Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Palabras de cinza

miércoles, 04 de octubre de 2017
Palabras de cinza A biblioclastia, tamén coñecida como biblioclasmo ou bibliolitia, é o extremo máis temible da bibliofobia, pois non só se odian, cunha aversión feroz, os libros, senón que se ten vontade de destruílos a través do lume.

Desafortunadamente, a Historia ten contemplado frecuentes casos de biblioclastia. Hai 3500 anos Akhenatón, o coñecido como Faraón Herexe, mandou queimar todos os papiros relixiosos que daquela existían en Exipto para reescribir unha historia divina na que el fose o único deus a adorar. En Grecia, Platón teimaba en queimar os libros de Demócrito para acabar coas súas -cría el- perniciosas ensinanzas e os hoxe recoñecidos como admirables demócratas atenienses perseguiron no seu tempo por impío a Protágoras, queimando nunha cacharela pública o seu libro Sobre os deuses. Mesmo Alexandre Magno arrasou Persépole e con ela a súa importante biblioteca.

Agora ben, o máis célebre episodio de biblioclastia da Antigüidade foi o da destrución da mítica Biblioteca de Alexandría, que comezou a desaparecer no ano 48 a. C. no transcurso das guerras entre Roma e Exipto. O que alí se perdeu pola vesania bélica e pola incuria xeneralizada é dun valor incalculable, pois aquel centro de saber puido chegar a ter preto dun millón de libros entre as súas paredes, un tesouro que principiou a esfarelar no incendio sufrido coa toma da cidade por Xulio César, que logo volveu padecer cando, despois de ser reconstruído, un grupo de fanáticos volveu dálo ás chamas tres séculos máis tarde e, outra volta soerguido, acabou definitivamente por esvaecer coas queimas sistemáticas que durante seis meses levaron a cabo as tropas do califa Omar a mediados do s. VII.

Dende aquel tempo ata hoxe os casos de biblioclastia seguiron, para mal de moitos, sucedéndose. Velaí as arroutadas de Carlos V e os seus exércitos, que queimaban bibliotecas enteiras para se quentar nas frías noites de inverno namentres conquistaban Roma; mesmo chegou a mandar queimar todos os textos árabes que se atopou cando conquistou Tunisia. Ou dos perseguidores do ilustrado Voltaire, a quen lle reduciron a borrallo o Dicionario filosófico portátil en 1764 por conter, seica, ideas subversivas e, anos mais tarde, veu tamén como ardía O home dos corenta escudos por orde do Parlamento. E, non tan lonxe dos nosos días, aí o está o terrible recordo do bibliocausto nazi de 1933 coas SS e a tolemia dun filólogo clásico como era Goebbels mandando incendiar miles e miles de volumes na Opernplatz de Berlín.

Mais as causas polas que o lume ten arrasado coa palabra ao longo do tempo son múltiples. Por exemplo, o caso de A balanza, o primeiro libro de Álvaro Mutis, que acababa de ser distribuído polas librerías de Bogotá cando esta cidade ardeu en abril de 1948. E, no sentido contrario, a primeira edición de Vidas sombrías de Pío Baroja, que a aviación franquista fixo desaparecer en 1940 do almacén editorial antes do ser repartida. Mesmo se teñen dado estrañas vendettas, como a do comprador anónimo de toda a primeira edición dos Dublineses de Joyce, que a adquiriu por enteiro para logo esixirlle ao editor Maunsel que a fixese brasas. Outras veces, en fin, son os propios autores os que ceden á loucura pirómana, como lle aconteceu a Vladimir Nabokov coa primeira versión de Lolita, que salvou do lume da cheminea Vera, a súa muller, o mesmo que ocorreu con Baixo o volcán de Malcolm Lowry, tamén rescatado das lapas pola súa esposa Margerie Bonner.

Esta témera práctica da biblioclastia foi, como non podía ser doutra maneira, obxecto de literaturización. Mostra ben coñecida disto éo o propio Don Quixote, pois cómpre lembrar que no capítulo VI da primeira parte da novela o cura e o barbeiro, de acordo coa sobriña e a ama de chaves de Alonso Quixano, deciden queimar a súa biblioteca e todos os Palabras de cinzalibros de cabalerías que nela hai e aínda outros. E o mesmo tema reaparece moito despois nas Vinte mil leguas baixo dos mares de Verne, onde tamén se dá ao lume a biblioteca do Capitán Nemo; en “O holocausto da Terra”, unha das célebres historias dos Contos contados dúas veces de Nathaniel Hawthorne, ou no Fahrenheit 451 de Ray Bradbury, ese mundo onde está prohibido ler e no que son paradoxicamente os bombeiros os encargados de incautar e queimar os libros.

Borrados polo lume
As letras galegas tamén teñen ardido tristemente. Así aconteceu co incendio que destruíu a Biblioteca Municipal de Ourense en decembro de 1927. Un suceso este, por certo, que está na base da literaturización coa que dá remate á novela O porco de pé Vicente Risco, quen, na apoteose da mediocridade e as prácticas execrables do alcalde don Celidonio, debuxou unha cidade das Burgas que ve como a súa biblioteca pública é pasto do lume namentres lle ofrecen ao seu rexedor unha homenaxe popular.

E ficción tamén, mais con grave trasfondo real, é o incendio leimotiv da recoñecida Os libros arden mal, de Manuel Rivas, onde ten un papel protagónico a queima de libros que tivo lugar en agosto do 36 na dársena da Coruña.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES