Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A noventa e nove anos da 1ª Asemblea Nacionalista Galega, Lugo 1918

martes, 21 de noviembre de 2017
Hoxe será Lúa Chea, mirádevos nela!

Este acto é un bico nos ollos que agradezo expresamente, pois aquel neno que se honra de ter nacido aquí moi cerca, nin 200 m, e en xergón de moita familia e humilde leito, non renuncia a devolver as sombras e luces que proxecte, á terra que lle viu nacer.

Quero compartir esta luz e consideración coa mesma humildade da orixe, que seguirá a ser dona do meu ser e unha constante nos horizontes que veñan. Comprendín que é aí, nese estado elemental e básico de correspondencia, da inocencia máis inxenua, onde habita a verdade máis certa, da man da luz que nos guíe. Son parte dun todo e, como tal, e como todos, resultado das circunstancias e vivencias. A elas debo o que fixen, bo ou malo, torpe ou veraz. Nesas circunstancias, están espazos e atmosferas, e moitas persoas, moitas aquí presentes, ás que quixen desde un silencio sonoro, no camiño que nos leva e tivo comezo aquí, en Vilalba. Persoas que me acompañaron sempre, na confianza de ser fieis compañeiras, na esclarecida luz de cada día e nas moitas noites, para seguir erguendo un facho de esperanza.
A noventa e nove anos da 1ª Asemblea Nacionalista Galega, Lugo 1918
Toda esa xente que me conformou, en realidade, é así de xenerosa, cómplice e amiga... E sei que eles –sen sabelo- son quen me gobernan e posúen, entre soños e soidades, en arelas que nos farán gañar un destino de porvir. Imos indo e vindo, vivindo. Por iso esta distinción que, en parte, me sinala: non é miña, senón nosa. Mellor dito: vosa e quero dedicárvola a todos vós, de verdade: á familia –que tanto tivo que soportarme, coa que fun tan torpe e que me alenta cada día-, ás amigas e amigos, ...a tantas e tantos que xa comparten nostalxia e memorias, ...compañeiros nesta resistencia do vivir.

Sen vós, estou completamente seguro, eu non sería quen son, non sería nada, nin sequera sería. É este vínculo preciso da existencia, a amizade en palabra e música, onde debo relatarvos e felicitarvos porque eu, recoñézome produto voso. Xa en Fuxan os Ventos, con toda aquela xente: Suso Vaamonde, María Manuela, Pilocha, Quintas, Miro, Raúl, Tino, ...memorias! E, agora, na Quenlla, con toda estoutra xente pero sobre todo cos que hoxe non se citan, pero que están e estiveron sempre, desde o principio, no mesmo barco e a pé de loita sincera e silandeira, a Antón Crego, Chus, Tareixa, Malula, ...artífices do que foi, na súa máxica existencia, a loita de toda unha vida.

Pero o tempo pasa e eu envellezo –con uve, claro, para a miña satisfacción- a pesar de nós e da teimuda resistencia. Complícanse os horarios, os desprazamentos, abondan obrigas persoais e resulta imposible acudir a canto un quere, e menos aínda a canto un debe. As forzas e a paciencia esvaecen agardando a lealdades que non foron, demoradas sempre en xustificacións que non son razón nin feitos. Chega, pois, un ciclo de agardar, pousar convencido de que buscar unha solución válida. O futuro virá máis certo no labor de proseguir! Alá quedan feitos acontecidos, nas follas maduras dos outonos. Algunha lembranza é inesquecible, moi poderosa e reconforta, outras doen moito, na mesma ferida que a causou. A pesar de todo, serei quen de acender novos soños e proxectos para seguir tras dun mañá moito máis xeneroso. E anque naveguemos naufraxios, saberemos saír adiante sen afogar decepcionados.

Eu recoñezo –unha vez máis- que son propiedade dos amigos, das boas amigas, dos de verdade, dos que non fallan nunca. Por iso, hoxe, quero agradecervos a todas/os a vosa presenza, en especial debo nomear a Valdi, pois fixo a figura en “aceiro coortem” evocándonos coas caricaturas de María. Grazas aos dous. E, por riba, quixera que nesta imaxe tamén vos virades vós, que fósedes aparecendo sabendo que estades presentes, sentindo o mesmo rumor das augas do Magdalena que arrole os soños deste Paseo. Quero lembrar aos que non viñeron, aos que non han vir, a Alfonso, á Irmandade Manuel María, a Xermolos, ao Concello de Vilalba, a Irimia, Encrucillada, a Mato, a Xulio Xiz, a Garrido, a David Otero, a Abella, a Héitor, Xosé Lois, Ernesto, Celeiro, Morgan, ao IESCHA, ...ás que xa non poden vir, aos que xa non dou citado, ...a vós nesta forma de amar que é estar e resistir; aos que aínda cantades silencios compartidos mentres buscamos novas utopías e traémolas á maxia do sentir conxunto, denunciando os atropelos.

Lembranza agradecida e especial ás/os compañeiras de A Quenlla, grupo excepcional que agora se debate “en desfeita existencial” por unha vontade moi arbitraria, elas e eles que soportaron as miñas teimas e, aínda así, emocionaron canda min, no mesmo sentir, axudámonos a facer unha soa voz nacional resistente e inclusiva de pertenza. Para cantar precísase sobre todo a confianza absoluta, e crer no mesmo que nos xungue sen outros intereses adxacentes, para deixarse ir confiados a ese rumor íntimo de ledicia ou dor, entre adaxios dunha cadea de notas para poidan chegar a dentro, ás estremecidas entrañas da senrazón. E iso hai que facelo esquecéndose a si mesmo e as propias feridas, para facer clamor cos laios e saloucos, cos alentos misteriosos que sucan o aire e dan voz aos que nunca teñen voz!

Parabéns a todas e a todos, vós e moitos que –hoxe- non están. Sodes protagonistas en min, eu só fun o conduto transmisor da vosa forza. Grazas pola vosa compaña. Lembrarei sempre a débeda que a min tanto me obriga en compromiso de consideración con todas vós. Saúde e cante o merlo.

(Palabras de Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero, na inauguración do monolito homenaxe a MINI E MERO, no Paseo dos Soños de Vilalba, o 18-11-2017)
Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES