Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Venezuela: cara un novo status quo?

miércoles, 11 de octubre de 2017
A interminable crise política venezolana abócase cara unha nova cita electoral: os comicios rexionais do próximo 15 de outubro. Pero o contexto actual semella mais ben prever un reacomodo circunstancial de forzas políticas, coa mente posta nas respectivas cartas electorais para os comicios presidenciais de 2018. Con todo, o trasfondo luce imprevisible. A crise socioeconómica e o descontento cidadá coa actual representación política, tanto chavista como opositora, auguran síntomas que poden, en calquera momento, renovar os enfrontamentos nas rúas.

A actual sensación de letargo que obsérvase dentro do conflito político venezolano, tras meses de radical confrontación nas rúas e de enfrontamentos institucionais, semella dar unha breve tregua motivada polo paréntese electoral. O próximo 15 de outubro están previstas unhas eleccións rexionais que, agora si, asúmense como decisivas para o futuro político venezolano a curto e mediano prazo.

Venezuela está vivindo un 2017 tan intenso como imprevisible. Por iso, o actual letargo contrasta coa dinámica de acontecementos vividos meses atrás. Neles destacan as violentas protestas políticas (abril-agosto) con máis dunha centena de mortos; a ruptura institucional de feito entre unha Asemblea Nacional Constituínte de carácter oficialista e un poder lexislativo opositor; confusos incidentes de alzamento militar (xullo e agosto); e as agravantes sancións internacionais contra o goberno de Nicolás Maduro impulsadas dende EUA.

A súbita reactivación do diálogo entre goberno e oposición (setembro), de novo auspiciado polo ex presidente español José Luís Rodríguez Zapatero, supón un punto de inflexión que xera certa desconfianza na opinión pública. Por iso, os próximos comicios rexionais, inicialmente previstos para decembro de 2016, retoman agora a súa importancia tomando en conta o difícil clima político e social vivido durante este 2017.

Estes comicios elixirán aos gobernadores dos 23 estados venezolanos para un período de catro anos. Polo tanto, non só traducen un novo pulso senón que poderían redebuxar o mapa político a mediano prazo, co foco nas eleccións presidenciais 2018. E diso semella derivar a posibilidade de configurarse un novo status quo entre Goberno e oposición.

A oposición busca ‘resetear’

Estes cambios de status quo semellar ser mais evidentes no caso da oposición, agrupada nunha Mesa pola Unidade Democrática (MUD) cada vez mais cuestionada por sectores opositores mais radicais, especialmente daqueles denominados “a Resistencia”, a xerme das incesantes protestas que recentemente asolaron ao país. A aposta constituínte do Goberno e a posterior desarticulación das protestas supoñen unha evidente derrota política para as estratexias da MUD, que agora espera reverter este fracaso nos próximos comicios rexionais.

Isto ten provocado que a MUD entre agora nunha nova fase, se cabe dilemática, pero tamén dependente da presión internacional contra Maduro. En setembro, a MUD, cola excepción de dous dos seus partidos políticos (Vente Venezuela e Alianza ao Bravo Pobo), levou a cabo un proceso de elección primaria de candidatos de cara ás eleccións rexionais, coa intención de propiciar un reequilibrio político nas súas filas.

Nestas primarias saíron claramente vencedoras dúas opcións. A primeira foi Acción Democrática (AD), con oito nomeamentos nas candidaturas. Isto reforza o liderado de Henry Ramos Allup (73 anos), histórico dirixente “adeco” e ex presidente da Asemblea Nacional (2016-2017). A outra opción gañadora é o partido Primeiro Xustiza (PX) do actual presidente do poder lexislativo, Julio Borges (47 anos), que obtivo catro nomeamentos. As candidaturas restantes dividíronse en nomeamentos por consenso e doutros partidos minoritarios.

Esta nova correlación de forzas claramente liderada por AD e PX parecera institucionalizar dentro da MUD unha opción menos radical, afastándose de liderados mais contestatarios como son os casos de María Corina Machado (Vente Venezuela), Antonio Ledezma (Alianza al Bravo Pobo) e do preso político máis internacionalmente coñecido, Leopoldo López (A Saída). Ledezma e López atópanse en prisión domiciliaria, mentres Machado ten perdido eco político.

Por outra banda, non se aprecian liderados distintivos dentro do movemento “A Resistencia”, impulsor das mobilizacións de rúa e as protestas de meses atrás. O que si semella mais visible é o descontento coa MUD por parte de varios sectores deste movemento, principalmente conformado por estudantes, quen critican severamente a decisión da plataforma opositora de participar nas eleccións rexionais, considerando que esta decisión supón “facerlle o xogo” ao goberno.

Matrimonio por conveniencia no ‘chavismo’?

A pesares das disidencias presentadas en marzo pasado, con protagonismo na deserción da Fiscal Xeral Luísa Ortega, o test político 2017 semella evidenciar unha aparente unidade, case monolítica, no Goberno de Maduro e na estrutura chavista.

Non obstante, no chavismo conviven certos grupos de poder interno que definen unha especie de troika circunstancialmente unificada. O seu peso e protagonismo dependerán da evolución, ou incluso do desenlace, da crise política venezolana.

Pódense por tanto apreciar catro grupos principais, algúns deles incluídos nas listas de sancionados por Washington durante a anterior administración de Barack Obama e a actual de Donald Trump:

Chavismo civil. Liderado polo presidente Nicolás Maduro, inclúe a súa esposa (“Primeira Dama Combatente”), Cilia Flores. A eles únense figuras clave no poder como Elías Jaua (ministro de Educación); Aristóbulo Istúriz (ministro para as Comunas e Movementos Sociais); Tarek William Saab (Defensor do Pobo); Tareck El Aissami (vicepresidente executivo); e Freddy Bernal, actual coordinador nacional dos Comités Locais de Abastecemento e Produción (CLAP), as redes gobernamentais de distribución de alimentos.

Este grupo é un núcleo decisivo que ten peso na estrutura política e burocrática a nivel estatal, no Tribunal Supremo de Xustiza (TSX), no Consello Nacional Electoral (CNE) e no gobernante Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV). Tamén controlan certos grupos económicos e empresariais creados nos derradeiros anos, particularmente no caso de El Aissami.

Este grupo mantén unha relación fluída co estamento militar (FANB) e os organismos policiais e de seguridade nacional (GNB, PNB, CICPC). Ten un peso dentro dos organismos comunitarios chavistas pero non é tan perceptible a súa influencia dentro dos colectivos armados e da Milicia Bolivariana (MB)

Chavismo radical. A figura visible é Diosdado Cabello, actual deputado e vicepresidente do PSUV. Dentro deste grupo non se coñece unha estrutura de poder definida. Mais ben, todo parece xirar en torno a Cabello.

Cabello controla unha enorme porción de poder dentro da estrutura burocrática do PSUV a nivel gobernamental e estatal (gobernacións). Tamén da maior parte dos grupos económicos do chavismo. Estes creceron e consolidáronse amparados na súa proximidade con Cabello. Diversos sectores sinálano como o líder da denominada “dereita endóxena” e da “á militar” .

Cabello ten igualmente un peso decisivo dentro dos organismos de seguridade e algúns colectivos armados. É igualmente perceptible a súa influencia dentro da FANB e do estamento militar. Manexa un programa na estatal Venezolana de Televisión (VTV), que lle permite marcar a súa propia axenda e ter difusión comunicativa.

Non obstante, é observado con receo por parte do “chavismo civil”, así como nalgúns sectores da FANB. Isto podería prexudicalo ante calquera desenlace inesperado da crise.

Chavismo institucional. A súa figura mais visible é o ministro de Defensa, Vladimir Padrino López. Tampouco constitúe un grupo de poder definido. É mais ben unha estrutura heteroxénea.

A pesar de formalizar a súa lealdade ao Goberno, Padrino amosou unha posición igualmente pragmática. Ante a crise actual, a FANB constitúe un factor decisivo á hora de equilibrar ou decantar a balanza. Isto lle permite a Padrino manter certa neutralidade e autonomía.

Desde o punto de vista ideolóxico, Padrino eríxese como o herdeiro da concepción “cívico-militar” do chavismo. O estratéxico peso político e económico do estamento militar tamén pasa polas súas mans. Esa especie de atribución de árbitro de Padrino granxéalle peso á hora de equilibrar as forzas dentro do chavismo.

Esta estrutura institucional amplíase na burocracia chavista (ministerios e institucións públicas). Pero a súa capacidade de influencia e de peso non semella ser tan decisiva. As súas accións semellan estar neutralizadas pola posición política e institucional que adopten Padrino e a FANB e pola influencia que poden ter os grupos de poder anteriormente sinalados.

Chavismo popular de base. Non ten líderes visibles e é un grupo menos definido e amorfo. Soen identificarse aquí aos colectivos populares (consellos comunais, Congresos da Patria, Unidades de Batalla Hugo Chávez, etcétera), os colectivos armado) e a Milicia Bolivariana.

Algúns deles adquiriron certo grao de autonomía. Non obstante, son sumamente dependentes do financiamento público e das relacións de poder de alto nivel. Algúns incluso rivalizan no monopolio do control político e paramilitar, principalmente no caso dos colectivos armados.

Ten forza a disidencia chavista?

A pesar das rivalidades e pugnas internas de poder e as recentes disidencias (Fiscal Luísa Ortega) non semella visualizarse con certeza unha ruptura estrutural dentro do chavismo que implique o ascenso doutra facción de poder. Non existe un peso hexemónico dun grupo sobre outro. O seu equilibrio mantense pola necesidade de facer fronte á oposición e á presión internacional.

Para o Goberno, a desarticulación das protestas supón unha vitoria política que reforza a necesidade de manter o actual estado de unidade. Non obstante, o mesmo podería alterarse se as presións internacionais e o descontento social ante a represión policial e a escaseza alimentaria non cesan. As rupturas, en todo caso, poden obedecer a presións desde as bases populares e burocráticas do chavismo. As mesmas poden influír dentro da FANB e en parte da institucionalidade do chavismo civil.

Ortega e outros ex ministros chavistas, como Gabriela Ramírez, ex Defensora del Pobo e Miguel Rodríguez Torres, ex ministro do Interior e Defensa, realizaron tímidos contactos coa oposición nos derradeiros meses. Pero os mesmos non semellan frutificar en pactos consolidados que propicien os mecanismos dunha posible transición post-Maduro.

A atención está mais ben enfocada nas xestións que a Fiscal Ortega realiza no exterior, principalmente en países chave como Colombia, Brasil, EUA e España, e que ameazan con complicar o xa de por si visible illamento internacional do goberno de Maduro.

Estas xestións tamén inclúen as demandas contra Maduro invocadas ante o Tribunal Internacional da Haia por parte de sectores opositores venezolanos, pola súa presunta responsabilidade na represión contra manifestantes acaecidas meses atrás.

El amigo Putin

Un aliado ten estado ao lado de Maduro neste crítico 2017: o presidente ruso Vladímir Putin. Traducida nunha sólida alianza enerxética e militar desde 2005, Rusia amosou o seu apoio á lexitimidade do Goberno de Maduro, así como á controvertida Asemblea Nacional Constituínte.

Con todo, os intereses rusos tamén están presentes dun xeito moi definido na actual crise venezolana. Un deles ten que ver coa nova Lei de Hidrocarburos presentada por Maduro (decembro de 2016) e que foi rexeitada polo poder lexislativo baixo control opositor.

Esta lei estipula a creación de empresas mixtas. Neste sentido, a estatal enerxética rusa Rosneft ten grandes intereses en explotar campos petroleiros na Faixa Petrolífera do Orinoco a través da modalidade de empresas mixtas con PDVSA. A negativa da Asemblea Nacional impide a viabilidade deste proxecto.

Do mesmo xeito, a Asemblea Nacional denunciou como ilegal o acordo de CITGO, filial de Petróleos de Venezuela en EUA, con Rosneft (decembro de 2016), que estipulaba un préstamo outorgado pola estatal rusa, valorado en US$ 1.500 millóns. Como garantía de pago, CITGO habería outorgado o 49% das súas accións a Rosneft.

Este acordo entre CITGO e Rosneft está sendo investigado e pendente de sentencia nun tribunal do estado de Delaware (EUA) por presuntas irregularidades. Por iso, esta operación financeira está creando fortes presións en Washington nun momento delicado nas súas relacións con Moscova.

Un actor chave neste contexto é o Secretario de Estado estadounidense, Rex Tillerson, ex directivo da multinacional Exxon Mobil e amigo persoal do presidente de Rosneft, Igor Sechin. Tillerson ten a vista posta en Venezuela por controversias pasadas co ex presidente Hugo Chávez en proxectos de exploración de Exxon Mobil na Faixa Petrolífera do Orinoco. Tamén fixa a súa atención nos recentes descubrimentos de reservas enerxéticas na plataforma marítima en torno ao territorio do Esequibo, en reclamación da súa soberanía por parte de Venezuela e Guyana.

A presión internacional e as sanciones estadounidenses contra funcionarios do Goberno de Maduro motivaron a Caracas a acelerar os contactos estratéxicos con Moscova. En abril pasado, o ministro de Defensa Vladimir Padrino asistiu na capital rusa á VI Conferencia de Seguridade Internacional. A invitación foi realizada polo seu homólogo ruso Serguéi Shoigú. Nesta conferencia, Padrino falou da preocupación venezolana ante a proxección da OTAN en América Latina.

Entre setembro e outubro, Maduro viaxou a Kazajistán, Rusia, Bielorrusia e Turquía para participar en diversos cumios e xuntanzas que revelan a concreción de intereses venezolanos con Rusia, China, Turquía e incluso India. Isto tamén evidenciouse ante a recente decisión de Maduro (setembro) de sustituir ao dólar como sistema de pago a favor dunha oferta de moedas integrada polo yuan chinés, o rublo ruso, a rupia india e incluso o euro.

Este contexto podería definir unha estratexia xeopolítica de achegamento por parte de Caracas ao eixe euroasiático que deseña o Kremlin. Para Putin, estes achegamentos traducen expectativas de xogar as súas cartas xeopolíticas no tradicional patio traseiro estadounidense, tal e como Washington ven realizando na periferia rusa ex soviética nos derradeiros anos, especialmente en Ucraína.

No ámbito hemisférico, Maduro conta co apoio do eixe da ALBA e dalgúns países da CELAC, que lle serven para amortecer a presión da OEA á hora de aplicar a Carta Democrática en Venezuela. Pola súa banda, a oposición cifra as súas esperanzas en acentuar a presión internacional contra Maduro, principalmente vía EUA e a Unión Europea, así como en obter ganancias electorais nos próximos comicios rexionais que eventualmente desarticulen a unidade circunstancial existente no chavismo.

Todo isto semella intuír que as xestións e contactos que simultaneamente veñen realizando tanto o goberno como a oposición implican a posibilidade de configurar un novo status quo político en Venezuela. Pero no horizonte de mediano prazo imponse un reto mais estratéxico: as cábalas e expectativas de candidaturas electorais para as presidenciais de 2018.
Mansilla Blanco, Roberto
Mansilla Blanco, Roberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania