Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Paseo dos Soños

martes, 21 de noviembre de 2017
Poucas veces un sinte medo das palabras que vai pronunciar, porque poucas veces a realidade supera á imaxinación e á fábula posible. Este é un deses casos en que un sabe que non vai ser quen de expresa-lo que sinte.

Comparti-las celebraciós que a tribo foi instituíndo pra compartir territorio, arelas e afectos é xa en si un agasallo que celebramos varias veces ó ano e desde hai un feixe de anos.

Continuar afirmando a existencia desta matria pequena que é a Chaira coa complicidade de chairegos, que non son de nación e si de inmersión e de corazón, e que todos xuntos sigamo-la estela poética do Manuel, que definiu as lindes da Chaira e afortalou a Grande Matria, e que teñamo-lo primerio e o último pensamento prá súa bonomia e obra. Iso é compartir algo grande.

Pero sentir que hoxe tede-la debilidade de no-lo adicar a nós é moito, compromete a moito, fai que un se sinta máis pequeniño do normal.
Paseo dos Soños
Porque o feito feito está, e o que nos atribuídes ten centos de protagonistas que non son nomeados e que poucas veces saen á luz. Uns xa se foron e seguen no noso pensamento. Outros estades aí, eu sei que gozando porque vos sabedes partícipes dun traballo común.

Porque se do que se nos culpa é de repartir ós catro ventos a cultura tradicional do noso pobo, temos cantidade de compañeiros de viaxe. Desde quen nos guiou, ensinou e protexeu en tanto non tiñamo-lo paso firme, D. Xesús, ata todos e todas aquelas que no longo camiño fixeron tramos connosco.

E volvamos a D. Xesús, o cura que tivo a ben tutela-la nosa xuventude na prudencia de non interrompe-lo camiño e facelo canda nós ou nós acanda el. ¿Quen será quen de facer distingos? E neses tempos de incertidume e confusións, e de medos... non tivemos medo porque el estaba aí comprometido co camiño que nos levaba a todos. Gratitude, Xesús, tamén pola paciencia, polas imprescindibles leccións de música, pola harmonía do noso cantar, pola materialización dos pequenos soños. Pola droga que aprendemos a inxectarnos en vea recollendo aquí e acolá todo aquilo que nos tiñan ensinado que non servía, que eran manifestaciós dun pobo de ignorantes. Ben dita ignorancia.

A aprendizaxe en directo da cultura popular ten nomes e rostros de xentes do País que na maior parte xa non están fisicamente pero que en nós acompañan cada canción, cada lenda, cada refrán...

E están os compañeiro/as na viaxe. Moitos. Inesquecibles todos e todas elas. Nas duras e nas poucas maduras.

Todos e todas vós que sempre tivestes a deferencia da colaboración, da complicidade, da solidariedade e da comunión.

Porque o que compartimos e celebramos en cada canción, en cada aceno, en cada palabra é este País. O noso. O que nos tocou recoller e laborar pra poder dar fe e testemuña da súa existencia coma tal, coma nación suceptible de se-lo que ela queira. Coma primeira meta, Libre, e logo xa o pobo dirá o que teña a ben.

Libre de negaciós, libre de ataduras, libre nos horizontes, libre no benestar das súas xentes, libre na paisaxe orixinal, libre nas regalías da súa terra, libre na solidariedade dos pobos... LIBRE pra ser iso: LIBRE.

Ese foi o noso canto, un canto de liberdade sen máis ataduras cá imposibilidade de facelo máis libre aínda. Só se predica a liberdade desde a mesma liberdade. Sentindo que brota nun mesmo e que se pon ó servizo da liberdade dos outros, dos que non a teñen ou dos que non a comparten.

Non hai mérito nas cousas que se fan porque un quere facelas e fainas con gusto e con pracer. E compartimos unha fonda amizade que durou anos, moitos anos, toda unha dualidade de vidas. Tivo altos e baixos, conflictos... Pero foi a razón da meta, a razón do camiño, a razón da Matria común quen sublimou os problemas.

E aquí estamos, outonizos, celebrando a tribo. Celebrando un soño de soños feito paseo. Cada fito desta rota é un soño compartido pola tribo. Pezas singulares do grande puzzle que conforman o soño Matrio. E hoxe remata aquí, temporalmente. Porque a tribo e a Matria teñen, temos, conxugamos, conxugaremos e conxugarán... milleiros de quilómetros de soños.

Debémoslle, todos nós, gratitude infinita a quen pon pedra, ferro, metacrilato... materia e arte pra que perduren no tempo as ilusiós e os soños... e as noticias que desde o pasado deben perdurar no futuro pra deixar constancia das vidas tronzadas pola barbarie e o esquecemento. Agradecidos, Valdi, polo teu labor feito arte. Por ser home de faceta tardía pero fructífera. Vaia que si.

O argalleiro crego que séndoo case non o é. Ese silandeiro ser que aparece e desaparece dos lugares de celebración sendo culpable do seu deseño e que está coma se non estuvese. Pero está. Culpable el da continuidade da Chaira nas emociós, na cultura e nos lazos que nos unen e que nos atan..

E está a voz que escribe, o conductor, quen pon melodías no falar e sempre está percorrendo os camiños da Chaira. Que escribe libros prós demais, que ten nos miolos a crónica dos últimos cincuenta anos de tódolos fabricantes de soños que esta Terra ben dita dou.

E está o irmau das terras de Tabeirós que se fixo chairego por inmersión. O das palabras con arrecendo e sabor a mazás do país.
E está.....

Son consciente de que quedan moitos e moitas nos agradecementos. Os guías primeiros, meus pais, que xa non están, os fillos e as netas que perdurarán e a compañeira que viviu e vive esta vida nómada comigo e sen min. Sempre aí, desde toda a vida, dándome vida.

E son horas de finalizar, que agora estou afeito a tempos acotados e hoxe desmadreime. De corazón, agradecemento infinito por este agasallo que se volve alento nese outono seco, mortalmente seco, que un quixera transformar en chuvia mansa e criadora, que fixese agromar das cinzas milleiros de prantas do País pra que logo do inverno persistente teñamo-la PRIMAVEIRA agardada e procurada.
Amén

(Palabras de Xosé Luis Rivas Cruz, Mini, na inauguración do monumento a MINI E MERO no Paseo dos Soños de Vilalba, o 18 de novembro de 2017).
Mini
Mini


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES