Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Máis sobre o mesmo: Cataluña

jueves, 05 de octubre de 2017
Nestes últimos días case a única porta vidreira que tiven aberta pra fóra foi o televisor e máis concretamente a fiestra de “24 horas”, aínda que non pasei día e noite mirando por ela. E mentres, víñame de vez en cando ó pensamento o de cada semana: A ver de que escribo pra xoves.

A cousa non perecía difícil porque case non se fala doutra cousa: Cataluña a tódalas horas. Pero por outro lado tamén cavilei: E que podo escribir eu que lle interese a alguén, despois de falaren persoas de tanta solvencia coma o que ata agora viña sendo considerado como Rei da Península Ibérica sen Portugal, pero pra compensar, Rei tamén de algunhas illas e algún enclave no Continente Africano? Ó pensar nisto desistín da idea, pero volvía á teima, e eu a dicirme: Pero, pampo, non ves que non te vai ler ninguén e pra escribires só pra ti mesmo, sóbrache coa axenda?

Toda a mañá de onte, mércores, tiña claro que non escribiría sobre Catalunya pra eles, e Cataluña pra min. Pero ó ir achegándose a hora de ter que mandar o artigo cheguei a un acordo comigo: Nada, vou poñendo o que se me vaia ocorrendo e despois de publicado, léome eu mesmo a xa está. É coma se escribise polo menos pra outro. E aquí estou.

Aló polo 18 de xullo do 2016 chegoume a confirmación do que xa daba por feito, que a Audiencia Provincial de Lugo absolvía ós que non foran caendo polo camiño, do carro da chamada “Operación Rey” que non debe confundirse coa “Operación ó Rey” realizada en marzo do 2013, porque a operación de columna durou 3 horas e a outra 7 anos. Naquela felicitaron ós facultativos que a realizaron e nesta amoestaron á Estela (r) xuíza que a puxera en marcha.

A cousa comezou así. O 26 de outubro do 2009, un grupo de policías ó mando da Señora xuíza Dona Estela San José tomaron Castro de Rei, entraron na casa consistorial e levaron detidos ó entón alcalde, Juan José Díaz Valiño, a varios concelleiros, implicaron, logo á secretaria, e a algúns contratistas. levaron caixas e máis caixas de documentación sen deixar relación do que levaban. Como, polo visto a Señora Xuíza deu orde de que esposasen ó alcalde, a televisión milagrosamente presente desde o primeiro momento, difundiu amplamente as imaxes. De maneira que, polo que se rumorea, hai intención de concederlle a tan estelar figura, que agora, amoestada ou non, debe andar por Andalucía, a medalla ó mérito turístico do Concello, porque gracias a ela comezaron a vir visitantes que nunca viñeran.

Que pode ter isto que ver co de Catalunya? Pois está ben á vista me parece. Unha, que a lei non é igual pra todos e outra, que non todos somos iguais prá lei.

Parece ser que ós detidos de Castro de Rei imputábaselles que non actuaban conforme á Constitución e por iso a Señora Xuíza, en celo por ela, pola Constitución, quixo atallar o mal. E os que promoven a marcha de Catalunya cara a non sei onde tamén actúan en cotra da Constitución e disque aínda hai por aí un artigo dela, o 155, que se lles podería aplicar se quixera o PSOE, bueno o PSOE non, o PSE ou PSC, ou PSdS (Partido Socialista de Sánchez), porque Don Felipe, Don Alfonso, Don Zapatero e Don Rubalcaba, parece que tiran pola aplicación inmediata e mesmo se queixan de que non se teña aplicado xa.

Fixeime moito nos que falan do asunto de Catalunya, tamén no Don Pablo Iglesias e na súa ¿voceira? Chamaráselles así agora? Entre el e a Montero deben levantar unha paguiña xeitosa. Tamén terán moitos gastos. E díxenme polos dous: Ño!, que facilidade de palabra! Pero non. Era que teñen moi ensaiada a mesma matrácola, porque eles sempre falan doutra cousa.

A que me dá algo de pena é a Dona Margarita Robles, que se fora galega sería Dona Margarida Carballos, (a ver se imos resultar da familia). Dáme pena porque parece que non lle dan pasado as papeiras e mesmo se lle notaba que sufría cando falaba de reprobar a Señora Vicepresidenta. Nin que lles botasen o mal de ollo a todas as xuízas que se meten a políticas, porque a Dona Carmena tamén se queda enfocando na larga e non lle debe funcionar a luz de cruce.

Do físico non se debe facer burla ben o sei, e eu non a fago, é que me deu por aprender a ler a linguaxe non verbal.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES