Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Conflito Xeracional (15)

martes, 17 de octubre de 2017
...
Interrompemos o programa Ondiñas veñen e van..., para darlles conta aos nosos televidentes dunha filtración obtida..., apúntannos que dun certo barman desa famosa bodeguiña da Moncloa.

Seica se foi da lingua porque non lle renovaron o contrato temporal, ¡que o tiña por horas!

Segundo estas fontes, o Venerable Ministro da Rexeneración Social, eximio profesor don Ansur Pérez de Castro, aínda que segue asistindo aos Consellos, e por conseguinte acaba de saír na foto do venres..., leva tres semanas recluído nun soto do Pazo, concretamente no Refuxio Atómico, vulgo, búnker.

¿Causas desta concentración nun laboratorio de alta seguridade? Na cinta filtrada, que non está tan nidia como sería desexable, entre non sei cantos hip, que non se distingue se son etílicos ou lagrímeos, a voz de fondo do informante vén a dicir que o Profesor tránsfuga, Ansur, cometeu non se sabe qué erro, ou qué omisión, na súa fórmula maxistral. En consecuencia parece ser que lle ordenaron dedicarse ao seu laboratorio, en exclusiva, para revisala e actualizala..., ¡polas consecuencias que puideran derivarse!

Entreóese na cinta, unha vez sometida ao varrido das interferencias fónicas, que lle preguntaron ao barman qué materias primas e qué aparellos lle están pasando ao susodito Profesor...

Si, xa se aprecia: leváronlle, pasáronlle, un barril de auga pesada, de alta ionización, e tamén un volume, importante, de ácido ribonucleico..., cousa que nos ten intrigados.

Neste punto da cinta o interlocutor arrecía cos seus hip, hip, e de seguido percíbese un clip, que non se nos explica…

Seguidamente rexístrase un silencio total, debido, evidentemente, á súbita detención do interfecto.

A tal momento captamos unha inferencia consistente na radiación do chotis prohibido, Madrid, Madrid, Distrito Federal de la España en la que nací...

De momento interrompemos esta emisión porque nos chega un Alguacil do Xulgado de Garda coa orde de que desconectemos as antenas...

No ínterim, na Moncloa, están poñendo música patriótica: Tararí, tararí..., porrom, pom; porrom, pom, pom...
...

Quedei abraiado, estupefacto, con aquelas novas, e así llo comentei ao meu rapaz:

-¡Meu neno, iso que está pasando en Madrid é incrible! A tal momento teño a mesma sensación do 23-F, daquela cando túa avoíña entrou na sala cunha cunca de café, que ata se lle caeu das mans ao oí-los disparos do Congreso... A diferenza só está en que daquela seguiu, por un intre, a emisión da tele, que deixaran as cámaras esquecidas, filmando, pero hoxe, ¡nin iso!

A frialdade e maila serenidade deste cativo son..., ¡iso, como dos tempos presentes, xélidas e mecánicas!

-Tranquilo, avó, non pérda-la calma, que che vai aumentar a calva, que isto non é o Titanic, que estamos en terra firme. Mira o que vou facer: Como a estas horas é seguro que xa están informados os servizos secretos chineses, que son os mellores do mundo, vou tentar comunicarme con eles por mediación da doutora Chi-Miña... Xa ma están localizando co seu busca... Ti, mentres, vai entrete-la avoíña, mesmo xogándolle unha partida de dominó; non vaia se-lo diaño que lle dea por poñe-la súa tele, a da cociña, con ese programa da R.R., da Revista Rosa, e se sobresalte coa música militar, que ela ben sabe, de propia experiencia, doutras ocasións polas que pasastes, tanto en África como en España, que iso é un mal presaxio.

Cando volvín ao laboratorio, ao noso gabinete persoal de estudios e de comunicacións, despois de comprobar que a miña dona seguía in albis, que non prendera ningún aparello, nin a televisión nin a radio, entretida en facernos unha torta de cenorias, Migueliño xa estaba radiando vía Marte:

-Aquí LU - 13.3.1 chamando a BA - 14.4.2 Comuníquenme, urxente, alta prioridade, con CH-M. Insisto: Asunto persoal de alta prioridade. ¿Santo e sinal? Galicia está nun alba de gloria. Repito e insisto: Prioridade especial n*; clave interactiva, homologada, de grado 33*.

De seguida lle responderon:

-Aquí BA - 14.4.2 Eu son H-P ¡Vaia présas; malditos latinos, e despois din de nós, dos xaponeses...! ¡Sempre estades co rabo no lume! Engorde, che, que a túa Chi-Miña vén nun sopro... Coido que foi á rúa, que se nos acabaron os palillos do manducatum, os de buxo, ¡e como os quere Made in Fonsagrada...!

-¡Ah, es ti! ¡Ola H-P! ¿Que tal por esas latitudes, viejo! ... Dille á túa Chi-Miña que lle mandarei, hoxe mesmo, desde que corte, un xogo de garfos de prata electrolítica, de parte de meu avó, aquí presente, pois iso dos palillos está desfasado... ¡Parece mentira que unha muller prodixio siga con eses instrumentos tan..., rudimentarios!

-¿De veras queres que lle diga iso, iso tan ofensivo? ¡Mira que aquí, no noso Gabinete, gravamos tódalas mensaxes!

-¡Será desde que se noivou contigo...; e non me irás a dicir que ti, un home dos cinco continentes, es celoso ata ese extremo...!

-Celoso, non, pero nipón, si, ¡a moita honra! É unha cuestión de principios, de confianza recíproca... Ademais, xa sei que contigo non hai rivalidade, que os vosos amores son platónicos. Oes, amador latino, cambio e corto para que faledes directamente, que acaba de entrar Chi-Túa!

-¡Dirás, Chi-Miña, así, en primeira persoa...!

-¿Coidas que non sei gramática, incluso da parda? ¡Sayonara, viejo! ¡Cambio, e cedo!

-¡Ola, Chi-Miña! ¡Salama aleikum! ¿Así que, por aí, na rúa, palillando...? ¡Canto gusto me dá oírte!

-¡Ola, corazón! ¡Son unha facendeira terrible! Outras, outras coma min precoces, a estas horas andan pendoneando, vangloriándose pola Avenida Comodoro Ribadavia, ¡que é peor! Pero supoño que non me chamas con esta clave de prioridades para que frivolicemos, ¿ou si?

-¡Muller, non! A verdade é que teño os nervios escachizados, pero como me dixo o teu mozo, ese mangoneón do bandeón, que non sexa impaciente, pois..., ¡nada, que aquí me tes, nesta espera, dilapidando filosofía!

-¡Métesme nun brete, que xa sei de qué se trata! Por unha parte, de sabio a sabio, que entre nós non se pode andar con mentiras...; e doutra banda, que non quixera preocuparte... ¡Seguro que prefires a franqueza gaucha!

-Chi-Miña, queridísima Chi-Miña, quero que me fales coa mesma sinceridade do mes pasado, daquela cando me dixeches que estabas namorada da técnica xaponesa, pero que, de casada, seguiríamos sendo bos amigos, no senso máis puro desta verba, por suposto!

-¡Claro, home! ¡Amicus Plato, sed magis amica veritas! ¡Oh, que compromiso! Pero arrímate á varanda dese laboratorio-andador, que aínda tes pouca forza nas túas perniñas... O meu Hiro-Pito acéname que si, que te informe con toda franqueza. Daquela, querido LU, serei tan directa coma un cirurxián, que a cousa foiche así:

Aquí o meu mozo, que te quería coñecer a fondo para saber se nos conviña seguir coa túa amizade, estudou as gravacións das túas conversas, e chegou á conclusión de que no teu saber bítico fáltache unha compoñente sapiencial básica, máxime para un galego: ¡unhas nocións de Dereito! Estudar esa imperfección, esa descompensación túa, quitoulle noites de sono, ¡moitas!, pois este home, cando se pon de ganas, ¡invade o mundo!

-Muller, iso é cousa miña, pero, ¿non está ocorrendo algo máis, algo de tipo xeral, aquí, aquí en España? Abrevia, Chi-Miña, por Confucio cho pido, que ben ves que meu avó non está para traxedias...

-Todo se debe ao conflito xurdido na Unión Europea ao descubrirse ese fraude..., ¡que ese si que é un fraude de Lei! O tal Ansur, ese raposeiro, ¡ese pillabán!, rexistrou no Mundial de Patentes e Marcas, como correcta e completa, a súa fórmula maxistral… ¡Que digo maxistral: carísima, abusiva! Mais irei por partes: Esa carencia, aos inxectados, aos artificialmente precoces, como é o teu caso, pasaravos máis ou menos desapercibida ata que cheguedes aos dezaoito anos de idade... A partires de tal momento, sen unha formación xurídica equilibrada, entraravos, polo menos psicoloxicamente, unha especie de rebeldía mental, intelectiva que non visceral, co que vos fallarán as reservas; como se dixésemos, as pilas, as amnióticas D404. Daquela caeredes nun certo desequilibrio, tanto formativo como funcional...

-Estou atento, pero ardemos en desexos de que abrevies, Chi-Miña.

-En consecuencia de todo iso, teredes unhas descargas de adrenalina pois incubarán un virus informático raquídeo, de natureza 7A----, Cobol interactivo, que vos humanizará paseniñamente, perdendo unha gran parte da vosa primacía social, xa digo, polos efectos da descomposición ribonucleica. Por se queres saber máis, será de característica ANAMANARF, con mantisa 3n. ¿Aprendiches a lección?

-¡Perfectamente! ¿Máis nada? ¡Iso é pouco, pouco para o que estaba temendo...!

-¡Nada máis! Incluso colaboraron connosco, neste estudio, aquí mesmo, uns bos amigos, unha equipa de biólogos, matemáticos, antropólogos e psiquiatras..., ¡pois non queriamos patinar contigo neste estudio! ¡Xúroche, polo meu Confucio, que esta é a verdade, toda a verdade; a máxima dedución que nos foi posible!

-Chi-Miña, daquela, ¡Handu-li-lah! ¡Eu, con perdón, cágome nas leis do diabro, veñan do Aranzadi ou do Congreso Mundial da Masonería, que tanto me ten! ¡Ao inferno con elas, ao inferno con esa compoñente omitida, fose ou non dolosa! ¡Viva a anarquía que nos espera, a do século XXI! ¡Viva esta acadia feliz; sen leis, sen ordes comunicadas, sen xustiza, sen preitos...! ¡Ujujú! ¡Viva Ansur, viva a nai que o pariu!¡Loor a Deus! ¡Al-lah Akbar!

-¿Eh, LU; ocórreche algo, volvícheste fatalista, musulmán, ou deches en louco? ¡Isto non estaba previsto...!

-¡Que me vai pasar, muller, meu encanto, que estou máis ledo có cuco! ¡Deu-volo pague por este descubrimento, ou mellor dito, por esta confirmación..., que eu xa andaba coa mosca tras da miña orella, así, por síntomas de cómo me sinto!

O rapaz mostrábase feliz, pero eu, que tanto sufro cando me enganan, e logo estaba iso de que o meu neno non ía chegar tan arriba como tiñamos proxectado..., ¡por culpa dun estafador, dun sabio estafador, que son os peores, pois os bobos poucas ou ningunha vez son axentes activos!

-¿Segues aí? ¡Non córte-la comunicación, aínda?

-¡Si, muller, que estou acalentando en meu avó pois acaba de levar outra das súas decepcións...! Atende: Cando saiades de lúa de mel, non deixedes de pasar aquí, por Galicia, que ademais de coincidir Ano Santo, heivos invitar ao mel das abellas de Quiroga; ¡pura xelea, de carpazas!

-Iso está ben, e agradécese, pero non acabei de informarte, de informarvos:Temos referencias, vía Pequín por suposto, de que a Presidencia do Parlamento Europeo ordenoulle ao voso que se deixen de coñas muslimes, e de pasarelas da Cibeles, que poñan ao Profesor Ansur a reconstruí-lo seu cacharro; que investigue e que logre, a toda présa, unha vacina que contrarreste esa insuficiencia, pois é un desprestixio para a Unión Europea. Ten que facer un scanner de inmunoloxía para ese virus informático dos bits líquidos, e se non o atopa rapidamente, este rexurdimento da cultura e da técnica española irásevos ao carajo. ¡Dixéronmo con esta verba, que eles non teñen elle! ¿Comprendes o pánico do voso Goberno, tanto que presume de haber creado ese Centro Mundial da Avogacía coas ínfulas de supera-lo Dereito clásico, o Romano e mailo Xermánico, Tribunal de Xenebra incluído? Pois isto abarca certos intereses económicos de enorme importancia para o equilibrio mundial..., ¡pero diso sabes máis cá nós! Tamén coñecemos de boa tinta, ¡china!, que andan por Madrid certos comandos ciáticos, de diversos servizos secretos, principalmente árabes, rusos e albanos, dispostos a todo, todos eles, con tal de rápta-lo Profesor, para iso, para que non se logre esa vacina. ¡É un problema, un descrédito para España...! ¿Si ou non si?

-¡Chi-Miña, qué grande es! Foi unha pena que non accedeses, daquela que nos coñecemos polas ondas, a comprometerte comigo, que ti es o mellor agoiro, ¡unha estrela austral! O dito, esperamos por vos, aquí en Galicia, precisamente na vosa lúa, que penso levarvos á catedral de Santiago, ¡agora que rompín a camiñar!

-¿Á do Pórtico da Gloria; esa que é Patrimonio da Humanidade, e por ende, nosa, de todos nós?

-¡Exactamente! ¡Daquela veredes o ben que tocan os anxos pétreos, fabricados por un simple canteiro, polo Mestre Mateo!

Chi-Miña insistiu, que ben se lle notaba que, amais de científica, tiña, ten, corazón, un corazón anxelical:

-¿De veras que non te volviches tolo con estes descubrimentos tan..., decepcionantes? ¿Por qué non nos transmites un raquideograma, en directo, de 625 liñas..., para facerche unha analítica de última hora?

-¡Que va, muller; estou perfectamente, tan ledo como cando rompín a andar! ¡Co que me gustan as cousas naturais e non esta voráxine da sabenza bítica..., pois ata teño pouco con quen falar que me entenda, fóra do meu avó! Escoita, Chi-Miña, non cortes, aínda non. ¿Oíches, e viches, polo teu tele-video, este bico tan churrusqueiro, o que acaba de darme esta rapaza da cofia? ¡Viña cambiarme os zapatos, para poñerme os de ruar! Meu avó, aquí presente, fíxolle en manda o terzo de libre disposición para..., ¡para que se case cun xudeu, e teñan unha filla, digamos que, digna de min!

-¡Canto me alegro por esas venturas, meu LU querido! Quedo feliz de saber que che espera un bo porvir, ¡tal que de semideus!
...

En vista de que todo ía normal, ou polo menos, relativamente normal, volvín á cociña, para xunto da miña dona, pero niso soou o meu busca, e acudín, de novo, ao laboratorio intelixente:

-¿Pequeno monstro, chámasme outra vez? ¡Pareceume oí-lo teu S.O.S. en si bemol, pero este udiófono ten as pilas algo baixas...!

-¡Tranquilo, avó, que todo está aclarado, aclarado e baixo control, que incluso me vai resultar satisfactorio! ¡Nesta vida non hai mal que por ben non veña! ¿Non se di así entre vosoutros, entre os senectos experimentados?

-¡A ver, logo; conta...!

-¡Eu nunca conto; eu digo, constato, explico, manifesto...! Estiven falando de novo con Chi-Miña, que chamou ela...

-¿E...?

-Mira se están ben informados eses chineses, que xa saben, e nós, agora, a través deles, o que van radiar desde o noso D.F., desde Madrid, en cousa de minutos... ¡Xa o están facendo! ¡Atende!
...

Volvemos a emitir, esta vez de orde gobernativa, porque acaba de producirse outro evento, igualmente inesperado:

Un comando suicida, previsiblemente da ETA REDIVIVA, que estaban acochados nun zulo da caseta de “Semillas Selectas”, anestesiou aos gardas da Moncloa, un por un, disparándolles proxectís de traxectoria rectilínea. Seguidamente produciuse unha forte explosión na Bodeguiña, se cadra ao caérselle ao vello Profesor algunha das súas cápsulas...

¡Tódolos indicios apuntan a que estaba experimentando sobre a posible vacina contra os efectos nocivos da carencia do seu sapiencial xurídico. O eximio Profesor Ansur Pérez de Castro é, ou máis ben, era, que seica se atopa en estado preagónico, Medalla Plus Ultra de Pernambuco, e Premio Nobel múltiple: Da Paz, da Química e da Cibernética, mencións que nunca foran concorrentes.
...

Interrompemos a biografía do Profesor porque neste intre pásannos unha nota de alcance que di:

Tódolos membros do Comando, aproveitando a confusión, fuxiron nun pratiño helicoidal, que os recolleu no mesmo heliporto da Moncloa...

Exactamente todos, non, pois a dous deles atopáronos na bodeguiña do búnker, ben privados por certo, que lle estaban dando lingotazos á garrafa do fino...
...

Por favor, non cambien de sintonía, que nos traen outro papel... Como apreciarán, trátase dunha fotografía..., que as novas voan tan rápido coma os pratiños, e á viceversa.

Recoñecerán este edificio do fondo da imaxe: ¡Trátase da Praza Imperial de La Habana! Dálles a benvida aos etarras o propio Superintendente castrista, Máximo Gómez de Castro, fillo dunha irmá dos Castro... ¡Isto, señoras e señores, non ten arranxo, que ben saben que co Imperio das Antillas, desde que os skin-heats de Raul Castro invadiron Norteamérica, non temos Tratado de Extradición!

Con respecto ao noso Eximio: Ansur morreu tal e como vivira, cun sorriso irónico nos beizos, tal que mofándose do mundo. ¡Loor e gloria aos inmortais!

Pola nosa parte, restablecida a normalidade, quedamos coa esperanza de que os “ansures”, ¡tantos discípulos que deixou!, continúen as súas investigacións, posiblemente coa colaboración dese equipo de Medicina Espacial do Observatorio de Piornedo dos Ancares, flor e nata da ciencia española.

Despois do, Ne recordéris peccáta mea, entoado pola Capela Sacra do Val dos Caídos, seguiremos coa nosa programación habitual nesta Emisora f.m. da Cadea DF 14, ¡que é a súa!

O meu neto e mais eu estivemos un bo anaco en silencio, ponderando aquela nova situación:

-¡Rapaz, isto que nos pasou, hoxe, hoxe mesmo, parece sacado dunha daquelas películas de ciencia - ficción tan en boga nas décadas 60/70! ¡Cústame crelo! ¡Quen o facía do Ansur, un home que peiteaba canas...!

El, na súa rotunda personalidade, tiña outras reflexións:

-Celébroo pola avoíña, que ela nunca entendeu, nin lle gustaron, os meus poderes intelectivos, tan..., ¡galopantes, tan desproporcionados! Teremos que dicirllo agora, agora mesmo, a touro pasado..., ¡antes de que outros lle vaian con chismes e con opinións indocumentadas!
...

Pero non acabara a xornada, ¡en absoluto! Voltos ao laboratorio, dinlle outro paso de osca:

-¿Dis de verdade, así, entre nós, que prefires subordinarte á natureza, aínda que sexa perdendo algunha das túas facultades excepcionais? ¡Pensa que non es o único, que coma ti hai un cento, arriba ou abaixo, ciscados por esta pel do touro hispánico..., toda a reserva do Occidente europeo!

-¡Totalmente! ¡Xa verás desde o Ceo qué aniversario tan feliz vou ter aos..., poñamos que, aos dezaoito!

-Oes, cariño, por se no Alén, con tanta bulla e con tanta gloria, se me esquece isto, esta efeméride, cando chegue esa data fai o favor de lembrarmo nas túas oracións, que sempre terei liña directa contigo...; ¡prométocho!

-¿Que dis, estás de broma? Os que se van ao Ceo, de felices que están, e de acompañados que se atopan..., ¡tararí que te vin!

-Comigo non vai pasar, que de cando en vez, como para daquela non terei voz, voz física se entende, penso deixarche as mensaxes por psicofonías, na pantalla do teu ordenador...; ¿váleche?

-¡Este avoíño que Deus me deu merece unha estatua...; polo menos, de buxo! Perdóame a vulgaridade, que quixen dicir, de buxus sempervirens...

-Conformareime cun ataúde, pero que sexa de carballo, ¡eh! Lémbrate diso: ¡Un ataúde de carballo, con táboas serradas ad hoc, daqueles da miña carballeira! ¿Prométesmo? ¡Xúramo polo Santo dos Croques!

Aquela nova situación deunos tema para falar, pois incluso me dixo o neto, tan elocuente coma se estivese dando unha conferencia no Círculo das Artes:
(...)
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES