Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Labrando imos. Un escrito pra hoxe e mañá

viernes, 24 de noviembre de 2017
Empuxado me sinto, desde as raiceiras secretas que moven a alma, a expresar en leves e pobres palabras miñas algo verbo da quentura e fervor que nela paseniñamente foron xurdindo coa lectura dun recente escrito de case duascentas páxinas que leva como título “Mini e Mero: labrando para sementar” (Asociación Cultural Xermolos - Colección “A pedra albeira”, nº 9, 2017).

A polifacética figura do seu autor, Xulio Xiz, é dabondo coñecida e admirada. Mais escribir sobre Mini e Mero en Galicia non é en principio tarefa doada, porque neles vida persoal e simbolismo popular ou social están inextricabelmente unidos. Nun determinado senso, ámbolos dous (e ó tempo entre si unidos) perténcennos a tódolos galegos; tamén a cantos, alén do noso país, cren e saben que as culturas e os pobos só poden subsistir en si mesmos cando estiman e aprecian o seu pasado, as súas raíces, os seu soños, os seus cantares, etc. Neste sentido, é así como Mini e Mero se volven inabarcábeis. A proximidade e a amizade son quen, porén, de se achegar á súa comprensión. Foron elas xustamente as que lle permitiron a Xiz acceder competentemente, non só á resonancia pública e social de Mini e Mero, senón tamén ás secretas e limpas fontes nas que eles beberon. Augas procedentes do interior dunha terra farturenta en tradicións, historias e lendas, que son precisamente as que se expresan nos artistas, eses misteriosos transmisores ou retransmisores da vida ós humanos mortais, que sen eles nos perderiamos na ignorancia e na estulticia.

O devandito escrito que o pasado sábado, 18 de agosto, á beira do Magdalena da lucense Vilalba, chegou ás miñas mans na celebración dunha xusta e máis que merecida homenaxe a Mini e Mero, é en si mesmo tamén arte. Porque nel se converten nun verdadeiro pracer para os ollos non só as letras e palabras das que ningún escrito pode prescindir, senón tamén o selecto, variado e abondoso número de imaxes e fotografías en relación cos personaxes centrais de Mini e Mero, que todo lector saberá seguramente apreciar. Non menos axeitado resulta ser o pertinente acerto de Xiz de incluír no seu escrito, á maneira de recadros que oportunamente se insiren nas páxinas do libro, breves textos de ata máis de cincuenta autores (de moi diversa procedencia profesional) que fan referencia persoal e agradecida a Mini e Mero.

Un escrito en definitiva, que non se lles caerá das mans a cantos se interesen pola tradición festiva, poética ou musical da Galicia desde polo menos as últimas tres décadas do século pasado ata o día de hoxe. Un escrito que podería levar tamén por iso como título o de “Mini e Mero: historia dun compromiso”. Pois iso é en realidade: un compromiso –ben consecuente e diáfano- de dous grandes artistas lucenses coa Galicia nosa.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES