Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xosé Manuel Carballo, un libro aberto

martes, 14 de noviembre de 2017
Moito ten falado o meu amigo Xosé Manuel. Falaba como un libro aberto, falaba a esgalla, dende as táboas do teatro, dende o altar, dende as carballeiras, dende a eira, polos camiños, pola radio e tv, e polos libros. Escribía como falaba, pois ás veces poñía “bueno agora vou comer e descansar un pouco”. E, sen poñer punto aparte, escribía: “Agora sigo”, que mesmo te engaiolaba na súa trécola, sen poderes deixalo até que remataba o artigo de varios folios.

Cando chegou o correo electrónico xa non deixaba de mallar nel. Ai! mais cando veu o WhatsApp, eu teño guasapeado con el cerca dunha hora, falando e discutindo, poñendo as cousas no seu punto. Era realmente un guasapamen, non, non é un alcume. Dominaba este medio con unha maña..., vía no meu aparato escribindo,e de contadoaparecía unha tira... Os seus dedos bulían que parece que debullaban as palabras como graos de millo. Así ten pasado comigo, se sumo todos os tempos,moitas horas. Ai! mais souben que non era só comigo, con moitos outros.

Como lle gustaba, porque, el falaba por un tubo, claro, con moito traballo. Maisneste caso corríanlle as palabras que era unha delicia, funcionaba só a cabeza e os dedos.Eu teño reservado no meu aparato unha morea de conversas memoriais, e agora non me atrevo a volver nelas porquenon son quen, a emoción faime bagoar. Xa pasará o tempo, a ver!.

Falaba moitas veces con segundas, que á primeira non eras quen de collerllas; como cando me dixo: hoxe tiven sorte, pois Tráfico regaloume 50 €. Caín na conta de que en vez de cobrarlle 100, por pronto pago, só 50. Unha vez cando rematamos dime: “dalle unha aperta a miña cuñada”, e eu abría os ollos preguntándolle: “que cuñada?”, “pero -dicíame- non somos irmáns, ou?”. Para el eran cuñadas especialmente as mulleres dos curas secularizados. Era grande amigo de Xosé Mª Rodríguez Díaz, hai pouco que lle precedeu no pasamento, dedicoulle en Religión Digital unha Carta abierta a un compañero secularizado, pero compañero, en dúas partes, digna de ler.

Manolo Regal, tamén secularizado, responsábel do apostolado rural na diocese de Mondoñedo-Ferrol, un nomeamento profético, nestes tempos, polo bispo, Mons De las Heras, no que tivo moito que ver Xosé Manuel. Falando deste nomeamento decíame: “fun insinuante e logo “coacionante” de Regal. Estou máis contento!!!”. Contesteille... A ver se resulta que vai aparecer en Galicia un FRANCISCO. Cada vez relativizaba máis as cuestións sen tomalas tanto a peito porque xa estivera á porta dúas veces para saír deste mundo... “Neste momento –dicía- estou tendo unha considerable melloría. Meigas fóra!”.

Foi quen de domeñar á Cigoña para que falase ben dos avances nesta diocese. Aproveitando a melloría, Vicente Couce, Aneiros e eu, fomos pasar na súa compaña unha longa tarde deste verán, alegre deunos unha parolada tan contento que mesmo quedamos abraiados pola súas e abondosas ideas progresistas, e coas limitacións de ter que falar por un tubo “cando antes –como el dicía- falaba polos codos”. E seguía enlazando co do rural: “Igual é o medio de que as dioceses e as parroquias deixen de ser un club e volvan a ser unha comunidade”

Como se ría de si mesmo cando os técnicos lle impoñían o non abusar, o descanso, evitar os esforzos, que falase pouco, e el quería facer do tubo físico o ”tubo” metafórico. Por iso, para seguir as normas dos técnicos, escribía e escribía, en Galicia Digital, en ReligiónDigital, etc…

Hoxe paro aquí porque aínda me quedan moitas cousas que me contou e que me mandou que as botara a andar. Un cura rural, que non puido facer todo o que el quería, escritor, mago (ilusionista, humorista), animador social e cultural.E agora mentres nós recollemos a lembranza do seu estilo senlleiro, que non canse de falar alá con Deus Pai no ceo.
Ferreiro Currás, Anxo
Ferreiro Currás, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES