Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fillos do medo, escravos do silencio

jueves, 11 de enero de 2018
Se non fósemos fillos do medo e escravos do silencio non tardariamos 80 anos en reivindicar a límpida memoria dos tres asasinados na travesía da Rocha de Mondoñedo na mañanciña do 12 de xaneiro de 1938.

As nosas avoas e avós padeceron ese medo en carne viva, moitos e moitas pagárono con fame, con torturas e coa cadea, algúns coa vida. As nosas nais e os nosos pais criáronse mergullados na asfixia dese medo; no medo a ser, no medo a non comer, no medo a facer, no medo a pensar, no medo a dicir…

Nós, falo xa da miña xeración, somos, consciente ou inconscientemente, fillas e fillos dese medo. Criámonos respirando medo, ignorando a posibilidade doutra opción de vida que non fose esa disciplina tiránica do medo.

Graciano Paz Amieiro, Siervo González Rivas e Manuel Rodríguez Núñez foron detidos o 10 ou o 11 de xaneiro de 1938, sacáronos á forza do antigo cárcere de Mondoñedo e foron “paseados” e asasinados na madrugada do mércores, 12 de xaneiro de 1938, por un grupo de servos dun odio irracional e inhumano.

Logo abandonaron os seus corpos e, como furtivos, fuxiron covardemente. Antes de alborexar, unha muller que madrugara para rozar mulime, tropezou cos seus corpos; algún deles aínda xemía, moribundo. Tamén se conta que pouco despois, cando a esposa de Graciano Paz ía camiño do cárcere cunha cazola de caldo para o seu home alguén, que xa sabía o que acontecerá, díxolle:

—Dá a volta para a casa; a Graciano xa non lle fai falta!

Ninguén investigou, ningunha autoridade, ningún fiscal nin xuíz actuou, ningunha denuncia, ningún sospeitoso… O silencio cómplice do medo!

Dise que por aquí non houbo guerra nin tampouco a houbo, polo visto, no resto de Galicia. Iso é o que se di! Para quen así o crea propóñolle contemplar, ademais de consultar a xa abondosa bibliografía sobre o tema, as estampas dos álbums de Castelao “Galicia mártir”, “Atila en Galicia” e “Milicianos”. Máis que da guerra, que tamén, contan do horror da represión, do imperio do odio, da violencia salvaxe.

Este sábado, 13 de xaneiro de 2018, reunímonos ás doce do mediodía a carón do vello camposanto de Mondoñedo para espantar eses medos case atávicos. “Un medo que me viña / das raíces do mundo / tremíame no sangue”, di C. Emilio en O soño sulagado. Alí estaremos acompañando aos familiares dos tres asasinados unha ampla representación da vida social e política de Mondoñedo e da Mariña. E a continuación, na Casa da Xuventude, os historiadores Ramón Ermida e Eliseo Fernández, nun faladoiro aberto, moderado por Fran Bouso, darannos a coñecer o contexto dunha historia que parece quedarnos moi afastada pero que, en realidade, aínda nos produce arrepío.

Inaprazable homenaxe cívica a estas tres vítimas inocentes, como tantas outras, da barbarie, porque 80 anos en silencio suman tres xeracións de inxustiza!

Que o medo non nos inmobilice nin nos impida anticiparnos ás devastadoras consecuencias da intolerancia, do racismo e da xenofobia! Graciano, Manuel e Siervo representan unha lección que deberamos interiorizar xa para sempre; eles non eran fillos do medo, senón da verdade, non eran escravos do silencio senón voceiros de liberdade!.

(Antonio Reigosa é cronista oficial de Mondoñedo).
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania