Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A educación non é unha mercadoría

viernes, 05 de enero de 2018
Ninguén mellor que un político en campaña electoral para falar ben de educación, para convencer aos convencidos de que é a mellor inversión de futuro. E como as promesas non custan, prometen máis diñeiro para educar o país, máis profesores, máis aulas, máis inversión educativa.

Pero á hora de priorizar o destino dos cartos apostan pola desigualdade, relegan a nenas e nenos desde a liña de saída e blindan o clasismo dos centros concertados. Lemos que nun elitista colexio concertado catalán non toleran ao fillo dunha actriz porno. Ou, como denuncian en Vitoria, permiten a concentración de alumnos con problemas socioeconómicos e de aprendizaxe nos centros públicos ata converter algúns en guetos.

Xa nos percatamos hai tempo que os nosos políticos teñen limitada capacidade de decisión. Hoxe, os donos do país son os que moven os fíos económicos impoñéndose aos políticos mellor intencionados. Son as grandes empresas as que toman as decisións máis importantes. Son os directivos dos grandes conglomerados de comunicación os que controlan a información que recibimos. Donos da información, din o que temos que comer, ver, vestir, comprar, xugar, ler pensar, crer.

O poder non quere cidadáns capaces de reflexionar e pensar críticamente, xente formada e educada. Por iso eliminan unha asignatura que obriga a pensar, como a filosofía, ou a música que educa o cerebro e afina a sensibilidade. Así non se percatarán de que son engañados e manipulados por un sistema que lles despreza, que os considera innecesarios. Case o están conseguindo: exércitos de traballadores caladiños, sumisos, paralizados polo medo, precarios e mal pagados. Mentres unha élite política e empresarial semella vivir noutra galaxia: conseguen moitísimo para eles e faragullas para os demais. Os cartos da educación pública, das pensións, da sanidade van sendo canalizados cara ao negocio privado de mans amigas.

Que propón vostede para o país? Cal é a medida máis urxente no seu programa? Educación, educación, educación é a resposta políticamente correcta. Xa se encargará a realidade, Bruselas ou a crise de corrixir as boas intencións. Así, o ensino público perdeu máis de vinte mil profesores en catro anos de recortes e a universidade pública o 3,4% de alumnado no último curso. E como agora manda a competitividade, outro antónimo da educación, empedramos o camiño da aprendizaxe con inútiles e discriminatorias reválidas.

Nese casino todo o mundo sospeita que as mesas están amañadas, que a herdanza e a posición social dos pais e non a educación, segue marcando o destino dos fillos. Pero a pesar do pesimismo da realidade hai que seguir apostando pola educación como ferramenta de igualación social e non como mercadoría prescindible.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES