Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Galicia baldeira

viernes, 19 de enero de 2018
Nun recuncho do xornal quiñentas firmas piden que non se recorten mestres no colexio de Baamonde. Noticia miúda e repetida. A xente, pouca, protesta para que non pechen escolas na montaña ou na chaira. No rural. Esta noticia peta máis forte porque foi o primeiro destino de mestre. Rostros de nenas e nenos, mestras, mestres na memoria. Na primeira escola apréndese a ensinar.

Les “La España vacía” de Sergio del Molino. Ou de como o proceso de baleirar xente das terras e provincias do interior semella non ter fin. O dito: 'Portugal é Lisboa, o resto é paisagem', ten doada tradución aquí: Galicia é a A9, o resto paisaxe. Porque é xustamente a franxa a carón da autopista do Atlántico a que concentra a maioría da poboación e do PIB. O resto nin sequera será paisaxe se non se frea o acelerado proceso de eucaliptización. Oxalá a política sexa capaz de reverter unha situación que ameaza unha das principais riquezas galegas: as paisaxes. Non queda outra que confiar nela, resetear a Galicia baldeira onde medra a desertización de aldeas abandonadas, escolas pechadas, pobos sen nenos nun proceso que parece irreversible.

Galicia está deixando de ser país rural, de poboamento disperso: camiña cara a país urbán. Só cunha certa saudade podemos dicir: Que verde era Galicia! Porque está a perder unha riqueza senlleira, a das paisaxes ricas e variadas baixo a depredadora monotonía do eucalipto, solución desesperada nas comarcas do interior. Políticas absurdas expulsan a xente e a un animal totémico, nai nutricia, alicerce económico, a vaca.

A Galicia baldeira parece importar pouco máis aló dos procesos electorais: a súa sobrerrepresentación da bos dividendos de poder. Se colgamos os ollos dun dron vemos que amplas zonas do interior son como galaxias con centos de estreliñas. Algunhas alumean pero en realidade están demograficamente apagadas. Titilan ata que son engulidas polos buratos negros das capitais.

Relemos a noticia de Baamonde. Escoitamos o berro inaudible das escolas do suleste galego. Ou da montaña luguesa. Ou da Raia. Ou da Terra Cha petando na conciencia social, na sordeira dos políticos. Estas aldeas, estas escoliñas non queren ser outra luz que se apaga, máis familias abducidas polo burato negro das capitais.

Noticia recente fala de trece escolas unitarias pechadas na Galicia baleira. E outros tantos lugares que van pasar do mundo real ao país da memoria. Non estraña a petición das familias da montaña pedindo para a educación dos fillos a mesma protección que para o incerto oso pardo. Aínda que xa se percataron que nos despachos nais, pais e administracións falan idiomas distintos.

Éche unha loita necesaria para que Galicia non siga amoreándose nas beiras da A9. E o resto nin sequera sexa paisaxe.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES