Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mil primaveras máis para o Belén de Begonte

viernes, 15 de diciembre de 2017
Mil primaveras máis para o Belén de BegontePregoeiro e predicador. É o primeiro pregón que pronuncio e podería darse o caso de que fixera algún máis, pero do que estou absolutamente seguro é que non volveréi a ocupar esta condición de predicador ocupando o tempo e o espacio da homilía no medio desta Misa tan entrañable e piadosa.

Hoxe síntome, aquí, profundamente emocionado e agradecido por formar unha pequena parte da historia dun dos beléns máis fermosos dos feitos en Galicia.

Ligado pois historia do Belén de Begonte, de Begonte deo Belén, e ligado, con poucos méritos pola miña parte, a unha nómina de ilustres pregoeiros tanto civís como relixiosos.

Profundo agradecemento aos que me propuxeron e aceptaron como pregoeiro e tamén a todos os que estades aquí. Permitídeme un agradecemento particular ao párroco de Begonte, Jesús Domínguez Guizán; ao alcalde, José Ulla Rocha; á viuva do creador do Belén, Pilar Gómez, e aos seus fillos Pilarita e Josiño; e a Xulio Xiz, un dos grandes activistas da cultura galega e lucense, gran mantedor e divulgador deste Belén, e por riba de todo, un gran tipo. Mención tamén particular ao Orfeón lucense, coro oficial da Catedral de Lugo, coa dirección de Marcos Fernández Mosquera. Este Orfeón suplirá coa súa arte e categoría as miñas carencias como pregoeiro. Están a comprobalo nesta Misa e tamén o disfrutaremos despois nun recital coas súas panxoliñas.

Gracias tamén ao Orfeón por aceptar esta invitación.

Están tamén hoxe na nosa memoria, o fundador do Belén, José Domínguez Guizán, o creador, Xosé Rodriguez Varela, Milagros, e tantos outros que antes e agora adicaron tempo e esforzo ao Belén e á parroquia. Non deixa de acompañarnos tódolos anos neste acto outro dos grandes impulsores do Belén, alá polos anos 70, como delegado de Información e Turismo, o lucense que naceu en Segovia, José Luis Hernangómez Sastre, Presidente de Honra do Belén.

Grazas a todos os que hoxe tamén me acompañades a mín, e valorar o tempo do subdelegado do goberno e do delegado da Xunta, que me sirve tamén de unión con outro concello querido da provincia de Lugo, Ferreira do Valadouro, terra da miña muller, que leva toda a semana advertíndome que controle o tempo, é dicir, que non me enrolle.

Estar aquí e falar do Belén espértame numerosas lembranzas. As primeiras, ligadas a aquela infancia dunha parroquia de Redondela, Chapela, cando recén iniciado o Advento comezaban as fins de semana de busca do musgo e a árbore para montar o belén, no que sempre aparecía o papel de prata ante a imposibilidade de facer un río de auga natural. E había un Belén de referencia que chapeleiros e vigueses sempre visitábamos, o espectacular que daquela montaba a Caixa de Aforros Municipal de Vigo. Espectacular, enorme, unha lección de arte e xeografía pois nos ilustraba en cómo era a vida en Belén hai 20 séculos.

Aínda non nacera o Belén de Begonte do que empezo a ter referencias a mediados dos anos 80, na Televisión de Galicia, e se converte nunha cita informativa obrigada tódolos invernos. Era un lugar común en Informativos dicir Nadal e cunha sonrisa irónica saber que era obrigado cubrir o Nadal de Begonte.

E podo afirmar que naqueles anos ese impulso informativo ao Belén de Begonte espertou o interese por outros beléns orixinais que xa existían, e outros que
foron aparecendo o fortalecéndose co paso do tempo.

Tamén descubrín estes días, e non o sabía, que o calendario pequeno que teño na miña axenda é o do Blén de Begonte, coa foto do portal e esas figuras tan humanas e divinas da Sagrada Familia. Teño que confesar que aí quedou, porque o calendario é do 2015. Hoxe, renovareino.

O Belén de Begonte naceu no 1972, bendecido por Monseñor Araúxo. Tiña daquela para mín tres características que mantén pero que entón supuxeron toda unha novidade chea de arte e maxia.

Primeira: Era un belén electrónico nun momento no que a electrónica estaba despegando e nacendo como especialidade educativa. A inspiración foi o belén do centro de FP de Someso na Coruña pero mellorouse, perfeccionouse, en pouco tempo, creándose tamén unhas figuras articuladas movidas por pequenos motores. Muñecos precursores dos madelman como os definiu Xulio Xiz, con alambres, pelo natural, adornos, traballo e ilusión. Todo acompañado duns efectos sonoros, sincronizados cos visuais para acompañar os movementos das figuras.

A segunda característica é que se trata dun Belén popular que reflicte unha aldea da Terra Chá de mediados do século pasado, con xente, actividades laborais, casas feitas pedriña a pedriña seguindo o estilo das construcións populares da zona; a noite e o día, o amencer e o luar; a chuvia e o sol. Ano a ano foron incorporándose novidades, sempre baixo o pulo do fundador e o creador artesán. A súa ausencia foi un duro golpe para este Belén de Begonte, aínda que temos a sorte de que ten continuadores como o párroco, e tres artesáns Carlos, Sito e Ramiro aos que debemos entre outras accións relacionadas co Belén a incorporación nesta edición de dúas novas figuras, a que representa o labor da malla do trigo, e unha homenaxe as persoas que loitan contra os incendios, que nos indica que o fogo se apaga pero os escombros perduran, lesionan a terra e os sentimentos. Pero tamén que Galicia e os galegos vencen ese fogo e vento de traxedia co seu afán de supervivencia e amor á terra.

E a terceira característica que eu destacaría nos límites do tempo que marca o pregón sería que o Belén sigue fiel o espíritu fundacional de José Domínguez Guizán: ter algo que distinguira a Begonte como pobo e que obrigase a visítalo; e que ao mesmo tempo respondera ás inquedanzas da súa condición de sacerdote, que fomentase a relixiosidade e representase adecuadamente a grandeza do misterio.

Dicía Chesterton que co Nadal celebramos o trastorno do universo, unha inversión das nosas categorías mentais. Celebramos un cataclismo que pon a proba a capacidade de comprensión dos máis sabios e é aceptado con naturalidade polos máis sinxelos. As mans que crearan o mundo, a inmensidade, as estrelas, convértense, de repente, un día de Nadal de hai 21 séculos, nas manciñas diminutas dun recén nado nun establo de Belén. A grandeza infinita, inescrutable, de Deus tórnase fraxilidade nun recén nacido que chora, mama e sorrí. Omnipotencia e indefensión, grandeza e pequenez, conceptos contradictorios que se unen, que desafían as leis físicas que provoca ese trastorno, cataclismo do universo. Resúmeo perfectamente San Gregorio Nacianceno: “O que é, nace; faise creado quen non o é; o infinito faise extenso; o que enriquece mendiga; empobrécese tomando a miña carne para que me enriqueza coa súa natureza divina”.

Ese trastorno, ese cataclismo silencioso, produciuse nunha aldea, de forma oculta, discreta. E ese ambiente está magnifícamente recollido no Belén de Begonte, nun ambiente galego, humilde e piadoso. A grandeza do feito relixioso e a participación humilde de tódolos protagonistas. O Belén de Begonte é o Belén de Xudea sen deixar de ser galego, lucense e begontino.

Belén de Begonte, Begonte do Belén na expresión afortunada dos seminaristas de Mondoñedo no ano 89. Camiñamos cara os 50 anos do Belén. Coincidirá co próximo Ano Santo do noso Señor Santiago. Unha boa oportunidade para, ano a ano, consolidar algo que xa está construido, unha marca, un feito sobranceiro que identifica a un pobo. Quizás teñamos que buscar novas fórmulas de alargar temporalmente esta marca e que non quede só cinrcunscrita a unha data; novas accións que o inxenio imaxine e complemente as moitas que xa facedes como eses concursos literarios, exposicións…

Necesaria tamén a busca de relevos xeneracionais que sigan a completar, perfeccionar e promocionar algo tan sinxelo e fermoso, feito de maneira tan maravillosa e galega. Na forma e no fondo a escenificación humilde dun feito extraordinario.

Esa promoción do Belén como marca dun pobo ciscado pola Chá, como definía Begonte o poeta Manuel María, deberá supor tamén a promoción de todo este maravilloso concello, dos seus ríos e parroquias, xoias monumentais, igrexas e capelas; torres e pazos e cruceiros; dos seus tramos do Camiño de Santiago, os restos prehistóricos e romanos, e por suposto, o Belén que fai de Begonte, e o digo de forma rotunda e clara, a capital do Nadal galego.

Para todo elo contades desde hoxe coa miña colaboración humilde. E se vos pido ser un activista do Belén de Begonte, quero que tamén me deixedes ser un begontino do Belén.

Reiterando o meu agradecemento, a todos desexo un feliz Nadal cheo de saúde e felicidade. Mil primaveras máis para Begonte, o seu Belén, Lugo e Galicia.

(Alfonso Cabaleiro Durán foi o Pregoeiro de O NADAL DE BEGONTE, o 2 de decembro de 2017, na igrexa parroquial begontina)
Cabaleiro Durán, Alfonso
Cabaleiro Durán, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES