Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Conflito Xeracional (23)

martes, 12 de diciembre de 2017
Conflito Xeracional (23) Despois daqueles percances coa bruxa do Miradoiro e cos tolos da serra de Meira, entrounos, aos dous, un misticismo tremendo, así que só nos superaba a miña dona nas prácticas relixiosas. Por aqueles tempos colocamos, se cadra inspirados pola nosa relixiosidade, no noso Grupo de Empresas, coa categoría de Asesor de Imaxe, ou sexa, de Conselleiro Consultor, un frade franciscano, todo piedade, que estivo moitos anos en Marrocos, e que foi, despois diso, Gardián dos Santos Lugares, retirado por enfermidade. Esas circunstancias, amén dos seus coñecementos idiomáticos, tiñan moitísima aplicación para as nosas relacións comerciais cos países árabo-xudeus pois aquel home sabía deles, da súa psicoloxía, os sete saberes.

Aquel nomeamento non constou na Acta oficial pero si na dos acordos reservados. Houbo unanimidade neste punto, e vouna transcribir porque coido que é un documento importante para cando se escriba a historia do yuppismo español:

Considerando que as Pompas sempre tiveron moito que ver coa Igrexa, ou máis exactamente, cos mandamais da Igrexa.-

Considerando, así mesmo, que a Orden máis inocente, e por tanto, a máis axeitada para servi-los intereses das Pompas Fúnebres, sen pompa nin vaidade, aparentes, perceptibles, por cuestións de imaxe comercial, é a Franciscana.-

Resultando que entre os franciscos que coñecemos ninguén máis cosmopolita, como corresponde ao asesoramento desta multinacional, que o beatífico Padre Anselmo.-

Resultando das nosas enquisas que está dando resultado, por exemplo no ámbito das finanzas e da construción, que é onde máis importa a confianza do parroquiano, a incorporación destes cregos polifacéticos, asociados como asesores espirituais.-

E por último, resultando que, no caso concreto do Padre Anselmo, cos seus votos de pobreza, non é previsible que nos formule reivindicacións salariais imprevistas.-

Todo isto ben batido e debatido, vimos en constituí-la Fundación de Obras Pías, con efectos de desgravación fiscal, que denominaremos, nesta fase inicial, Restauración e Repoboamento Monacal de San Francisco de Vilabade.-

En contraprestación, o Padre Anselmo entregarásenos en corpo e alma, ben alleo ao noso maquiavelismo fiscal de xogar en Sociedades coa correspondente desgravación.-
Terá mesa posta, intercalada, no comedor dos empregados, e en proba do noso sometemento á súa labor apostólica, de hoxe en diante os buzos de traballo dos nosos técnicos serán da cor da estameña francisca. Este cambio de imaxe das empresas do noso holding ten de avantaxe adicional que, se entrase nos nosos talleres a Inspección do Traballo, daquela pensarán que, en vez de técnicos sen asegurar, a xente que ande por aquí pertence a unha Comunidade Relixiosa..., ¡en visita turística!

Establécese a consigna de que tódolos operarios que vaian á Misa os sábados, terán semana inglesa; e así todos satisfeitos, pois xa que en España non se logra facer traballar á xente por afección, entendemos e esperamos que desta maneira o fagan por devoción; ¡co exemplo do beatífico e seráfico Padre Anselmo, por suposto!

Por tanto, cúmprase desde hoxe este nomeamento, quedando facultado o Psicólogo Comisario Responsable das Ideoloxías para dirixir ao Padre Anselmo na liña que resulte máis conveniente aos supremos intereses desta Empresa.-

Acordo unánime. Tódalas sinaturas do noso Consello.

¿Monumental, non si? ¡Hainas peores, pero están inéditas! Días despois desta fichaxe tiven unha conversa de alta teoloxía co seráfico, co Padre Anselmo. Saudoume el, que eu, coa de tarefas que teño ao meu cargo, non vexo nin os papeis que me van poñendo, a brazados, enriba da mesa:

-¡Pouco nos vemos, irmán! ¡Se Moisés, aquel liberador dos escravos, levantase a cabeza...!

-Padre Anselmo, os frades sempre me chamaron fillo; en cambio, vostede...

-É que estás algo chivani, máis que calquera frade dos de por aquí. A mais diso, es o patriarca destas empresas, ¡un socio fundador! ¡Que Deus te garde, que xa sabes que polo Imperio vaise a Deus! ¡Que máis quixeran aqueles que inventaron ese lema! E logo que isto parece ter algún senso patriarcal, ¡bíblico!

-Se o di por aquilo de que biblos equivale a papel, daquela é certo, que uns poucos pasan pola miña man, e pola miña firma. ¡Tantas cousas firmo, e tan pecadenta algunha delas, que daquela, cando sexa o Gran Xuízo do Val de Josafat, vou pasar un medo atroz! ¿Padre, botarame unha man?

-Fillo, tes a responsabilidade de conservar un pouco de tradición neste rabaño de tecnócratas descridos, impedindo en gran medida que se materialicen coa voráxine mercantilista dos tempos novos, ¡e todo iso ben patriarcal é! Así que, tranquilo, meu vello, que ti, co fraco que estás, ben cabes polo ollo da agulla bíblica; ¡seguro que si!

-A propósito, ¿como lle vai; a vostede, si, con estes rapaces? ¿Retórceno moito?

-Estou admirado deles, despois de todo, que nunca Misión tiven na que os infieis fosen tan receptivos. Poño por caso, onte, que me deixou admirado o señor Hiro-Pito. ¡Que elemento!

-¿Como así? ¡Conte, conte, que me fará graza!

-Pois, nada, que o pobre é tan traballador e tan bo catecúmeno, que este sábado ocupouse, el mesmo, de alancea-los ameneiros do Miño; e de paso, para non perderse a Catequese, pediume que subise con el ao helicóptero, e que predicase aos serradores desde aló arriba, por megáfono. ¡Mire qué eficacia; nunca tal se vira na historia da Igrexa!

Aquela cousa aínda tivera máis perendengues, pero o inefable Anselmo precisa certa moral na súa loita apostólica, e non era cousa de ensinarlle a parte sucia do seu labor. A verdade enteira foi que se nos esgotou a madeira dos cadaleitos, e por moito control de programa de stocks, por informatizadas que teñamos as reposicións, casos así pasan nas mellores fábricas do mundo, ¡que nin PERT, nin porras!

Coincidiu que estaba recén chegado Hiro-Pito, que viña pedir a nosa colaboración para que influísemos, como lobby que somos, na Xunta, para que lle proporcionasen catro ou cinco superpetroleiros de auga envasada, da do Miño, para trocala cos árabes por briquetas de petróleo seco, con destino ao Ártico, onde gastan moita enerxía na perforación deses túneles interoceánicos, eses que fan para buscar, en profundidade, ouro e diamantes de alta concentración.

Pois ben, como lle senta tan mal a inactividade dos seus socios, o amigo Pitiño, el mesmo, propúxolle ao Director Xeral de Recursos Ociosos, con competencias transferidas polas confederacións Hidrográficas, que nos cedese, graciosamente, tódolos ameneiros da ribeira do Miño, desde Tui á Pastoriza, coa condición de repoboar con álamos, que é unha árbore menos disecadora dos pantanos, ¡e xa se sabe cómo as gasta esa CEME (Comisión Ecoloxista do Mercado Europeo), así que miúdo favor lles fixemos, que ata saíu na TVG, Ente que agora, superada a súa etapa de F.E.N, só se dedica ao ecoloxismo! Como na Empresa das Pompas, que nas outras non, temos un excedente de morenos en plantilla, así, de paso, dobre favor o noso, que lles demos acción sen incorporalos ao paro racial, e de paso fixemos unha evanxelización subliminar.

A tala dos ameneiros en terreos pantanosos facémola tirándolles un cabo desde o helicóptero estático, mentres os de terra lle pasan a serra láser ao tronco; coa mesma, ízase a árbore, en vertical, e déitase despois o ameneiro na zona de desrame, cerca do cargadoiro, que nestas empresas, nas nosas, como vedes, todo son adiantos.

Outro día atopoume o Frade, ben mareado por certo, diante dunha morea de listados:

-¿En qué matinas, irmán, que pos cara de astenia? ¡No traballo tamén hai perfección, xa cho dixen!

-Sen dúbida, Padre Anselmo, sen dúbida, que en vostede témolo claro; pero non vou ocultarlle que ás veces renego deste netiño que Deus me deu, da caneta informatizada onde o criamos, rodeado de sabios, pero mais aínda daquela inxección, a dos bits líquidos do Profesor Ansur de Monforte, que tanta corda, tanta precocidade e tanta enerxía, nun ser humano, tanto saber acugulado nunha soa persoa, será un milagre que non fagan deste mundo un inferno.

-Ora et labora, irmán, que tamén Xesús lle deu á garlopa, ¡e mais puido vivir ocioso, e comer do maná do Ceo, a mans cheas, con só pedirllo ao Pai Deus! Non poñas esa cara de incrédulo, que nisto estou usando as túas propias verbas, ¡que ben que as empregas co persoal!

-Xa sei que o dixo para animarme, pero, nin así! –Rebatinlle.

O persoal é novo, e eu tiña que cumpri-la miña xubilación, que se supón que ma pagan para que goce do xúbilo, sen estas gaitas da economía somerxida...

Os franciscanos son brandos, xa se sabe:

-Iso é pecado, certamente, pero, como practicas a virtude de dar exemplo ás novas xeracións, que son algo preguiceiras, nese troco saes gañando..., ¡en gloria! ¡Da reservada, daquela da parábola dos talentos! ¿Enténdelo?

-Pai Anselmo, que xa llo quixen preguntar en varias ocasións: ¿nesa gloria que nos espera aos traballadores, haberá xardín? Mire, a cousa que peor levo neste mundo é non poder dedicarme ao meu xardín. Veu o diaño, ¡oito, que foron oito, oito firmas!, e complicáronme a vida, así que, das miñas árbores, unhas secaron, outras roubáronmas, outras achaiáronas, e as restantes coméronas as vacas de Xuncras, ese mal veciño.

¡Tanto traballar, e total para qué, para vivir nun desterro, nesta cápsula da nosa Empresa, neste edificio intelixente...! ¡Ríome de semellante intelixencia mecánica, aquí, captivo e arrodeado de mil botóns! Moito sinto non ter morto de veras, en realidade de verdade, daquela que tiven unha depresión intersecular; ¡daquela que testei!

Compadeceuse de min:

-Véxote derreado, meu vello; así que, deixa eses listados do teu ordenador; ¡e que os ordenen eles! Nós imos botar unha cana ao aire...; ¿sabes xogar ao dominó?

-¡Sei! Pero, ¿onde o facemos? ¡Están esas cámaras dos controis laborais, que espreitan e varren tódolos curros...!

-¡Cristián, na mesa das Xuntas non hai cámaras..., e como é mármore, lisiño, do de Carrara, aí corren ben as fichas!

-¿E se nos ve o meu neto, así, inactivos...? ¡Téñolle medo, sempre llo tiven!

-Daquela dicímoslle que vaia rezar, que á súa idade, no noso tempo, e na nosa cultura, os nenos non se repoñían aos vellos. ¡Xa está ben da tecnocracia inmisericorde, e destes mocosos prodixiosos! Mangoneóns da porra...; ¡que se vaian ao nabo de Lugo!

-¡Padre, cánta filosofía me está ensinando!

Agradecinllo ben, moito, de todo corazón, que xa estaba aborrecido do meu complexo de currante..., ¡sendo o patriarca daquelas industrias!

-¡Éche teoloxía, irmán; pura teoloxía, que Deus manda traballar, pero o que é a destallo, nunca!

Lémbrate daquilo do Evanxeo, Non amoreedes tesouros na terra onde a traza e maila ferruxe acaben con eles, e onde os ladróns asaltan as casas...

Non precisaba máis. Confeseime de plano, decidido a todo:

-¿Sabe qué lle digo, Padre? Pero voullo dicir en voz baixa, que poden estar activados os gravadores da seguridade interna: ¡Me cago no século XXI e nas febres desta supercivilización que..., que nin aos vellos respectan!

A súa absolución foi seráfica, plena:

-¡Ben falado, irmán; ben falado! ¡Veña! ¡Sal ti, se tes o seis dobre! ¿Que non o tes? ¡Entón, o cinco, o cinco dobre; e que viva a Pepa, tódalas Pepas, incluíndo aquela de Cádiz, e iso que era laica!
…

Dixo Cela, aquel Nobel, que as memorias deben escribirse coma se fosen crónicas, ¡asemade coas aventuras vitais! Pois ben, volvendo ás miñas crónicas, o caso é que veño de padecer unha crise de identidade tremenda pois deuse a mala fada de que o meu neto convocou unha reunión urxente por causa de que a Bolsa de Lugo estoupou por culpa dunhas OPAS hostís que presentaron os maragatos; ¡e daquela pilláronos, a Frei Anselmo e a este servidor, cruzando o seis dobre na mesa marmórea dos propios Consellos. ¡Imaxinaros a traxedia, cos socios que temos!

Pouco faltou para que nos mesasen as barbas. Ao Padre Anselmo perdoáronlle máis facilmente, se cadra porque ameazou con excomungalos por pincha-los ameneiros do Miño no sábado xudeu e no domingo católico. A min mandáronme, ¡de vacacións!, cos esquimós; se cadra co propósito de que lles morrese por aló, co frío, pero non conseguiron herdarme porque unha meiga noviña, das daquelas latitudes, deitoume con ela, ao carón das súas peles; das dela, quero dicir, e con iso fun reaccionando, como puiden; ¡e quen non, que alí, na civilización do Polo, todo é carne, que a ofrecen a tódolos invitados da súa confianza!

Hiro-Pito é tan aproveitado que ata se aproveitou do meu desterro para encargarme que lle conseguise a renovación do seu contrato de subministro de briquetas de petróleo; ¡así que estes rapaces nin naquelas vacacións, forzosas, me deixaron vagar!

Volvín do Ártico, semanas despois, que mandaron a por min ao Matu e mais á Fili, no seu foguete-rancheira ultrasónico, que ten raquetas para aterrar no xeo.

Mentres estiven ausente, a miña dona seica lles amargou a vida, fose porque me añoirase, fose por celos das esquimós; o caso é que foi decisivo o seu encordio de que, se non me amnistiaban, ela vendíalles o seu paquete de accións preferentes aos holdings da Maragatería. ¡Ante iso, xa vedes...!

En canto a Frei Anselmo, ¡un coitadiño!, andou, en todo aquel tempo de sanción, de interdito, máis calado cós mortos..., ¡porque lle perigaban os cartos da súa Fundación de Vilabade, que xa lle puxeran a primeira pedra nas obras do novo convento!

Isto évos un dilema: se a Igrexa non ten cartos propios, precisa pasa-la bandexa aos poderosos; e se chega a telos, daquela vólvese poderosa, e por tanto, prepotente, que non hai deus que aguante este mercantilismo terráqueo.

Amnistiado fun, en efecto, pero á Intervención non me devolveron, pois agora quen corta o bacallau, digo, os listados das contas, é un tal Iván, un Xanciño, un yuppie repescado, que se fora das nosas empresas alegando que estaba en funcións de superior categoría á da súa nómina. Pasárase a unha Auditora que lle repasa as contas ao Tribunal das Contas, ¡máxima autoridade na Contadoría da Xunta! Por iso, como agora coñece os antídotos de tódalas posibles trampas, contables e fiscais, fichárono cun contrato blindado, deses millonarios en euros, que me río eu daqueles do Barcelona.

Non me deixaron volver ao meu xardín das Andoriñas, non, que ben saben que sería o mellor xubileu. ¡Non teñen conciencia! ¿Á qué non sabedes qué ordenou o Consello Familiar? Veredes: Fili está a punto de parir, que será nena segundo estaba programado; en consecuencia, á miña dona encargáronlle dirixir unha clínica xinecolóxica que construíron, ao fondo do meu xardín, ¡arrincándome, de paso, unha sequoia! Agora, de momento, esta clínica está aberta ao público, para que así se manteñan en forma, e ensaien, a cotío, tódolos especialistas da mesma, pero tan pronto traian esa nena ao mundo, prometida desde xa ao meu neto, os profesores de partos iranse ao paro. ¡Como volo conto: sen piedade e sen recoñecemento algún!

Estes días, no mesmo edificio da clínica, empezaremos a grava-las leccións maxistrais, que lle serán aplicadas á nena, xa desde o seu estado fetal, utilizando métodos de estimulación cerebral programada. ¿Cales? ¡Nin me lembro de moitos deles! Por exemplo, o de Masaru Ibuka, que é musical; e logo están os de matemáticas e lóxica, do Instituto de Psicofonoaudioloxía, de Barcelona; o Tomatis-Comneno, de Trebizonda; o Haptonómico, que creo que procede da Universidade de Quebec; etcétera. Así que, con esta babel ao redor de min, terei que escribi-la crónica, como dixo Cela, "sobre da marcha", para que non se me esqueza nadiña de canto sexa importante.

Este niño de sabios, ¡ou máis ben, de víboras dirixentes, agresivas!, medio escondido no fondo do meu xardín, confinando coa carballeira do Chousiño, estará baixo o meu reitorado, obedecendo tal previsión á circunstancia de que, como agora non temos aquelas inxeccións do Profesor Ansur, hai que supli-los seus efectos a base dunha pedagoxía moi sofisticada, ultracientífica, ¡tal que para dirixir unha empresa!

Foi cousa do Padre Anselmo recruta-los sete sabios desta universidade privada, disfrazada con iso da clínica, que vén a ser, para que me entendades, unha especie de Escola de Tradutores de Toledo trasladada ao século XXI. O que fai de Decano é un Economista nipón, premio Nobel; e despois están: un Faquih musulmano, premio Nobel da Paz; dous rabís xudeus, premios Nobel en Ciencias Políticas; un Teólogo, xesuíta; un Políglota, do Opus Dei; a mais dun humilde Franciscano, especialista en Astronomía, que por certo foi o máis difícil de localizar, que sabios humildes quedan poucos neste mundo tan..., ¡tan soberbio!

A miña labor reitoral consiste, principalmente, en detectar, e por ende, abortar a tempo, calquera tendencia racista, ou persoeira, que aflore neste xineceo das ciencias. ¡Labor ardua, vive Deus! En definitiva, que estuden, que traballen, que convivan, pacificamente, sete sabios, pero sen que cheguen aos medios de comunicación as novas desta universidade privada, en evitación de que teñamos unha fuga de cerebros. ¡Competencia científica, que agora se di!

Tamén vos estaredes preguntando qué lle poden ensinar sete sabios a unha criaturiña, no seu berce, agora que non hai bits líquidos. Iso mesmo me preguntei eu, pero o meu neto, que segue estando en todo, téno perfectamente organizado: A equipa dos orientadores pedagóxicos para esta incubación, ou estimulación, cerebral, á que me refiro, está formada polo susodito, en colaboración con Chi-Miña e mailo seu Hiro-Pito, que por certo, moito se cabrea se lle chamo, iso, Pitiño. ¡Vaia ensalada, tres sabios dándolles corda aos sete sabios da telepatía, que nin que isto fose a fisión nuclear!

Mentres escribo, que por agora estes sabios rebordan felicidade co paquete de accións gratuítas que lles deron, de captación, de benvida, (o que non saben eles é que se trata de accións dunha sociedade instrumental descapitalizada ex professo, que só terá beneficios cando o trío financeiro llelos queira asignar, o que equivale a firma-lo seu despido ao pé dunha folla en branco), están ocupados no seguinte:

Hiro-Pito, baseándose en non sei qué descubrimento que fixo o meu neto sobre a vida de relación dos golfiños, daquela que visitou o Instituto Oceanográfico da Coruña, inventou unha gravadora especial que recolle a voz humana normal, pero que despois traduce as frecuencias emitindo ultrasóns intelixibles só por cerebros humanos nonnatos, ou sexa, por fetos que estean, aínda, no seo materno, virxes doutras impresións orais; unha cousa complicadísima, e aínda secreta, sen patentar, pero seica é eficaz, moito, ¡que por algo lla aplican á nena da Fili!

Deste xeito, e para poñer unha especie de exemplo: vai o faquih e le, diante dun aparello, un capítulo do Talmud; seguidamente comenta e explica o significado filosófico da lectura precedente, incardinada nun momento cultural histórico; e así o cerebro infantil rompe a traballar, coa impresión deses ultrasóns estimulantes e formativos que recibiu. Asemade, o feto ordena eses coñecementos adquiridos e as súas posibles aplicacións prácticas, coa velocidade do raio, sen lugar a ningún erro, contradición e/ou interferencia. ¡Algo incrible, que non o sei explicar mellor!

Os tres sabios da Casa, (¡fanse chamar, "Primixenios", que así son de pedantes!), Chi-Miña, Hiro-Pito e mailo meu neto, estiman que con estas técnicas, en cuestión de días, a nena recibirá, ¡ben dosificados!, tódolos coñecementos que acumularon os sete sabios ao longo das súas vidas. Nada máis nacer, esta nena prodixiosa xa poderá sentarse, no mesmo berce, a discutir cos doutores da Sorbona, ¡polo menos!, aínda que fisicamente estea en idade aparente de sorbe-los mocos. Para o seu desenrolo físico tamén inventaron non sei qué hormonas de crecemento, pero iso aínda o teñen en máis secreto có das ondas talénticas.

O principal problema, -e daquela tiveron que vir dez técnicos xaponeses especializados en ofimática-, foi amplia-lo barrelo do meu neto para que lle sirva á futura neta, que neses paneis de mando xa case que non había forma de poñerlles máis botóns.

Se a santa analfabeta que era miña avoa paterna, aquela irmá da muller de Salmerón, resucitase por un intre, e a sentasen nesta mesa dos Consellos, de seguro que morría, por segunda vez, coa impresión deste mundo científico, ¿ou alporizado?, deste século, do XXI, ¡que xa non sei qué nome merece! Isto é unha febre cerebral, un desenfreo intelectual do homo sapiens, que pode rematar nunha soberbia tráxica, por encima da do Lucifer, ¡que xa é dicir! Ata coido que calquera día cabréaselles Deus, se tal cousa fose posible, en vista de tanto racionalismo, imperante e mangante, absurdo; ¡en definitiva, abraiante!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES