Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ti isto non o entendes, Miguel, porque nunca quixeches a ninguén

lunes, 11 de diciembre de 2017
O título collino de ‘Arrugas’, un filme que vin un destes días pasados. E volvín ao mundo dos maiores no que sempre me vin moi implicado. Repasei os meus anos pasados: Asilo de Piñeiros, 10 anos. Fogar de Ancianos-Centro de día de S. Paulo de Catabois. 10 anos. Enfermeiro, 28 anos. Por eles me diplomei en Enfermería Xeriátrica e Xerontoloxía social. Si. Quero volver ao baúl dos recordos, para logo ir cara adiante.

Un día sentei a carón de Casilda, unha anciá. Xa non tiña a ninguén. Finaran os fillos, o esposo e por suposto os devanceiros. Aquel Nadal fun comer con ela. Cheguei sen avisar. Sabía que estaba moi soa.Tiña “prendida” a radio como dicía ela:... “y a mí llegan los dulces recuerdos del hogar bendito donde me crié. Y aquella viejita que tanto adoré. Mi madre del alma que no olvidaré”.

Non agardou nada. Espetoume: “Eu as Navidades borrarías do calendario”.

Confeso que a expresión me produciu dor. E púxenme a matinar. E fun vendo as distintas caras do problema que coñezo de perto como xa dixen.

Contoume polo miúdo e largamente as súas soidades. A memoria recente empezaba a fallarlle e repetíase. Pero necesitaba falar e ser escoitada.

Porén, a súa traxectoria vital estaba tan clara na intelixencia emocional coma nos intres mesmos nos que aconteceron “os traballos e os días”. E repetiume que o Nadal para ela era triste. Moi triste.

Lembrei a frase do filme “Arrugas”:“Ti isto non o entendes, Miguel, porque nunca quixeches a ninguén”. E sentinme interpelado persoalmente. Eu son Miguel.

E pensei nos vellos sós nas casas. E nos dos internados.Na familia moderna non é nada doado acoller na casa a un ancián tal como está a vida e a conciliación familiar. Non vou xulgar a ninguén.

Os antropólogos falan de cinco dimensións da persoa humana: física, intelectiva, emotiva-afectiva, relacional e espiritual. Se non se atende a cada unha delas minimamente non estará completa a atención á persoa e non será feliz.

Abraham Maslow acláranos máis isto na tan coñecida pirámide de necesidades:
Básicas ou fisiolóxicas: Son as únicas inherentes en toda persoa. Está na base para a supervivencia do individuo. Respirar, alimentarse, hidratarse, vestirse, sexo, etc. De seguridade: Búscase crear e manter unha situación de orde e seguridade na vida. Unha seguridade física (saúde), económica (ingresos), necesidade de vivenda, etc. Sociais: Implican o sentimento de pertenza a un grupo social, familia, amigos, parella, compañeiros do traballo, etc. De estima ou recoñecemento: Son as necesidades de identificación e valoración positiva, como a confianza, a independencia persoal, a reputación ou as metas financeiras.De autorrealización: Este quinto nivel é o máis alto só pode ser satisfeito toda vez que todas as demais necesidades foron suficientemente alcanzadas. É a sensación de chegar ao éxito persoal.

Isto esixe modelos centrados na persoa, personalizados, tanto na atención, coidados, actividades, escoita, axudas, etc., que atendan de verdade a todas
elas.

Se isto non é así, tal vez ficamos na atención á saúde física, que algúns denominan a saúde veterinaria. Pero a persoa é moito máis. É toda unha biografía. E as biografías precisan de seren contadas, escoitadas, entendidas, atendidas, valoradas, mesmo choradas e celebradas. E moitas veces perdoadas.

Na Revista de Geriatría y Gerontología, nº 5, julio-agosto 2017 hai un artigo sumamente interesante: «Hable con ellos: cuidados narrativos en el marco de una atención centrada en la persona». ««A atención á persoa, os coidados, veñen dados polo seu estado médico, pero tamén polos elementos relacionais e os contextos que a rodean». «A persoa mantén unha dignidade e un valor único, incluso nas demencias ou dependencias severas. Teñen dereitos e voz propia nas decisións. Que afectan á súa vida». «Por iso a atención personalizada esixe unha narrativa do ciclo vital pasado, presente e un proxecto de futuro. Coñecer a historia persoal narrada por ela mesma e iso require escoita atenta, pausada, valoración e respecto para o sostemento da propia identidade. «Dignidade autonomía e bo trato».

En Arrugas o comentarista citado resalta:«O drama profundo non é só ese “perderse” nas nebulosas da memoria, senón sobre todo a dor de facelo en soidade, sen a compañía dos seres queridos e rodeado do silencio respectuoso do persoal sanitario».

No verán pasado saíu esta noticia: «Acompaño».“Voluntarios galegos acompañarán a persoas maiores que viven soas”.

En principio aledeime. Pero logo pensei na frase: “Sen a compañía dos seres queridos e rodeado do silencio respectuoso do persoal sanitario”.

Aí falta algo: Alma, corazón e vida. E descubrín outro problema:
QUEN COIDA AO COIDADOR?

Esta tempada tiven oportunidade de escoitar por diversas canles a varias mulleres que traballan en xeriátricos. En bastantes deles as condicións laborais non son moi axeitadas. Persoal insuficiente. Tarefas que ultrapasan con moito a capacidade de resposta incluso física dunha soa persoa.Todas se queixan de lumbalxias, ciáticas, dor de ombreiros por sobrecargas continuadas de sobrepesos.

Hiperresponsabilidade, condicións leoninas no traballo, imposíbel a conciliación familiar, non poder programar minimamente o seu tempo libre que é suprimido e non recuperado nin remunerado baixo ameaza de despido. Sen aparellos mecánicos adecuados para a mobilización e hixiene daqueles que non se valen en por si para as actividades da vida diaria, etc.Algunha desas persoas estaban moi deterioradas. Rotas por dentro e por fóra.

Iso na psicoloxía laboral coñécese pola síndrome do bournout, (queimado, fundido) un tipo de estrés laboral, un estado de esgotamento físico, emocional oumental que ten consecuencias na autoestima, e está caracterizado por un proceso paulatino,no que as persoas perden interés polas tarefas, sentido de responsabilidade e poden chegar ata profundas depresións. Esa era a situación. Sentín mágoa.

En Arrugas serían os do andar de arriba:“Un día, malia que Miguel lle tiña advertido de que non o fixese, Emilio subiu e descubriu alí aqueles asistidos, xente que necesita axuda para o más básico e logo, ao ver aquilo, sentiuse moi triste”.

Aínda que no accidente as feridas de Emilio no foran moi graves subírono á planta superior.Pouco despois Antonia tamén se verá soa no comedor porque Miguel decidiu imitar a Loli e ir ao piso superior para axudar así nos coidados de Emilio.

CONSECUENCIAS:Casilda suprimiría do calendario as festas de Nadal. E el non será que as festas a están suprimindo a ela? Non seremos todos nós os que estamos retirando aos vellos do calendario, como aqueles que ían pasando ao “piso de arriba” do que Miguel tanto advertiu a Emilio:
“Só a experiencia de amar será a que permite entender moitas cousas na vida e a vida mesma.Marcará a diferenza real entre unha vida rica ou unha vida sen máis.

Ti isto non o entendes, Miguel, porque nunca quixeches a ninguén.
E nós?
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES