Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Conflito Xeracional (14)

martes, 10 de octubre de 2017
Entenreceume e gustoume que tivese unha dúbida, ¡polo menos unha!, que así non se pasaba de listo:

-¿Probaches qué pasaría cunha plantación de mirasoles agres? Como son oleaxinosas, esa dieta daría lustre ás peles do animal; ¿non cres?

Cheguei tarde co apuntamento; ¡boh, como sempre! Daquela díxome:

-Nesa dirección, precisamente por aí, estou levando os meus cálculos, que por iso estiven ás voltas coa Chi-Miña. Onde me falla a receita é no aporte proteico compatible, axeitado, que non podo crea-lo animal, un animal sui generis, sen terlle estudada, e resolta, previamente, una dieta básica, ¡a pirámide nutrinte, que se di! É un problema informático, de simple enxeñería xenética, pero con demasiadas variables para un compatible caseiro, destes que instalan nos barrelos, así que, meu patrón, terás que facer algo por min: terás que levar a Vigo unha secuencia matricial arborescente, desenrolada. Xa sabes, para que ma procesen nese Centro de Cálculo da Madroa, nese que ocupa sete plantas, e todas baixo terra..., ¡por culpa das radiacións da Cámara de Wilson!

-¡Chaval, iso está feito; cando queiras! -Ofrecinme con comenencia, que así, ausentándome, librábame, sequera por unhas horas, do seu cientismo louquecedor, e de paso cataba, ao pasar, as ostras de Arcade, que seguen sendo boccata di cardinale, ¡a única cousa importante que non cambiou neste mundo!

-Non é tan fácil, avó, pois antes diso teño que truca-las miñas contas; codificalas, fraccionar os meus cálculos e distorsionar tódolos modelos integrais, logaritmizalos nunha base aleatoria, pero secreta, que se di, para que non entendan en Vigo a miña aplicación pragmática, procesable; quero dicir, do modelo bromatométrico correspondente, que por aló, dun tempo a esta parte, seica abundan as espreitas de repercusión de lucro industrial, en particular tódalas que sexan negociables en Viana do Castelo, nesa lonxa dos royaltis internacionais!

Aquilo resultábame inasequible, así que volvín ao tema simple, ao común, e como Arxentina, un país tan galeguizado, sempre foi do meu interese, quixen saber algo máis..., ¡pero algo máis sinxelo!

-¿Non falaches coa Chi-Miña...? ¡De política, quero dicir, que seica volven a estar revoltos, de cu para Chile, feitos unha papa!

-Algo comentei, si, en efecto; pero é un tema vidroso para trata-lo cunha dama de tan só quince meses, ¡que por engado é mestiza! ¡Posibles susceptibilidades...!

Volvín á carga, a risco de resultarlle impertinente, pero é que a miña preocupación por ese país é grande, sempre o foi:

-¿Podo preguntarche cómo ve a doutora Chi-Miña esa..., esa cuestión, ese conflito fronteirizo, esas infiltracións ideolóxicas?

-¡Segundo en qué aspecto! Para empezar, que ti aínda non esqueciches o mapa vello, hai que diferenciar entre Arxentina continental e Arxentina insular. O Continente xa sabes que ten unha resultante sociolóxica de oscilación italo-galaico-chino-xaponesa na base, pero despois daquelas loitas raciais, daquela dos 90, logrouse unha fusión xenética adicional, auspiciada polos bancos de seme que subvencionou Xapón, instituíndose a dación dun auto por cada nacido ao que se lle probe que ten, cando menos, un cuarteirón de raza nipona. Este marketing, especulando co ADN, resultou bastante ben para a invasión financeira, pero en canto á cuestión xenética foi un desastre, pois, agora, aló, todos son mestizos, ¡en grado enésimo!

-¡Ves aí tes! Coidei que dése resultado, pois as reses recastadas son máis resistentes á contaminación ambiental; ¡téñome fixado niso!

Deume cumprida lección do caso, máis do que eu esperaba, bastante máis do que eu pretendía:

-Como resistencia física, funciona; ¡nas proporcións axeitadas, por suposto! Pero o que é no carácter psicosomático, as aparencias poden enganar: Ti pon, tal que nunha cocteleira, a imaxinación dos italo-arxentinos, e adóbaa coa capacidade de sufrimento dos galaicos, chin-chin; ¡daquela, sen máis, sáeche un tango! Se despois agregas migracións niponas, resultará un tipo de actividade desbordante, inusual; fabril e febril, todo a un tempo. ¡Ah, pero, encima diso, veu o diaño e sementou xoio: como os chineses se desbordaron no seu continente, daquela, ao mesturarse co anterior biotipo arxentino, resultou unha fornicación incontrolada que anubrou as Pampas! Cos empuxóns profesionais e maila cobiza de terras fértiles, iso deu lugar á unha revolución solapada, de mercado negro, se ben incruenta, que pode deixar cativa á francesa do mil setecentos oitenta e nove, ¡aquela que nin nos libros se menciona!

-¿Entón, ti, que tanto sabes, e que tanto analizas, cres que por iso houbo aquel retorno masivo dos galaico-arxentinos, aquel dos tanguistas e dos fontaneiros? ¡Tras desa, presentaranse os pastores, os sansculotts magrebís, coas cabras!

-¡Natural, matemático! Conta comigo, avó, sempre, para dilucidar as túas dúbidas científico-sociais; ¡cantas se che presenten!

A seguridade, a rotundidade, do meu neto son cousa seria, case que preocupante. Confeseille:

-Agora comprendo esa cousa de que as muiñeiras me soasen tan..., exóticas, nos últimos anos. ¡Botáballe a culpa ao meu sonetone, que tamén é xaponés! Moito aprendo contigo, meu neno; o peor é que despois non podo falar destas cousas coa avoíña, pois ela, ¡xa sabes, ten formación clásica, da Normal de Lugo! Clásica, pero tan humanista, que mesmo lle parece que a túa sabenza bítica é un fenómeno paranormal. ¡Calquera día esconxúrate, con auga bendita!

-Non creo que o faga, pois ela ben sabe que ademais daquel tratamento hormonal TH3 2000+ N- , de alto choque, tamén recibín, ao nacer, aquela inxección, aqueles bits líquidos do Profesor Ansur, para estimularme o cerebro; amén, claro está, do teu programa humanoide, tan útil, e mesmo imprescindible; tan útil que me está sendo para terzar un pouco, para equilibrar o meu interior, o meu sentido común, ¡tan pouco común nestes tempos!, que o estamos cultivando, precisamente, coa didáctica do XX, ¡co que queda dela! Aínda que aquela pedagoxía é demasiado lírica, ¡algo é algo, que dela algo aproveito!

-¡Desde logo que é así! Ela, a avoíña, vete tan pequerrecho, aquí, neste berce de astronauta, arrodeado de tantos botóns e de tantísimos cables, que todo lle parece un xoguete, estando, como estás, en patucos. ¡Logo parece un meigallo isto de que podas discorrer, discorrer e falar, tal e como o fas!

Sorriu picarón, como sentíndose por riba das circunstancias:

-¿A propósito, sabes qué me pasou, onte mesmo, coa avoíña? Pois, que se achegou ao barrelo, na punta das dedas dos pés, e coidando que estaba profundamente durmido, interrompeu a miña meditación transcendente para darme unha dose de pelargón, cantaruxando unha alborada bucólica, daquelas do XIX, que di:
Esperta meu neno,
esperta miña prenda;
abre eses olliños, esperta xa,
que muxiron a vaca teixa,
e tes que mamar.
¡Tes que mamar, meu neno;
tes que mamar,
aquí mesmo,
nunha cunca real!

-¡Oh; iso é inefable, en efecto, ademais de bonito, que tal parece, graficamente, unha copa, ou unha cunca! Pois así éranche tódalas Mestras de Galicia, ¡uns anxos! ¡Deus, canto a levo querido! Pero, chachiño, volvendo ao noso tema, que da Arxentina insular aínda non me dixeches nada. -¡Xa se sabe, cada louco, co seu tema!

-¡Ah, si, certo; non esquezas, avó, que por robotizado que estea, quédanme recunchos no cerebro..., para esquecer ou para aparca-las miudezas, segundo se terce!

De verdade que me compadecín do meu rapaz, por enésima vez:

-Menos mal que é así, pois do contrario daríame medo que estalases, ¡coma un foguete! Pero, dime, que aínda non mo dixeches..., ¡iso da Arxentina Insular!

-Pouco ten que dicir: Nas Malvinas puxeron os ingleses un laboratorio audio-visual, de inglés-español, ¡para britanizar América latina!, e nisto, que os americanos espertaron do seu soño de grandezas inxenuas, decatándose da nova colonización que lles viña encima. A falta de peregrinos, aparellaron un xunco chinés, rebautizado de Mayflower III, e daquela infiltraron uns cantos sementais, expresamente traídos de China, do Cantón. Estes play-boys están inzando de tal xeito, que nin que aquilo fose unha coelleira. Precisamente, por se non o sabes, a doutora Chi-Miña é filla dun chinés, dun daqueles castigadores...

-¿Entón, iso de Miña...? -Quixen saber, por pura curiosidade, pois vivindo onde tanto se sabe..., ¡algo se péga!

-Vénlle de que é neta dun mariñeiro de Vigo, un paisano que se quedou varado nas Malvinas, porque casou, daquela da primeira guerra, cunha filla da Gran Bretaña. Á Chi-Miña tamén lle inxectaron bits líquidos... ¿Enténdelo agora?

-¡Claro, lóxico; xa me soaba a familiar iso de Miña! ¿Oes, e non sería boa idea que lle pedises palabra de casamento..., agora que che fallou o plan da Fili e mailo Xanciño? Para máis adiante, por suposto, para cando medres, se tanto te tratas con ela...

-Xa temos falado diso, xa, ¡ou cómo é! ¿Tesme por retrasado? Mesmo esta noite llo recordei..., en vista de que morreu aquel cromagnon, aquel Xoán, e de que agora non podemos programar aquela conxunción xenética, esa que tiñamos debatida ti e mais eu.

¡Nada, condenado de rapaz, que nunca conseguín, nin conseguirei, anticiparme ás súas ideas, ás súas previsións!

-¿E qué; acéptate? -Un avó sempre gusta de casa-los netos.

-Ela, esa Chi-Miña, está polas técnicas xaponesas de redución da natalidade, continencia periódica se entende, mentres eu prefiro volver á fecundidade dos israelitas, ¡que por algo aquel pobo, un pobo quente, un pobo saído, foi o preferido de Deus!

Quedei matinando, deglutindo naquelas ideas, para acabar dicíndolle:

-Gustaríame chegar a coñece-los teus fillos. ¡Si, de veras! Realmente sería a miña razón de vivir, a principal. ¡Xa que non morrín antes, daquela que fixen aquel ensaio agónico...!

-¡Avoíño, onde está a túa fe! Sabes perfectamente que me poderás ver desde o Ceo, ¡acotío! Por outra parte, na miña vocación naturalista, aínda tardarei en casarme pois pretendo acadar un desenrolo físico conveniente, que iso da probeta xa che dixen que non a quero para a miña prole...

-¿Segues coa idea de refundar as doce tribos? -Pregunteille con verdadeiro interese, esperanzado en que así fose.

-¡Naturalmente, ao estilo do Xacobe; ningunha regra malograda!

-¿Xacob, ou Breogán? Ámbolos dous sabían manera, como dixo aquel mouro, que entre os dous, xudeus e galegos, galegos e xudeus, ¡inzaron medio mundo!

-¿Sabes que me deches unha idea aceptable? Obviamente, eu teño esa ciencia inxectada, moita, pero ti almacenaches algunha experiencia da vida pragmática; á parte do teu sentimentalismo innato, por suposto. Vexamos: se arranxas un encontro da Fili cun mozo...; iso que temos falado, dos de Ribadavia, a Xacobiña que resultase de tal emparellamento podería satisface-las miñas pretensións xenéticas, as xeracionais; ¡si, seguro que si!

-¡Chaval, engorde, que iso será se a Fili está conforme, que ti todo o ves redondo; nin que ollases a terra desde Saturno!

Aquí, neste punto, vaciloume un tanto así:

-¿Non se che ocorre ningunha solución para que esa Fili me faga unha reserva de esponsais, coa filla potencial, coa primoxénita?

-Pois...; ¡non, non se me ocorre nada, que a Fili é tan teimuda como tetuda, así que, fíxate qué panorama! -¡O panorama pectoral da Fili era como para retratalo no Guinnes, iso é certo, certo e palpable!

-Avoíño, por un casual, ¿sabes se está en vigor aquilo do terzo de libre disposición?

-¡Naturalmente que si; parágrafo terceiro do artigo oitocentos oito do Código Civil! ¿Pero, chacho, como é que tes ese fallo nos teus circuítos informáticos, nos de alta definición; un asunto tan principal nesta Galicia leguleia, outra omisión, coma no caso do himno, pero máis grave, incomparablemente máis?

-Coido que non debería ser así, pero sospeito, por certas contradicións que veño observando nos módulos interactivos da miña formación, que ese Profesor, o tan repetido Ansur, na súa fórmula maxistral retirou do Espasa líquido as materias xurídicas. ¡Todas, ou case todas!

Aquilo, esa imprevisión, sorprendeume moito; ¡sorprendeume e desilusionoume, que miúda estafa, unha defraudación ao pagano das súas inxeccións; ao pagano pero tamén ao receptor desa sabedoría intravenosa!

-¿Oes, pero, precisamente as xurídicas? ¡Iso, aquí en Galicia, non é posible!

-¡Pois é; afirmativo! -Confirmoumo o rapaz. -Infiro de certos indicios que esa omisión voluntaria, iso que adoitas cualificar como dolo malo, foi por lealdade ao PSOE, que gobernaba daquela; ¡mandaba e gobernaba, incluso por riba do Poder Xudicial!

Pondera isto: unha base de datos xurídica no ámbito galego conduciría a unha revisión, ou reformulación, por extenso, das compilacións do Dereito Civil. ¿Daquela, cal sería o paso seguinte? É obvio que se suscitarían cuestións do dereito consuetudinario suevo, tal que a nosa desconformidade coa Ley Sálica, que é un froito gálico, ou máis exactamente, de influencia franca. Aquí entraría a debate aquel histórico vinte e cinco por cento no que o PSOE cifrou o elitismo feminino español. Así, paso a paso, coido que se acabaría nunha reforma do Senado, ou sexa, da Cámara de Representación Territorial; ¡feito este, ou emenda, de rango constitucional, por suposto! ¿Ti sabes, lémbraste, daquilo de don Alfonso Guerra, o Disidente, cando dixo que se lle tocaban aos Estatutos, ou á Constitución, que se retiraba á cartuxa de Sevilla para fundar unha república de poetas machadianos? Por tanto, levada a cuestión doutro xeito, ¡iso sería un cisma entre os fillos de don Pablo! ¿Que opinas…?

-¡Si, claro; moitas Iglesias, Iglesias ferroláns, Paulinas! Oes, ¿non quedaramos en que non tes, ou coidas non ter, eses bits de Dereito...?

Aclaroumo, ou máis exactamente, escureceumo:

-¡Aínda non estou seguro, pero si sei que canto sei diso é por coñecementos interferentes! Pero volvendo ao asunto do Iglesias: xa me parecía que ti, que fuches socialista antes de ser popular, e que estudaches a doutrina do ferrolán, entenderías este conflito Norte-Sur, tan cultivado daquela polo sector renovador do PSOE, séxase, polos revisionistas...

-¡Chist, cala! Voume á galería, meu neno, que sinto que túa avoíña anda remexendo nas potas e logo se presentará co teu menú, coas papiñas cerúleas a punto. Se nos colle conversando de política, daquela bótame da súa cama. Niso temos que ser discretos, lo menos ata que pasen as municipais..., ¡que ben sabes cales son os seus candidatos!

-¿Ti, por fin, preséntaste, para Concelleiro? ¡O pobo non te merece! -Sorprendeuse moito, interpretando que me presentaba en contra dos desexos da avoíña.

-¡Que va, meu neno, nada diso! Como a vez pasada só quitei un voto, o meu, ¡túa avoíña non me deixa repetir! ¿Comprénde-la cousa? Die Politik ist keine exakte Wissenschaft, sondern eine Kunst. Ti non precisas tradución, así que só che direi que a min iso das artes demagóxicas, iso das malas artes, dáseme regular.

-Pois, o que é niso, meu vello, non te podo axudar, que aínda que son maior de idade no aspecto intelectual, como no Censo estou de meses, resulta que en case dezaoito anos non me darán papeletas de voto...; e tampouco podo ir contigo aos mitins, ¡nin sequera de claque! Isto da democracia é unha antigalla, que se deberan puntua-los votos segundo os coeficientes intelectivos do sufraxista. ¡Espera que chegue a miña hora, que daquela, daquela cando mandemos nós, os bíticos...!

-¡Chist, safi, perigo, meu neno, que vén a Xefa! ¡En vista diso, fago mutis, e voume polo foro! ¡Deica logo, rapaz!

-Eu, mentres, para aproveita-lo tempo, vou face-la miña sesión de ioga, e despois poreime a prepararche esa táboa de cálculos cifrados..., para que ma leves a Vigo ¡Abur, patrucio; ata logo, ou ata mañá, que te divirtas!

Estoutro día, de ben cedo, que este rapaciño é tan esperto, tan esperto e tan experto, que apenas durme, increpoume, por todo saúdo:

-A ver, meu vello, ti, que es o executor do meu planning pedagóxico, pois o resto dos titores, eses de soldada, están a mínimos, que foxen de min en canto soan as horas do seu relevo, ¿que programa temos para hoxe?

-¡Non sei; o que ti queiras! ¿Liches ese libro que che deixei onte, ese do meu parente, José M. Vilabella Gómez, que trata da historia dunha mosca con talento periodístico, que ía polas mesas dos grandes restaurantes espreitando as conversas dos políticos, daquela, cando a República do 31?

-Si que o lin, e ten a súa graza que caiban as reflexións dos politicastros de entón no reducido cerebro dunha simple mosca... É un bo libro; se acaso algo retórico, pero formativo, ¡ou deformativo, segundo se mire! A tal momento, e pídemas á nosa biblioteca, o que me interesa maiormente son as obras, en CD, de Kolmogorof. Tamén quero consultar, ou máis ben contrastar, certas teorías economicistas de Leonard J. Savage. ¿Tomas nota diso, meu secretario, que empezas a perder a memoria das cousas recentes? Para esta tarde... ¡Eh, avoíño, espera; céntrate nesta pantalla, na número 7...!

-¿Que está a pasar, rapaz, qué é o que anuncian nesa emisora galáctica? ¿Qué é iso de Primicias Informativas...?
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania