Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hiper representatividade

miércoles, 20 de diciembre de 2017
A reflexión que inicio agora ten como fío argumental de actualidade o proceso electoral orgánico do PSOE de Ourense, pero, tomándoo como exemplo -repito, pola actualidade- non pretende, nin moito menos, ser unha crítica a esa formación política, senón unha reflexión de fondo na que teñen cabida tódolos demais partidos políticos, sexan estes de esquerdas ou dereitas, nacionalistas ou centralistas, sen máis.

Seguíndoas, loxicamente, a través deste medio e doutras informacións aparecidas na rede, unha vez rematado o proceso electoral, reclamaron a miña atención fundamentalmente dúas cousas.

A primeira delas ten que ver cos pasos que un decide dar na vida e os cálculos que vota denantes de comezalos a dar. Sobre todo se quen os dá é un político de fondo ó que lle hai moi pouco que explicar sobre o funcionamento do seu partido e sobre procesos electorais, e moito menos sobre o coñecemento da política provincial, cal é o caso de Pachi Vázquez.


Por todas estas razóns e moitas máis, non son eu quen de analizar as contas da vella botadas polo outrora alcalde do Carballiño, conselleiro de Medio Ambiente e secretario xeral do seu partido en Galicia, para decidir saír da actual zona de confort na que se atopaba e iniciar unha andaina de tan curto percorrido, a non ser que teña que ver coas cuítas que a miúdo acontecen e só coñecen eles, entre mestres e alumnos.

Eles saberán!

A segunda reflexión é, como dicía ó principio, bastante máis xenérica e ten que ver coas cifras absolutas e relativas que amosa o resultado final do proceso electoral e coa hiper representatividade que se lles outorga ás formacións políticas cando actúan a nivel orgánico, respecto da relevancia social que teñen como entidades asociativas.

Se vostede fixo coma min e lle deu lectura ó escrutinio dos tres candidatos vería que o gañador -ou sexa, o alcalde de Amoeiro- conseguiu a victoria conseguindo 427 votos, mentres que a parlamentaria Noela Blanco quedou de segunda con 336 votos e o propio Pachi Vázquez quedou no camiño con 309.

Non son eu moi seguidor do fútbol provincial e, polo tanto, non lles sabería achegar cifras exactas, pero estou ben seguro de que calquera equipo da primeira ou da segunda rexional, por moi pequeno que sexa o lugar que representa, ten máis socios ca "devotos" militantes teñen calquera dos tres candidatos a dirixir a segunda formación política con representatividade institucional no conxunto do Estado.

E isto que agora apunto para o PSOE, podería pensarse tamén para o PP. E non digamos xa para a política orgánica nacionalista.

En fin. Que se deixaran de vivir na endogamia e compararan estas cifras coa realidade social que teñen ó outro lado da porta, outro galo lle cantaría á política en xeral e ós seus líderes en comandita.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES