Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Teoría dos sete buratos

sábado, 28 de octubre de 2017
Dende a distancia, leo que detiveron e xa soltaron a outro causante dun dos lumes que arrasaron a nosa terra hai logo dúas semanas.

Unha muller de 73 anos á que se lle deu -tamén hai que ter ben pouca cacholiña- por queimar uns matos que lle habían estorbar para pasar por algún camiño.

Leo isto e, logo de ter visto tamén as reaccións familiares e escoitado a del algún coñecido do veciño da Limia que detiveron en Vigo, dáseme por cavilar na famosa teoría da conspiración, na trama terrorista ou como se lle queira chamar a ese mantra que procura unha explicación rápida -de 140 caracteres- e unha desviación de responsabilidades máis ou menos directas sobre a enfermidade crónica que padece Galicia cos incendios forestais.

"Velaí, como vai asomando a trama", dixen para min cando me puxen en situación e imaxinei á parella da Garda Civil achegándose á casa da señora en cuestión en calquera dos centos de vivendas illadas que se mesturan entre as naves comerciais, as industrias e toda inmensa colección de edificios de distinta caste e condición que se reparten polos catro puntos cardinais do outeiro de Puxeiros, dicíndolle algo así como: "Vai ter que nos acompañar ó cuartel. Está vostede detida como sospeitosa de causar un incendio forestal".

Non é a primeira vez que escribo isto como argumento dalgunha catástrofe porque, cando llo escoitei a un piloto, semelloume moi didáctico.

Sabe vostede porque cae un avión? Pois polo visto, para que acabe caendo seica se teñen que dar unha concatenación de erros que, coma os buratos dun queixo "gruyere", deben coincidiren ata sete xuntos para por eles poida pasar, por exemplo, un dedo. Pero, sobre todo, un avión cae porque vai no aire. Senón, resulta obvio que no caería.

Pois ben, seguindo esa mesma máxima, unha vez máis tamén cabe preguntar por que hai incendios forestais. E unha vez feita esa pregunta, entón si que podemos comezar a pensarmos no que imprudentemente se pon a facer a parrillada, na que queima os matos sen poder agardar a que as condicións climatolóxicas permitan controlar as lapas, no que por tres cadelas de nada el algún cable mal cruzado na testa deixa caer un cigarro no monte para despois correr a apagalo ou, incluso, naquel outro que á vista da acción-reacción que poida provocar na administración unha vaga determinada, xa que o ano anterior investiron nos montes dos veciños, por que non han investir agora no noso se tamén é pasto do lume.

En fin, que o monte arde por moitos factores que, cando coinciden, coma os buratos do queixo "gruyere", acaban provocando unha traxedia. Pero, sobre todo arde por que, coma o avión que vai polo aire, está "a monte", é dicir, pesimamente xestionado dende hai décadas. E, como tantas veces teño escrito, só o día que sexamos conscientes diso, seremos quen de lle poñer remedio ó cancro.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES