Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 10 de enero de 2018
O Sapoconcho

A Real Academia Galega publicou hai uns días a relacións das palabras máis buscadas no seu dicionario, alcanzado a categoría da máis buscada “afouteza”. Vale, de acordo. Pero o que máis me chocou foi a que quedou en terceira posición: sapoconcho. Sinceramente, eu pensaba que era unha palabra abondo coñecida; ó mellor porque eu, porque nós (os da zona de Baños de Molgas), de rapaces, a usabamos case a diario, principalmente, en Barricobos (monte Pinouzos) e na Tapada dos Ferreiros (monte Medo), xa que, a maioría das veces, en vez de gardar as vacas cando andabamos todos mesturados no monte con elas, pasabamos o tempo buscando sapoconchos por eses lugares. Porque eran bonitos e porque nos facía graza ver como se acochaban na súa cuncha e, sobre todo, como sacaban moi parsimoniosamente a súa cabeciña para asomar á luz do día. Era un animal, é un animal que non dá noxo nin arrepío; incluso daba gusto acariñar a súa cuncha. A min, sinceramente, gústanme moito os sapoconchos e máis dunha vez os teño sacado nos meus relatiños. Que si, que convivín moito con eles e que, agora, por desgraza, vexo cada vez menos. Imaxino que irán a menos e, un servidor, xa non anda no monte como andaba.
Pingas de Orballo
A rutina diaria

Acabouse o que se daba. O ano 2017 xa queda para o recordo, para as hemerotecas. E con el tamén queda, grazas a Deus, todo o barafunda feisbuqueira e guasapeira de felicitacións, desexos e ruxerruxes. Sinceramente, canto tempo quitan, meu Deus! Aínda que, por outra beira, tamén é bonito tanta correspondencia. A min, en concreto, vaime todo iso; gústame parolar e sorrir e rir e gozar coas amizades das redes sociais. Van xa dezanove horas de Ano Novo e, sabedes?, todo segue igual: Albert King dándolle ó seu blues, o reloxo percorrendo unha hora detrás doutra, as pingas de auga caendo do ceo gris coma onte pola mañá, Jerry Goldsmith facendo soar a guitarra española nesa marabilla de “Under Fire” (tamén coma onte, e antonte; a ver!, é o tema musical que máis me fascina de todo a música), os coches pasando polas rúas e dándolle a razón a Julia Iglesias: que a vida segue igual. Tanto rechouchío por estas datas e resulta que non hai como a rutina diaria. A maioría estamos desexando esa rutina, a de todos os días, ou sexa, a calma, a parsimonia, as comidas normais e creo que incluso ata o traballo. Así é que, como dicían Tip e Coll: mañá falaremos do Goberno.

O Carbúnculo en Nocelo no 1903

O carbúnculo ou o ántrax maligno é unha enfermidade contaxiosa, aguda e grave do gando por un bacilo que se atopa no solo e que se pode, moi facilmente, transmitir ó home. A severidade do carbúnculo ou carbuncho no ser humano varía segundo o modo de contaxio e a velocidade do tratamento; o carbúnculo cutáneo, o máis común, presenta unha mortalidade baixa; pero o carbuncho pulmonar é letal na maioría dos casos. Pois ben, resulta que o 24 de outubro de 1903 asomaba nos xornais galegos unha nova que dicía que, en Nocelo, no concello de Baños de Molgas, no termo de dúas horas, morreron, a consecuencia do “carbunclo”, dous porcos de ceba e catro vacas. Foi saberse iso e empezar os ruxerruxes e os medos de que se vendese nos pobos distantes as carnes dos animais mortos. Por iso, as autoridades dos concellos limítrofes exerceron vixilancia continua para previr desgrazas. En concreto, o que máis rapidamente actuou foi precisamente o alcalde de Baños de Molgas, que ditou enérxicas disposicións recomendando a maior actividade no seu cumprimento. Lóxico, pois tal enfermidade non era nin é asunto de tomalo a broma.
Pingas de Orballo
Pena ante tal situación

Os ourensáns non temos ganas de troulas nocturnas. Aínda que para practicar sexo non é necesario marcar as horas... sempre é bo a calquera momento. Parece que Ourense é a provincia española na que caeu máis a poboación en 40 anos. É dicir, que non fochicamos e, pola outra banda, caemos coma moscas. Claro que, deixada a retranca, non queda outra que confesar unha inmensa pena ante tal situación. Situación que, por suposto, se entende. A ver quen é o chuliño que se dedica hoxe a ter as proles de noutrora. Porque se a situación económica está mal en todo o país, aquí moito peor... polo que xa sabedes: que somos o ollo do cu do cu do mundo. Ou sexa, últimos en todos os aspectos que se poden considerar positivos e primeiros nos considerados negativos. Non hai traballo. Non hai cartos. E os cartos é o esencial da vida. Si, para min, incluso máis que a saúde. Xa podes ter boa saúde que como non teñas cartos, non comes, deveces e patéalas. Así de sinxelo. Están os tempos ourensáns como para alimentar a uns cantos fillos. A mellor proba témola na categoría de familia numerosa; que abonda con tres. Ben pouquiños son, pero os tempos... ai os tempos!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES