Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Frei Martiño Sarmiento nado en Cerdedo

jueves, 19 de octubre de 2017
Poucos persoeiros na historia cultural galega son comparábeis ó sabio e inquedo bieito Martiño Sarmiento, que viu a luz deste mundo hai agora xa algo máis de tres séculos.

Mais, que foi o que viron por primeira vez os seus abraiados ollos o se abriren a este fermoso e problemático mundo? Foron obxecto do seu primeiro namoro os ríos Burbia e o Valcarce da Galicia estremeira de Vilafranca do Bierzo ou quizais máis ben o nacente e cantareiro Lérez da Terra de Montes, case ó pé do monte Seixo da pontevedresa vila de Cerdedo? Porque isto é tamén algo moi relevante para a conformación psíquica das persoas, tal como a min polo menos me aprendeu o lembrado e admirado Rof Carballo.

Veume estes días todo isto á mente trala lectura hai poucos días da achega Os nenos do Bierzo de Víctor F. Freixanes, Presidente da Real Academia Galega, nun xornal galego. Dise alí, efectivamente, dando polo que se ve por boa a opinión común ou tradicional, que as terras bercianas son “a patria do padre Sarmiento”, engadindo concretamente poucas liñas despois que “o Rexurdimento da literatura galega [...] empeza en realidade no século XVIII co Padre Sarmiento, que naceu en Vilafranca, aínda que el gustaba de dicir que era pontevedrés de nación”.

Pois ben, cómpre comentar aquí que a verdade ou pertinencia desta tese da orixe berciana de Sarmiento foi seriamente cuestionada hai xa algúns anos polas investigacións de José Santos Puerto, gran estudoso de Sarmiento. Este investigador e profesor universitario, nado no Bierzo e que inicialmente se adherira á tese tradicional da orixe berciana de Sarmiento, tivo que cambiar, non sen certa sorpresa para el mesmo, a súa previa e tradicional opinión á vista dos documentos cos que inesperadamente se encontrou.

Así resumía el hai algúns anos -nun xornal galego tamén- o contido deses documentos, dos que el mesmo dera público coñecemento con anterioridade: “O primeiro documento é a acta de toma de hábito de Sarmiento en 1710, e o segundo a acta do exame que precedeu á súa profesión en 1711. En ámbolos dous se di que era natural de San Xoán de Cerdedo. E dino as actas porque esa debeu ser a resposta que deu Sarmiento á súa chegada a Madrid, cando o abade lle preguntou pola súa procedencia, como estaba obrigado segundo as constitucións beneditinas entón vixentes”.

Lembro ter eu estado daquela en contacto con Santos Puerto en relación co seu importante descubrimento. Pasou o tempo e descubro agora, moi serodiamente e de maneira para min inesperada, que o excelente investigador berciano finou con só 59 anos de idade o 2 de outubro do 2013 tras unha longa enfermidade.

Vaia a el o meu especial agradecemento polas súas investigacións, pois de seren coherentes e pertinentes -tal como eu firmemente penso namentres non se descubra un documento semellante que o invalide (cousa que non é presumíbel)- proporcionaríanme a fonda emoción de que a miña chegada a este belo e sorprendente mundo e maila do gran Sarmiento terían ocorrido a moi pouca distancia quilométrica, pois entre Cerdedo e Sabucedo hai pouco máis ca unha carreiriña dun can.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES