Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xosé Manuel Carballo, na miña memoria

lunes, 06 de noviembre de 2017
Non é nada estraño acentuar o recordo dunha realidade cando falta, e cando ese “algo” é unha realidade persoal, que foi unha polaridade que despachou comunicación nada regateada, a intensidade do recordo adquire un matiz tan especial que non somos capaces de expresalo adecuadamente.

Eu, que non levaba moito tempo relacionándome con Xosé Manuel Carballo, aínda que tiña referencias moi positivas del, tiven ocasión de gozar da súa amizade, e como no recordo o gozo xa non é gozo, espero que o baleiro da súa ausencia sexa, polo menos, duradeiro, sobre todo porque o recordo, como dixo un ilustre pensador, é a esperanza invertida.
Xosé Manuel Carballo, na miña memoria
Despois de ler o que xa dixeron del amigos de moita intimidade, é unha ousadía que eu lle dedique esta colaboración en “Galiciadigital”; pero respondo a o que penso que serían os seus desexos agradecidos. No libro que lle escribiron 200 amigas e amigos, titulado CERNA DE CARBALLO, teño unha dedicatoria que di: “Coa máxima admiración a quen con 84 anos supera a moitos de 48, Pedro Rubal, 25–6–2015”, da que, como produto da miña humana vaidade, albergo un sentimento de sincero agradecemento, e confirmo os folgos do seu espírito, porque, como me dixo por aquel entón, “xa non falo polos cóbados, senón por un tubo”. Ata en isto era enxeñoso!.

Foi tanto o que se escribiu de D. Xosé Manuel, que, se nos poñemos a extraer o esencial de todo, non queda xa CERNA do “Carballo” da que falar. É curioso, por anecdótico, que María José Alonso González, inicie o libro con “Unhas verbiñas agarimosas”, esposa de Onésimo Forneas Uz, un parente tan afastado xeracionalmente como próximo no trato amigable, que utiliza a páxina 125 para falar de “Cousas de nenos e non tan nenos”. Ambos, íntimos de D. Xosé Manuel, a quen, polo Santiago, esperaron na miña casa, en Alfoz, para acompañalo á representación dunha das súas obras teatrais, na parroquia de Lagoa, e tamén ambos, contribuíron así a enriquecer o máis profundo da realidade persoal del. Remítome, pois, ao contido do libro.

Estouno vendo chegar nun coche conducido por un crego novo. A miña muller, Carmen e eu, baixamos da terraza da casa para recibilo, e esperamos que recuperara osíxeno. Subiu animoso, e dispuxémonos a tomar un café nun salonciño, deixando tamén un espazo de tempo para repoñer o osíxeno, co auxilio dunha bombona especialmente preparada. Mandoume sentarme ao seu lado, para que o entendera ben. Pasamos un ratiño agradable, e logo marcharon para ao campo da festa, onde se celebrou, con moita ledicia pola súa parte, a representación da obra da que era autor, soportando os sucesivos actos ata xa moi avanzada a noite.

Asistimos, Carmen e eu, na agradable compañía dos amigos e parentes, semanas despois, á homenaxe que D. Xosé Manuel lle preparou a D. Domingo López de Carvajal, na parroquia de Duancos, no concello de Castro de Rei. Non teño palabras para expresar as súas intervencións, tan decisivas como sacrificadas polo seu estado de saúde. Fixeime bastante nel, e intuín, pola mesma linguaxe xestual, con que enerxía o seu espírito apremaba o corpo auxiliado pola técnica: Todo un ciborg!.

Sen explicarmo, o amigo Carballo, ensinoume algo que agora, con motivo do seu pasamento, obrígame a reflexionar buscando saída a esta pregunta: É CERTO A EXISTENCIA DUNHA TENDENCIA ACTUAL A VIVIR A ESPIRITUALIDADE COMO UN PROCESO PURAMENTE NATURAL, SEN CONNOTACIÓNS TRANSCENDENTAIS, PROPIAS ATA AGORA DA ESPIRITUALIDADE?. Pois ben; miren por onde os folgos espirituais de D.Xosé Manuel saen sutilmente ao paso desta cuestión, hoxe tan debatida academicamente, un intelectual que viviu comprometido con múltiples facetas do natural, e, sen embargo, transcendeuno en cada unha delas, cun envexable humor e non pouca retranca. Pero o maior exemplo desa transcendencia estivo, na miña modesta opinión, en poñer o sopro espiritual por enriba do determinismo material.

Como home aberto que era, nunca renunciou a configurar con disimulada creatividade a súa vida, e digo isto porque viviu a espiritualidade abríndose as dimensións da realidade, como mago na mesma, que desbordan o puro mundo: Creou cultura, enriqueceu o mundo dos sentimentos e das emocións, das que el mesmo gozaba con admirable disimulo, sobrepoñéndose ás amarguras da vida e tamén á dor polas relacións inter–humanas abortadas, todo pola amizade e polo amor aos semellantes, que sempre tivo moi presentes nas súas necesidades, sen deixar de aplicarse á literatura, á relixión, á mesma filosofía, facendo uso da propia, que tiña en abundancia, rindo o recurso a outros pensadores.

Penso que a súa capacidade de dar sentido os datos que recibía das diversas experiencias que lle ofrecía a vida era extraordinaria, como o evidencia a sorprendente conxugación que facía dos ingredientes que conformaron o seu mundo, tales como as persoas, o mundo no que vivía e esa armazón do súa propia linguaxe cultural que lle servía de mediación, adecuada a cada circunstancia, entre el e a realidade mundana. Pero todo transcendido por diversas vías de fuga do estritamente material, guiado por esa espiritualidade relixiosa sen demasiados compromisos institucionais.

E xa termino, dedicándolle unha sincera admiración a irmá que entregou parte da súa vida ao coidado desa tan complexa realidade persoal que era D. Xosé Manuel Carballo Ferreiro.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES