Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xosé Otero Canto, poeta

lunes, 18 de diciembre de 2017
Olor a pneumático queimado e a freo mal usado.
Rodaxe.
Rodan as rodelas das rodas
nun tolo frenesí de velocidade.
Rápido, raudo
pola relación de espazo-tempo empregado.
É a morte que che está falando.
Se ti queres...

Co poema “Tráfico”, ao que pertencen estes versos, iniciaba en 2005 a súa andaina poética Xosé Otero Canto, un novo poeta lugués, que petaba timidamente á porta da casa poética galega. A revista luguesa Xistral, era o seu salvoconduto e tamén aldraba.

Mais, deseguida descubrimos que o novo poeta non era un principiante que estaba a dar os seus primeiros pasos polos sempre movedizos e esvaradíos camiños da creación literaria, senón que estabamos diante dun poeta xa feito, maduro e , realmente, moi ben fornecido estilística, léxica e poeticamente.

Os dous poemas achegados naquel 2005, na súa madurez e bondades, falábannos dun solitario, humilde e esforzado traballador da palabra que levaba moitos anos asolagado nunha tan sublime coma desvastadora loita contra uns implacábeis inimigos:

-o pudor persoal a mostrarse aberto, espido e, por veces, indefenso diante dos demais,

-o temor ao ridículo literario, temor incrementado pola súa condición de profesor de literatura no Instituto Lucus Augusti, de Lugo,

-e a inclemente autocrítica agromada do profundo coñecemento da poesía e os seus valores estéticos que anos de lecturas, estudo e aulas fixeron medrar no seu intelecto.

A fría, indiferente e, por veces, burlesca papeleira foi durante anos o fatal destino da maioría dos froitos da súa creatividade, lastrada pola inmisericorde comparanza do por el producido coas fermosas xoias literarias que ao longo dos séculos a humanidade ten xerado.

Só algúns poemas, os máis sentidos e amados, sobrevivirán a tan feroz coma destrutiva loita, poemas que só uns poucos coñecían. Con todo, aínda non se atrevía a saír da protectora soidade e proclamar/confesar publicamente as súas ocultas e poéticas inclinacións.

Mais, un día da primavera de 2005, despois de darlle moitas voltas, decidiu rachar a desacougante relación de amor e odio que durante tantos anos mantivera coa súa papeleira e, superando inxustificados medos e infundados descretos, achegou ao Concello de Lugo, editor da revista, dous poemas para a súa publicación no que ía ser o nº 8 de Xistral.

Estaba a nacer un novo poeta galego. Mais, quen era aquela nova voz poética luguesa?

Nado na Ponte de Outeiro, Castro de Rei, o 6 de xuño de 1951, este novo poeta galego era profesor no Instituto Lucus Augusti, de Lugo. E a materia que impartía era Lingua e Literatura españolas.

Moitos anos atrás, fixera o bacharelato nese mesmo instituto, entón nomeado O Masculino.

E en 1967 rematara os estudos de Maxisterio. Despois de exercer como mestre e de dar clases particulares, decidira retomar os estudos universitarios e no quinquenio 1970-1975 licenciarase en Filoloxía Española na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago de Compostela

Nos anos seguintes, ademais de facer o servicio militar, que o levou a Zaragoza, traballou en diversos centros de ensino da cidade de Lugo (entre eles o Colexio de Fingoi), preparou as oposicións de Profesor Agregado de Bacharelato, que aprobou en 1979, e conquistou e namorou a Mª Xesús, coa que casou tamén en 1979.

O Instituto de Guitiriz e máis o Muralla Romana, de Lugo, foron os centros de traballo previos ao IES Lucus Augusti. Retornaba, así, ao seu instituto, no que, anos despois, sería nomeado catedrático de Lingua Castelá e Literatura.

Durante estes anos lugueses a escrita foi a súa silente e agochada amiga; mais non se atreveu a facer públicos os seus poemas. Foi na primavera de 2005 cando decidiu dar novas da súa creatividade poética, a través de Xistral, revista na que seguiría a colaborar nos anos seguintes.

Meses despois, no outono, non só puido ver o seu nome impreso e, debaixo, os seus dous primeiros poemas publicados, senón que, a maior abondamento, puido ler/declamar as súas composicións no recital que tivo lugar no Concello por mor da presentación da publicación.

Os parabéns recibidos minoraron os seus medos e, á fin, liberaron a súa creatividade. Nos meses e anos seguintes o bo poeta que nel ía eclosionou, agasallándonos xenerosamente cuns tan variegos como fermosos froitos da súa voz poética: doce libros de versos (doce!) deu a coñecer, libros de versos de títulos tan suxeridores coma ben definidos tematicamente. A saber:

- A casa e máis a Chaira, natais e vivenciais, son as protagonistas do poemario Salaios da Chaira (Fundación Manuel María da Terra Cha, Guitiriz, 2006), conformado por 35 poemas escritos entre o 2004 e o 2005.

- O amante e esforzado mar dos seus veráns mariñaos inunda e festexa o libro de versos Arelas de prata e soños (Instituto de Estudios Chairegos, Vilalba, 2008), dividido en tres partes cun total de 52 poemas, escritos nos veráns do 2005 ao 2007.

- O pastor dos ríos galegos, silente e venerado viciño, discorre e renace no poemario Miño, río pai e amigo (Fundación Manuel María da Terra Cha, Guitiriz, 2010), composto por 53 poemas escritos entre o 2006 e o 2007.

- O outono e máis o libérrimo vento chairego colorean e agariman o libro de versos Outono, mancebo céfiro de ás ergueitas (Espiral Maior, A Coruña, 2010), conformado por 31 poemas escritos entre o 2008 e o 2009, e merecedores do segundo premio do Certame literario de Vilalba no 2009.

- A bimilenaria, monumental e humilde muralla luguesa reinvéntase no poemario Guía poética da muralla de Lugo (Concello de Lugo, Lugo, 2010), conformado por 33 poemas escritos entre o 2005 e o 2007.

- A sinrazón humana maniféstase en toda a súa crueza no libro de versos Poemas da Cidade (Follas Novas Edicións, Santiago, 2010), constituído por 39 poemas, escritos no curso académico 2006-2007 e gañadores do Premio do Concello de Vilalba no 2008

- As gozosas vivencias de tres viaxes que levaron a el e máis á súa muller en autobús, tren e avión de Lugo a Polonia a finais de outubro e comezo de novembro de 2010 atopan expresión no poemario Poética da viaxe (Doce horas de poesía) (Instituto de Estudios Chairegos, Vilaba, 2012), construído con só 6 amplos poemas, escritos en pouco máis de 12 horas nos días das viaxes, feitas para encontrarse coa filla, Susana Altea, que se atopaba en Polonia nun Erasmus.

- A dor, a escuridade, a noite e máis a morte nutren as 45 composicións poéticas que conforman o poemario Nenias chairegas (Concello de Vilalba e Alvarellos Editora, Santiago, 2013), composicións merecedoras do 1º premio do Certame Literario de Vilalba, de 2012

- Valuria e máis os valuros son os míticos e lendarios protagonistas deste poemario, escrito en 2013 e intitulado Valuria (Irmandade Manuel María, Betanzos, 2015) que nos leva pola intrahistoria da Terra Chá, achegándonos nos seus 34 poemas aos singulares persoeiros e aos lugares que eles axudaron a construír.

- As tan caprichosas como fermosas catedrais de pedra que as indómitas ondas do mar Cantábrico foron construíndo nas rochas que beirean as augas mariñas son a fonte da que agroma o poemario As catedrais, portas do misterio (Concello de Ribaeo, Ribadeo, 2016), conformado por 25 poemas escritos nos veráns de 2013 e 2014.

- A Terra Cha e as súas esencias volven ter protagonismo noutro feixe de poemas, que recolle baixo un título ben significativo: Telúrica (Editorial Alvarellos, Santiago, 2017). Estes 41 poemas, compostos en 2011, foron merecedores do 1º premio do Certame Literario do Concello de Vilalba de 2016.

- E, para rematar esta nosa achega á súa obra poética, retornamos a Lugo e máis a súa bimilenaria muralla romana, verdadeiros protagonistas dos 29 poemas que dan vida ao poemario que hoxe presentamos, intitulado Muralla, lúa chea imperial (Concello de Lugo, Lugo, 2017).

Eis o publicado ate hoxe. Mais, a súa palabra poética segue a agromar incontíbel e incesante, polo que novos poemarios están a formarse e conformarse, poemarios dos que iremos tendo novas nos vindeiros meses. Neles están a florecer as arelas, paixóns e tamén dores que atesoura o seu ser e sentir chairego e galego. Benvidos sexan.

E isto é todo, pola nosa parte. Parabéns para o poeta e que a súa creatividade se manteña e siga a enriquecer a palabra poética galega.

É o noso desexo.
Parabéns.

(Palabras de Camilo Gómez Torres, escritor e profesor, na presentación en Lugo -No Vello Cárcere- do libro de poemas MURALLA, LÚA CHEA IMPERIAL, de Xosé Otero Canto).
Gómez Torres, Camilo
Gómez Torres, Camilo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES