madrid tiña certa actividade galega e permiteume coñecer xente que amaba a Galicia co corazón (Programa de radio dos amigos Lombao e Manolo Méndez), charlas en Sargadelos, Ateneo, Centro Galego…, e unha serie de actividades que me permitiron coñecer, e nalgún caso tratar, con isas figuras senlleiras da nosa cultura.

Rematarei dicíndolle, dicíndolles, porque cada mestre aporta o que tén de seu, que hoxe felizmente xubilado, igual que os meus compañeiros, sigo loitando pola Terra e sementando ise amor que necesita para salir desa postración e indolencia que tanto me doe. Son xa anos nos que amence a palabra vellez, e sería moi reconfortante que, despois de tanta loita, alomenos non nos cansáramos. Grazas por facerme mestre, por enseñarme a ser home e polo seu exemplo. E grazas aos meus compañeiros por compartir con iles eses xantares de lecer e por saber nalgúns casos que me sinten como amigo. Apertas fondas a mestres e compañeiros.
Timiraos, Ricardo
Timiraos, Ricardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES