Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pregar e sandar

domingo, 04 de febrero de 2018
Coma nos nosos tempos, tamén nos tempos de Xesús había naturalmente, polo que se ve, gripe e febres. Tal como nos pasa agora que estamos no inverno e as gripes e constipados acostuman visitarnos. A xente pobre e marxinada seguramente sería entón, igual ca hoxe, máis indefensa ante as enfermidades. Como sabemos, os irmáns Simón Pedro e Andrés por unha banda e Santiago e Xoán pola outra eran da clase baixa. Simples pescadores ocasionais. Os seus familiares serían tamén polo tanto xente humilde e sinxela, da mesma clase social ca eles.

Simón, o primeiro papa (aínda que daquela non se empregasen estas solemnes expresións), estaba casado -como tamén probablemente os demais apóstolos- e a súa sogra estaba encamada, afectada pola febre. Era lóxico que, aínda que a enfermidade da sogra de Simón Pedro posiblemente non fose grave, quixese Xesús ter polo menos un pequeno detalle coa nai da muller do seguramente máis impulsivo e xeneroso dos seus discípulos. Marcos dinos que Xesús a colleu da man e a ergueu da cama. Coa súa mirada e o seu sorriso agarimosos Xesús sandaba a xente.

Hoxe en día, e con toda razón, estase a pór de relevo unha e outra vez a importancia de Xesús como sandador, como curador misericordioso. Marcos dinos que, despois de sandar Xesús a sogra de Pedro, se amoreou moita xente á porta da casiña onde vivía a enferma e alí curou a moitos enfermos. Que quero dicir ou, mellor, que queren dicir importantes entendidos actuais coa importancia que lle dan a Xesús como curador ou sandador? Non se trata de que o oficio de Xesús fose simplemente ese. El curaba, si, pero non a todos nin por todas partes. Seguía a haber xente enferma. O que pasa é que Xesús vén indicarnos co seu comportamento a dirección, o camiño que deberiamos seguir os seus discípulos. Xesús non se preocupou propiamente de darnos unha moral especial, non vai establecer ritos ou cultos novos, non vai fundar propiamente tampouco unha nova relixión. O que vai facer, si, e de maneira moi insistente, é ser e mostrarse compasivo coa xente, atender a todos, escoitar a todos, apoiar os humildes e necesitados para que saiban sentir en si mesmos a dignidade de fillos de Deus. E todo isto de maneira moi concreta e real.

Sendo e comportándose Xesús así, móstranos ben claro como é o seu Pai e o noso Pai e lévanos así a el. Porque Xesús non é un simple filántropo, baseado en consideracións puramente humanas. El sabe que o Reino que nos trae está fondamente baseado na experiencia súa de que Deus é Pai universal de todos e que nos quere ben a todos. Por iso Xesús non deixa de entrar en contacto cada día con seu Pai (e noso Pai) na oración, por moito que se ocupe tamén de dar e ofrecer felicidade ós seus irmáns, ás xentes que convivían con el.

Marcos coméntanos que Xesús non se deixou levar do fervor e da admiración da xente cara a el á vista das curacións realizadas, senón que “se ergueu moi cedo, aínda de noite, e saíu para un lugar arredado onde se puxo a orar”. É dicir, Xesús –tal como vemos- necesita falar e dialogar con seu pai, que é pai noso tamén.

E a propósito, o P. Seixas, que tantas veces e a tanta xente animou na fe nesta igrexa ata hai arredor de 30 anos e que tiña unha actividade exterior moi intensa, comentaba por exemplo en relación coa importancia da oración o seguinte: “A pregaria, a oración, é a cousa máis necesaria pra vivir de acordo a esta dependencia de Deus, pra facer sempre a vontade de Deus”. “O verbo pregar é o verbo que máis debe conxugar o home na súa vida cotiá”. “A primeira cousa máis importante na miña vida é falar con Deus. Falar e escoitalo. Non hai cousas máis importante”.

O P. Seixas, como cristián exemplar, non facía senón imitar o comportamento de Xesús. Ben fornecido do amor do seu Pai na oración, volvía Xesús ós seus irmáns, os homes e mulleres do seu tempo, para lles ofrecer o amor, a alegría e a curación que veñen de Deus. A vida de Xesús movíase sempre, coma o péndulo dun vello reloxo de parede, entre o diálogo filial co seu Pai e o diálogo fraternal cos seus irmáns.

Xesús sabía ben que non se pode amar a Deus sen amar os irmáns.

O P. Seixas comportábase de xeito semellante, Así, cando tiña 25 anos escríbelle ó P. Xeral de toda a Compañía de Xesús, que era polaco, pedíndolle que o destinase a algunha leprosería para atender alí os leprosos. Como iso non se lle concedeu, volve pedir anos máis tarde unha e outra vez ós seus Superiores (tamén ó seguinte Xeral da Compañía) que o mandase a misións con negros, se non a África pola súa pouca saúde, polo menos a Haití. Tampouco o conseguiu. Menos mal que algúns anos despois puido el recibir unha oferta para irse á República Dominicana e, deixando o traballo que daquela exercía na Coruña, alá se foi axiña e alí puido atender por fin tamén a súa querida xente de raza negra. A isto se debeu tamén a súa gran simpatía coa colonia negra aquí en Vigo, cando volveu enfermo de América e os seus superiores o destinaron a residir nesta nosa cidade.

Os enfermos e necesitados que Xesús atendía e curaba, e ós que Seixas intentou sempre tamén achegarse, témolos sempre tamén entre nós. Xesús convídanos, co seu exemplo, a comportármonos como el o fixo, para así irmos construíndo un mundo que sexa verdadeiro Reino de Deus. E Paulo lémbranolo tamén hoxe na súa carta ós Corintios ó falarnos de que o Evanxeo é para el “unha necesidade que ten enriba del”, que o forza e convida a se facer, como el di, “escravo de todos”. “Cos débiles –dinos nesa carta Paulo- fíxenme débil, para gañar os débiles. Fíxenme todo con todos, para salvar algúns custe o que custe. Todo o fago polo Evanxeo, para ter algunha parte del”.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES