Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Presentación en Ourense do libro 'P.Manuel Feijoo Música de Nadal'

viernes, 20 de octubre de 2017
Foi xa hai días. Velaquí o que en tal ocasión foi dito sobre esta música galega do compositor ourensán.

Moi boas tardes.
Polo que ben sabes, a metade do sague que corre polas miñas veas, leva cromosomas “feijoo”, de xeito que isto pode desvirtuar a obxetividade do que eu dixese arestora sobre Presentación en Ourense do libro 'P.Manuel Feijoo Música de Nadal'a persoa do autor da música que abrangue o libro que hoxe presentamos aquí. Por iso mesmo, quero comezar a laudatio do P. Manuel Feijoo con palabras prestadas. Daquela o que veña logo xa só será debullar polo miúdo o que persoas con máis creto e obxetivas ca min pensan e teñen dito xa.

Leo, entón, do xornal francés Le Telegramme do 11 de agosto de 1982, o día despois da súa actuación no Festival Intercéltico de Lorient, di: “o festival intercéltico está acostumado a todo. Pero nunca ate o de agora un monxe tiña chegado aquí a por en proba a súa fe nas manifestacións culturais de Lorient, c´est chose fait depuis vendredi soir: le Pêre Manuel Feijoo, franciscaine de Sant-Jacques-de-Compostela et arrivé avec soi chorale, “Terra a Nosa”. Et avec sa bure… Le pére Feijoo qui fait un peu fugure de vedette cette année”.

A reseña titulaba: O Padre Feijoo, o franciscano de Galicia.

Ao ano seguinte, co gallo de celebrarse o Festival de Música Céltica de Ortigueira, cando aquilo aínda non chegara a ser o “campamamento embotellado” que é agora, os medios que cubrían o mostra musical decretaron: “Manuel Feijoo, o franciscano galego de Ourense”.

Máis. Leo agora no xornal O Correo Galego, martes 30 de agosto de 1983:
“Regresa a Santiago o P. Manuel Feijoo co seu Orfeón Terra a Nosa , logo de efectuar unha xira por distintas cidades italianas, entre elas San Remo, Florencia, Milán, Venecia, Asís e Roma, onde foi agasallado e saudado persoalmente polo Papa Xoán Paulo II, quen lle dixo:”Ottimo!, tutto il mondo é terra vostra. Cantate sempre la pace e l´allegría”…/ Acababan de interpretar a súa Misa Solemne Galega para 4 voces mixtas, órgano e orquestra sinfónica, que fai parte do primeiro volume da obra de Feijoo que publicamos o ano 2012 co copatrocinio da Deputación de Ourense e o da “Asociación de Exorfeonistas e amigos do P. Manuel Feijoo”. Parece ser que ese primeiro volumen está xa esgotado, a excepción dos exemplares de arquivo das entidades patrocinadoras.

Y leo ahora en castellano, -con el sagrado respeto que se debe a la palabra de otros-, la melodiosa gacetilla que A. Barral publicó el día que Feijoo puso de largo, en el sublime escenario de imagen y sonido, su música, la del alma profunda de toda Galicia. Leo, pespunteando yo:

Aquí “el cielo se hizo nube para besar la tierra, y esta tierra, coqueta, lanzó al cielo su arquitectura de piedra devolviendo el beso.//

Por extraño privilegio, se ignora si de “meigas” o de “fadas”, cuando el alma siente la pasión de aquel beso, la lluvia y el viento se hacen melodía que acaricia; música que aprisiona, ritmo de eternidad… lluvia y viento, mozo y moza de una extraña muiñeira que se baila en los tejados. Lluvia y viento que “entolece” como una gaita gallega (la gaita de los caminos y de las Misas para as Romerías de Manuel Feijoo, o la de su “Pranto por Basilio Ríos”. (todas ellas también en el primer volumen publicado)//.

Lluvia y viento! “Romeiros” que suben a Santiago por todos los caminos, montados no “chedeiro” del carro gallego de Feijoo;// Canta la lluvia, silva el viento y el “chifre” del Afiador, también de Feijoo; aturuxa el viento nuevamente… Melodía de una “nana” para dormir en sus berces a los ángeles de (nuestra tierra)…; “asubío”, gigante del tiempo, “mozo afiador” que desgasta su rueda en la piedra da Terra Nosa "también de Manuel Feijoo”… Fin de la cita.

Chuvia e vento, bico e agarimo, “meigas” e “bruxas”, carros cantareiros, berces de nubes, serradores dos nosos castañares e piñeirais, nanas durmideiras, mozos e mozas namoradas; gaitas e gaiteiros e asubíos; canteiros de Pontevedra, regalos da feira, regantes e oleiros, panxoliña dun sapiño que fai coc.croc. como nun Noctuno de Curros Enríquez: todo iso, e moitas máis, son cantigas que teñen cita de gala, como personaxes e temas, -ó aire dos agros e os cumes de santuarios e outeiros-, nos ferros da memoria colectiva de Galicia na que vivirán para sempre grazas o libro que hoxe presentamos aquí , ao conxuro dunha maxia galega, ourensana e franciscana do Pai Manuel Feijoo, nado nesta terra, nado en Outomuro, Cartelle-Celanova-Ourense. Nado nesta terra de Ourense para o mundo, grazas ás xiras de todos aqueles concertos cos que el espallou a súa música, que é sempre música de Galicia e desde Galicia.

Toda ela, a de Nadal, está agora no libro que hoxe podedes ter nas mans. Amais diso, van nas 24 primeiras páxinas a vida e os milgros deste home, cando, sempre co sorriso nos beizos, andaba e rezaba cantando polos lugares de Outomuro, Nogueiró, onde aínda no había cabalos -só unha égoa e unha besta-; de Santa Cateliña e O Carregal –camiño da misa ó Mundil-; de Gueral de Abaixo e de Arraba, e no medio o San Pedro; do Mato de Vilardevacas; da parroquia e lugares de Cartelle; da parroquia de Seixadas e seus lugares; de Santa Baia, de Espiñoso, de As Maravillas, Muntián, A Ulfe, Celanova, Vilanova a ver cristais enfeitizados, como Curros Enriquez -; de Couxil e Couxiliño; de A Ella e A Ella; de Sabuz, Sabucedo e de Soutelo… de A Seara, onde só foi unha vez á verbena, e disque quedou arrotando ó pulpo máis dunha semana enteira…
E que me perdoen os meus paisanos e maila alcaldesa, se lles esquecín algo da veciñanza duns e a dignísima xurisdición da outra.

¡Manuel Feijoo, sempre ledo, sempre compondo e armonizando cousas, persoas e melodías…!

Pois si, desde alí, desde estes lugariños, foi como el, Manuel Feijoo, espallou o bendito nome, a rexa alma, a doce fala e a sublime música de Galicia desde de Ourense, por Lisboa, Oporto, Coimbra (1982); por Alemaña e Austria (1973 e 1979): con actuacións en Essen, Colonia, Bonn, Múnic e Salburgo; por París, Versalles, Lusemburgo, Amsterdam, Bruxas, Bruxelas, Londres (1975), Roma (1977 e 1983) e por Arxentina, Uruguai, Chile e Venezuela (1992).

Chegados aquí, compre que eu cale. Abonda xa. Nin siquera acae recordar ¡para que!, as condecoracións e recoñecementos a que se fixo acreedor e lle foron concedidas: Medalla ó Mérito Musical e Fillo Adoptivo de Compostela en 1985. Medalla de Galicia 1992. Placa e Medalla de Fillo Predilecto de Cartelle en Outomuro, 1992.

E tampouco acae arestora ter en conta o taboleiro de premios que acadou nos diversos certames musicais a que acudíu co seu querido Orfeón Terra A Nosa: Segundo Premio de Habaneras (Torrevieja 1970); Primeiro Premio de Polifonía 1974 (Torrevieja), Primeiro Premio Nacional de Polifonía 1980; e Primeiro Premio de Masas Corales Gallegas, Lugo 1976. Invitado Especial de Galicia no Día do Canto Internacional no Liceo de Barcelona ano 1970.

E remato. Miñas donas, meus señores: Corren malos tempos para a lírica, dígao senón a Banda de Música de Ourense, ou… O libro que presentamamos hoxe aquí, sae tremelicante e desamparado. Foi concibido e naceu como froito dun cariño, dun esforzo, dunha teima apaxioda , pero está orfo e medio espido. Para que medre fermoso e estea vivo, confiamos únicamente nun xeneroso crowlfunding: o do voso agradecido mecenazgo, a todas luces necesario…// Este ano celébranse as Bodas de Ouro da aparición nos escenarios públicos da música que o P. Feijoo levaba composta en privado. Unha boa maneira de celebralo ben podería ser o tela agora nas nosas propias mans para recordo ou reliquia, para a interpretación virtuosa ou non de quen guste facelo, para uso persoal ou para agasallo de amigos que teñan o don da interpretación ou o gusto da colección libresca dos nosos autores. Que lles vou dicir!

A quen o desexe, o libro pode facilitárselle á saída deste acto.

E si, remato, non sen antes agradecer, máis do que eu podo, o labor que na edición deste libro puxeron Manuel Rico Verea, etnomusicólogo e compositor; a asesoría musical de Santiago López Blanco, fillo artístico e espiritual do P. Feijoo; e máis que a ninguén, a Carlos Núñez Deza, xefe e director da editorial Armonía Universal, por todo o que el sabe.

E grazas infinitas a Fernando Reyes e a súa muller Mercedes, de Resonet, ámbolos dous tamén fillos e alumnos de Feijoo, agora mestres na súa arte interpretativa, como imos ver de contado, polo súa colaboración superdesinteresada na ambientación musical deste evento, no que nos van agasallar con algunhas pezas do libro que se presenta, que demos en titular Padre Manuel Feijoo. Música de Nadal.

Graciñas a todos por virdes.
Mourille Feijoo, Enrique
Mourille Feijoo, Enrique


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES