Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Outros sapos, outras sereas

jueves, 26 de octubre de 2017
Unha das sorpresas máis refrescantes desta fin de curso foi para min a lectura de Sapos e sereas, o volume de relatos co que se estrea Ana Cabaleiro, coñecida xornalista a quen debemos interesantes ensaios sobre contracultura e ciberactivismo artístico.

Catro contos e un epílogo constitúen a cerna deste libro que publica Outros sapos, outras sereasGalaxia, un mangado de narracións que entremesturan realismo e fantasía, reescribindo páxinas e historias que adquiren aquí novo e diverxente feitío.

“Crónica do poema estragado”, o primeiro dos relatos, é un conto de nadal a contracorrente. Tanto os escenarios coma os personaxes e, sobre todo, o propio fío da trama e a súa resolución reescriben o ideario tópico deste subxénero temático para virar a historia nun drama de tinturas kafkianas que arreda o lector da imaxe edulcorada da felicidade bouba desas festas.

“A noite que Lobo Feroz coñeceu a Groucho Marx” é unha ácida e moi divertida narración en contrafacta onde, servíndose dun imaxinario literario e mítico preestablecido, se argalla unha versión alternativa dos feitos que nos devolve unha historia da Caperuchiña nada inocente, que incorpora o icónico actor e comediante para ofrecer unha fusión creativa que reinventa diálogos, perspectivas e liñas de forza narrativas.

“Un mal paso” é talvez a historia de maior conflito social, pois achéganos a disolución dunha parella que remata nunha demanda por malos tratos que cursa o home protagonista contra a súa, ata entón, compañeira. Amais da reversión dos papeis nunha liña diferente á que confirman as estatísticas, a narración consegue transmitir a angustiosa perplexidade de quen se ve arrastrada por unha tan sutil como malévola presión psicolóxica, que acaba por empurrar polo cantil a serenidade da protagonista, xulgada policialmente nun xogo de aparencias que se presta para a reflexión sobre a complexidade deste tipo de circunstancias na nosa sociedade.

“Sapos e sereas” é o relato cunha estrutura novelesca máis ambiciosa, unha historia de amores e rancores, de idilios e vilanías que confronta o universo lendario das sereas co romanticismo fidalgo dos namoradeiros mozos nobres, creando un bucle de mundos que acaba por se converter nun espello das máis intensas paixóns humanas, nas que o rancor e, sobre todo, a vinganza devoran unha trama de feras traizóns.

O “Epílogo” que dá cabo ao libro non é propiamente tanto un conto coma unha sorte de manifesto ou invocación feminista, que reclama a estirpe das mulleres históricas que foron incomprendidas ou terxiversadas (Eva, Xudit, María Magdalena) para advertir ás mulleres actuais de que esa “herdanza” e o seu coñecemento ten de preparar a todas e cada unha para “saber que cando xa non teñas idade para os contos, cando xa teñas descuberto que os sapos non se bican, que os sapos só se tragan e que non é unha tarefa agradable, xa estarás preparada”.

Poderosa imaxinación, tempero narrativo, sensibilidade social e compromiso xenérico son algúns dos piares que sosteñen estes Sapos e sereas cos que Ana Cabaleiro desembarca con tan bo pé no eido da ficción en prosa. Que tras destas estimulantes historias veñan moitas outras e que nos deixen sempre tan feliz saibo.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES