Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Muralla, lúa chea imperial

martes, 05 de diciembre de 2017
Aínda que o poeta por definición é un finxidor (Pessoa), e, polo tanto, capaz de transportar o seu eu lírico ata realidades alleas e el mesmo, tamén é certo que as circunstancias vitais orteguianas e a súa propia experiencia latexan debaixo de cada palabra, modulan contidos poéticos dun xeito inevitable e esencializan a súa obra.

Muralla, lúa chea imperial Pois ben, na vida de Xosé Otero Canto existen, desde o meu punto de vista, tres núcleos espaciais importantes, os tres lucenses, e sitúan o autor nunha posición privilexiada en relación co existir galego tan de noso: por unha parte está a Galicia rural, a súa parroquia natal da Ponte de Outeiro; alí asomou ao mundo dos anos cincuenta nunha aldea monolingüe en galego e alí aprehendeu as esencias da cultural galega, significativamente, a lingua. Dato este moi importante, que lle permite posuír un dominio moi amplo da fonética, da sintaxe e do léxico e que lle outorga unha autoridade lingüística incuestionable en cada un dos versos da súa ducia de obras publicadas, sobre todo, na combinación singular do léxico mellor gardado da súa crianza co máis elaborado do galego estándar. Este é o poeta chairego e outeirián, e moitas das súas obras están inspiradas nesta esencialidade.

Un segundo centro xeográfico sitúao na costa de Lugo, no Cantábrico, e ábrelle a porta a esa Galicia do mar, do benquerenciano mar, -onde pasa moitos días dos seus veráns- fascinado sempre polos acantilados da zona e pola beleza da praia das Catedrais, e o azul ceo-mar. Ese Mar con maiúscula inspira tamén varias das súas obras e achégao a esa franxa azul da bandeira galega.

E, por último, a esta realidade rural e mariñeira, as clásicas de Galicia, incorpora o profesor Otero Canto un amplo coñecemento da Galicia urbana, da cidade de Lugo, como residente habitual e como docente na nosa cidade. Algúns dos seus libros dan boa fe desta irmandade do poeta coa cidade das murallas.Neste contexto urbano lucense é onde hai que encadrar esta obra, Muralla, lúa chea imperial. Como dicía o profesor Gómez Torres, non é este o primeiro traballo poético que o autor chairego, benquerencián e lucense lle dedica a este monumento, Patrimonio da Humanidade: no ano 2010 o concello de Lugo editou a Guía poética da muralla de Lugo, un
riquísimo traballo cun enfoque diferente ó que agora estamos a comentar.

Muralla, lúa chea imperial, é un libro breve; breve, por certo, coma o debuxo da portada, minimalista, obra do pintor lugués BlasLourés (o meu primeiro profesor de debuxo alá polo ano 1972). Que arte a do profesor Lourés! unhas liñas e aí están con toda a suá presenza o adarve e a catedral! Como son os artistas, con que pouco expresan tanto! Que ben escollido está o debuxo da portada: unhas liñas e… tanto contido, coma na obra do profesor Otero: tan só 29 poemas breves… e un mundo poético asombroso. Estamos ante un pequeno gran libro, reducido en páxinas, pero enorme en contido e en riqueza literaria, porque o que escribe Xosé Otero é LI-TE-RA-TU-RA con maiúsculas: toda a súa obra –moi recoñecida e premiada, todo hai que dicilo- está impregnada da calidade e da dignidade literaria que a nosa literatura merece. E esta Lúa chea imperial non se queda atrás.

A metáfora do título ponnos en aviso deste rico bálsamo poético que esconden as súas páxinas.

O termo imaxinario fai referencia a unha das fases da lúa, nomeadamente á que ten forma esférica, como a muralla romana de Lugo (a única romana no mundo que conserva enteiro o seu perímetro); pero a lúa chea –fronte ás inmaturas nova e crecente e á decadente minguante- é, á vez, a que máis luz irradia, como a muralla sobre a cidade que a contempla.

A segunda parte da dobre adxectivación do título (refírome a imperial) trasládanos, por unha parte, a esa realidade da Roma so século III –momento da construción da muralla- e, ó mesmo tempo, aporta esa idea de excelencia, de algo que polas súas calidades se considera superior a outro. Concentra o autor nas tres palabras do título, pois, (lúa chea imperial) unha amálgama de connotacións que van desde a orixe do monumento ata a forma, pasando polas propiedades máis relevantes do mesmo, como é a de ser luz, guía, camiño, excelencia de Lugo e, da Humanidade.

Engaiolado por esta carta de presentación decidín mergullarme en cada páxina para seguir gozando da arte que encerran os seus poemas. Non pretendo abranguer a análise de toda a obra nin expoñer ante todos vostedes un estudo máis ou menos completo da súa riqueza. Quero unicamente no contexto desta presentación profundar no uso da metáfora e das personificacións –descoidando agora outras moitas figuras- e ofrecerlles só unha mostraxe da calidade poética que reverte esta obra.

Para comezar téñolles que revelar –e espero que o poeta non se me ofenda por contar estas intimidades- que eu sei que todos os poemas foron escritos insitu, no propio adarve da muralla.

Co seu lapis staedtler nº 2 ben aguzado e sobre folio usado e reciclado, con tres dobras e cun sexto do folio operativo disposto a atrapar a inspiración, tal e como as nove musas lle ditaban, e sen outra compañía que a dos viandantes sorprendidos, que quedaban contemplando –con expresión de abraio- a actividade inusitada do lapis do poetatrazando figuras minimalistas na forma deses poemas barrocos.Esta circunstancia, obra escrita sobre o adarve, singularízaa e diferénciaa da Guía poética da muralla, -como diciamos máis arriba-cuxa perspectiva se sitúa noutro ángulo que o aproxima máis a unha visión máis achegada á base rondeña.

Convocados, entón, por esa metáfora do título, deixámonos arrastrar por ese cheiro literario dos seus poemas e por toda unha batería de xogos poéticos que elevan o espírito cara a un goce profundo, un goce ben perceptible polos sentidos: o profesor Otero afástase desa visión plana de pedra gris, fría e calada e enche a muralla de cor, de vida e de musicalidade desde o primeiro poema. Podemos dicir que o libro é un ramallete de poesías atrapadas entre a sensualidade da primeira “Muralla de carmín adormecido” e a sensibilidade da derradeira “A descalza choiva”. A muralla para o poeta é ollo, satélite de Lugo, corazón e pulmón da cidade, e as súas torres son corazóns latexantes, son labios irreverentes/ e de carmín adormecido, son ventres arrolados, barrigas de pedestal; os arcos da Mosqueira son cellas/ nos teus ollos de chorar. Esta vitalidade innovadora e ao tempo provocadora domina a obra enteira.

A sensualidade destas metáforas vese enriquecida por matices relativos ó sentido do gusto (melón ancestral, bombón exquisito, chucho de mel, cogomelo), ó sentido do oído (atopámonos con concertos das pedras, escalas musicais e, desde logo, gaitas, cítaras, liras, trompetas de prata, óboes, violoncellos, teclados de piano… campás de Santa María, sonata de inverno, fuga de estío, e mesmo o vento é peite de frío), ó do olfacto (percibimos o olor e o silencio de magnolios floridos), e tamén ó sentido do tacto (o poeta sente o vento e a choiva e as raiolas abesullan as cumiadas, e confesa: sinto os vosos sentimentos ásperos); e, por suposto á vista: É impresionante contemplar a sucesión de imaxes baseadas na forma curva -perceptible polo sentido da vista- que caracteriza o noso monumento e como esta realidade provocou un aluvión imparable –tamén impagable- de metáforas.

Voume limitar a escolmar algunhas a)referidas á muralla no seu conxunto: astro rei de Lugo, niño augusto, órbita elíptica, cíngulo romano, pulseira, torques, coroa, cetro, cunca, grande aperta, sombreiro, corda enrodelada, anfiteatro, hidra, medusa, copa romana, cáliz, lámpada do teito de Lugo, araña; b)máis centradas nas torres: cabezas de melancolía, curva amortecida en curva, ollos de curvada altura, fouces, ubrada no vagantío, caldeiros erectos, pétalos de rosa, ollais de tenrura, cascarolas c) adarve: rúa máis grande de Lugo, corredoira de amenceres, adival programado, serpe aletargada d)Mosqueira: arcos como cellas, ollos de chorar, ollos grandes, melindres de nosa señora.

Cada unha destas imaxes ben merecía un comentario, pero non é este o lugar nin o momento. E tampouco me vou referir ás pinceladas históricas sobre as que asenta esta obra de arte (como o bosque de Lugh, Augusto, Paulo Fabio, Vitrubio, foxo extinguido, trincheira de mortos, centurións, cardo e decumano…), nin me debo deter na extremada delicadeza e sensibilidade dalgúns dos seus poemas, coma o que cerra o libro –como diciamos ó comezo-a chuvia no adarve:cos seus zapatos de cristal,/ tan alegres/ chouta contra as pedras, danza/ e desfaise en abelorios/ de miúdas muiñeiras, de arcos e bailadas.

Porén, para rematar, si quero expresar o meu abraio ante unha das moitas imaxes presentes na obra do profesor Otero Canto e que dá título a un dos seus poemas: “Cerrada interrogación?”

Leo a segunda estrofa: Cerrada interrogación. / Cales son as túas dúbidas, / e as túas pescudas e tribulacións? / Se preguntas por ti mesma / e ti es a solución: / o punto é a catedral, (que por certo, a campá, a Froilana, e as torres tamén teñen os seus versos noutro poema) / a liña recta, a subida / e o círculo, o muradal, / do cogomelo e sombreiro desta cidade principal. Nunca esa imaxe me fora próxima, pero des que o poeta a deixou no papel, agora xa me resulta familiar.
Felicitémonos todos hoxe por este aniversario da nosa muralla, fagámoslle explícita esta felicitación ao concello de Lugo a través da súa concelleira de cultura por publicar obras de arte como a que estamos a presentar.

Teño que felicitar a Xosé Otero por ofrecernos este agasallo dos sentidos, por este traballo literario, por este pequeno gran libro, e quero agradecerlle que me invitase a escribir unhas palabras a modo de prólogo ou portela no seu libro e que quixese contar hoxe comigo nesta presentación.

Moitas grazas e grazas a todos pola súa atención.

(Palabras do profesor e escritor Xosé Luís Vázquez Somoza, na presentación do poemario "Muralla, lúa chea imperial" de Xosé Otero Canto (Concello de Lugo, 2017) do que tamén é prologuista, o 30-11-2017, no Vello cárcere de Lugo).
Vázquez Somoza, Xosé Luis
Vázquez Somoza, Xosé Luis


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES