Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Morar en Terradentro

sábado, 13 de enero de 2018
Admiro a aquelas persoas -que sei que as hai- que son quen de coller un libro e de súpeto engulilo nunha noite ou en dúas coma a abella zuga o néctar do alecrín.

Eu, desgraciadamente debo recoñecer que non son deses, e non por que guste de facelo -xa digo que admiro a esa xente, entre a que, se cadra, está vostede-, se non porque os que navegamos polas augas diversas da actualidade, hoxe enzoufámonos nun tema coma se non houbera un mañá e ós dous días outro reclama a nosa presencia, véndonos obrigados a miúdo a andar con dúas ou tres lecturas ó mesmo tempo, o cal provoca que non sexamos quen de gozar como deberamos das lecturas, como tampouco gozariamos vendo dúas ou tres películas á vez.

Aconteceume isto cos tres relatos e un epílogo que aniñan no primeiro traballo literario de Xosé Benito Reza -Beni, para os que o coñecemos dende que explorou ou planalto- e que cando maio maieaba de seu, presentou por toda Galicia baixo o título evocador de "Terradentro".


Tiña lido ós poucos as tres tramas preñadas de realismo máxico en diversas doses e sobardadas dunha capacidade única para describir escenarios, tramas e entornos vivenciais, protagonizadas polo avogado Pepe Rial. Pero quedárame por ler a lambetada final -que ben puidera ter sido unha sorte de emotiva presentación limiar- e que leva por título, precisamente, Terradentro.

A casualidade -doente no meu contexto familiar- quixo que o momento elixido para lelo tivese lugar nestes días de mudanzas anuais nos que de forma periódica me ten tocado durmir no sofá do hospital, acompañando o difícil tránsito polo que a vida está facendo cruzar a meu pai, que moi ben podería ter sido un trasunto dos moitos que tomaban tazas con Pepe Rial, o capitán Flores ou o mestre Guillermo Mazaira no bodegón da Fonte do Santo ou xantaban os riles con sesos nas feiras do 29 o nos días de mercado, na fonda da señora Flora.

Non é que desmereza -nin moito menos- os tres relatos policiais, susceptibles de seren punto de partida dunha saga literaria por constituíren outros tantos envexables e ben entretidos retratos dun lugar -que a ninguén se lle escapa que é a Celanova do medio século pasado- e dun tempo. Pero, sinceramente, benquerido lector, se vostede empeza a camiñar xa pola serea verea da madurez mental e desexa lembrar como foi a súa morada nesa Terradentro na que todos habitamos algún día, vaia a unha librería e pida o "Terradentro" de Benito Reza. De súpeto verase montado nun avionciño de papel ollando cuns lentes de nostalxia a súa infancia retratada como só os grandes escritores a saben retratar.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES