Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Isto é certo e tamén pode selo a viceversa, me parece

jueves, 12 de octubre de 2017
Unha vez lin que a letra impresa, e dicir: un texto escrito, pode chegar a ter moita forza, especialmente se non se coñece ou se idealiza a quen escribe, porque nos centramos na lectura e non hai outros factores externos que nos distraian.

Teño cavilado algunha vez sobre esa idea e creo que pode ser certa, máxime se se alzan moitas voces a favor de quen escribe. Tamén penso que pode ocorrer ó contrario: que un texto sexa moi bo, pero que pase desapercibido ou mesmo sexa atacado porque non lle convén a algún grupo de poder.

Supoño que desde que o ser humano é capaz de expresarse hai a tentación de facer calar a quen di o que non queremos escoitar, como lle pasou a Xoán Bautista que o fixeron calar cortándolle o pescozo, ou ó mesmo Xesús, ou a Monseñor Romero.

Pola contra, facemos de boa gana da altavoz a canto nos veña ben difundir.

Estes pensamentos leváronme cando daba clases ou predicaba, e lévanme algunhas veces cando me publican algo, en que escoitemos ou leamos sempre sen renunciar nunca ó espírito crítico.

A veces exprésoo dando un chisquiño que pensar ó dicir que hai quen escribe porque ten algo que dicir, e quen di porque ten que escribir. Quen depende do que escribe pra vivir ten que acudir puntualmente á cita cos lectores e con quen lle paga. E ó depender de quen lle paga xa non é libre en certos temas, senón que tén que converterse en “la voz de su amo”, pero, como tampouco se pode aguantar tempo finxindo e dicindo o contrario do que un pensa sen graves consecuencias pra saúde mental, acabamos facendo realidade aquelo outro de “vive como cres, ou acabarás crendo como vives”.

Por qué saín hoxe con isto? Pois nin eu o sei moi ben. Onte tiña unas ideas prá colaboración do xoves relacionadas co asunto de Catalunya, que tería a súa gracia se non fose tan tráxico. Alguén xa lle buscou a gracia comparando o que aconteceu o 9 no Parlament coa entrega dun sobre no que vai a invitación pra unha comida, pero antes de que acabes de abrir o sobre, dinche: Garda a invitación porque a comida queda suspendida ata novo aviso.

Tiña medio artilladas as ideas pero estaba moi moído por mor duns antibióticos que estou tomando e una alerxia que tiven hai pouco e non tiña ánimo pra escribir. Avisei e non pasou nada máis ca que me animaron a descansar. Sabían que non ían perder moito porque eu non aparecese e eu sabía que no terreo pecuniario non dependía nin un céntimo de que escribise ou non. En boa hora o diga, nunca busquei soportes pra publicar, senón que sempre me buscaron e aproveito eses soportes pra predicar, unhas veces por vía directa e outras por indirecta, pero por predicar non cobro.

Se sentía a informalidade de non comparecer á cita, era por outros motivos que nin eu mesmo sei formular ben. O caso tamén é que ningunha das ideas que estou expoñendo ten que ver coas que pensara onte sobre a cataluñidade.

É que hoxe lin algo sobre a celebración do 12 de outubro e vin cousas tan contraditorias como que, celebramos o gozoso feito de que os españois levamos a moitos pobos de América unha civilización superior que lles permitiu ós indíxenas de alí aumentar as súas expectativa dunha vida máis confortable e duradeira; ou todo o contrario: que un 12 de outubro do 1492 comezou a horripilante masacre dos pobos nativos de América, levada a cabo polos españois conquistadores. Isto dío Evo Morales, Maduro e Podemos e, dito aquí entre nós e sen ánimo de influír, non me caso con ningún dos tres que parecen moi emparentados entre si.

Pero tamén se me ocorre que, como hai tantos mestizos por aló, os mal nacidos son os seus antepasados que se foron, e non os meus que quedaron aquí.

Tamén leo que a tradición, sexa mito ou fose realidade, de que a Nai María veu animar ó seu sobriño; Santiago, moi desanimado el, é fermosa e estimulante; ou que todo o contrario: que aceptar iso é retrógrado, escurantista e alienante.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES