Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Non xoguemos coa ilusión (Versión coloquial)

sábado, 06 de enero de 2018
Despois dun involuntario parénteses, que abriron unhas doenzas e cerraron, por agora, outras, aproveitando a debilidade que deixaron as primeiras, desexo encontrarme de novo con vostedes, os que colaboran e len “Galiciadigital”. Créanme que o fago CON ILUSIÓN; pero quixera evitar facelo DE ILUSIÓN. E permítanme que explique este xogo das preposicións “con” e “de”.

Entendo facer algo “con” ilusión, definíndoa, con Julián Marías, como ANTICIPACIÓN, ben por algo que se acerca a min, ou ben porque eu saio ao seu encontro, que non pode ser outra cousa que, como pensa Andre Maurois, a existencia dunha realidade non ilusoria.

Pola contra, rexeito facer algo “de” ilusión porque aquí parece que a entendemos, o mesmo que Severo Catalina, como “aberración da esperanza”, un grave erro do entendemento, traducido en condutas depravadas, perversas, OU QUE SE APARTAN DO ACEPTADO COMO LÍCITO, segundo reza o Dicionario da Lingua Española.

Vostedes, amigos lectores, seguramente se preguntarán por que se me ocorre nesta colaboración argallar co termo “ilusión”. Confésolles que durante estes dous meses, máis ou menos, que me sentín encerrado entre parénteses, ao mesmo tempo que soportaba a angustia das labores da casa que a muller non podía atender e unha empregada do fogar xa non tiña folgos abondo para complementar, incluso excedéndose nas súas obrigas, botaba o meu maxín a cavilar acerca duns acontecementos que pasarán á historia política, social e económica de España, e sempre me saía ao paso ese termo: A miña mestura da realidade dolorosa encargábase de presentarme unha panorámica de ilusións truncadas pola imperiosa imposición da realidade.

Pensei que neste mundo de realidades virtuais, dos paradigmas hermenéuticos da realidade cuántica, de tantos proxectos sorprendentes no campo da robótica, non era de estrañar a emerxencia de extravagancias na conduta das persoas, ata o estremo de que xa se fala e escribe da “post–e trans–humanidade”, da “post–verdade”, etc., que para aturalas é mester ter moita AFOUTEZA dispoñible, outro termo que ven moi ben para catalizar a APOROFOBIA as extravagancias mentais.

Esperemos que chegue o tempo de que resulte eficaz a súa aplicación nas cloacas da fermosa Bruselas!!.

Pero a todo isto, un bo día, despois de controlar as poutadas da gripe cun caldiño de oso medular, placidamente somnolento, escoito ese suxestivo e intelixente invento da TABARNIA, que o meu atordado caletre interpretou como algo tabernario, sen parar o maxín no seu efecto pedagóxico, porque pode carrexar aos sentimentos independentistas cataláns – como choqueirada empurrada pola afouteza dos creadores desa denominación dunha nova demarcación territorial – abondosos elementos de clarificación das aberracións intelectuais dalgúns independentistas. E non me digan que aquí non anda tamén polo medio a “ilusión”, aínda que sexa matizada de pulsións subconscientes.

E incluso nestas miñas terras de Alfoz, no CONDADO DE MOR, aburan as ilusións activadas polos medios, con “Chiquito de la Calzada” como titular post mortem, e as lexítimas aspiracións dos políticos de promover o turismo. E neste caso as ilusións están de parte da preposición CON, cuns xestores municipais intelixentes, de condutas realistas e proxectos aceptables en función do hábil aproveitamento dos medios.

Xa termino con unha sinxela alusión ao adxectivo “iluso”, que modestamente penso que cualifica aos que berran, intolerante e furiosamente, contra todos aqueles que non comparten os seus idearios, porque tamén hai cegos ideolóxicos que se conducen social e politicamente con temeridade e demagoxia, aínda que pareza que teñen principios, porque son capaces de dicir estupideces con certa énfases.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES