Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Non temos perdón de Deus

sábado, 30 de septiembre de 2017
Cando se substanciou a proposta de aprobación dunha constitución europea e, por lóxica humana, se levantou un alporizado debate entre os partidarios do si e os avogosos do non, eu daquela pronuncieime publicamente, non lembro se a través destas columnas ou por medio dun comunicado asinado con xentes que pensaban o mesmo ca min, e fíxeno no sentido comparativo, afirmando que, por moitas eivas que tivera aquela constitución e moitos erros que teña cometido a Unión Europea no seu longo proceso de configuración, abondaba con botar unha ollada arredor do mundo e ver as calamidades bélicas, atmosféricas ou naturais que se espallan polos catro puntos cardinais; as condicións de vida na que malviven millóns de persoas simplemente ó outro lado do estreito de Xibraltar, e outras moitas circunstancias, para concluír en que afortunadamente somos uns auténticos privilexiados por formarmos parte dunha comunidade coma a que dende hai milenios ten sido conformada en Europa.

Pois ben, volvendo botar de novo unha ollada fóra do que agora chaman a nosa zona de confort, chego de novo á conclusión de que non temos perdón de deus.

Vexamos, senón.

Vivimos nunha comunidade certamente cómoda, no tocante ás súas dimensións xeográficas (un cadrado, máis ou menos, que malamente supera entre lado e lado os mil quilómetros de distancia). Gozamos dun sistema de liberdades persoais e colectivas que para si quixera máis do 85 % da poboación mundial.

Aquí raramente nos sorprende á media noite un terremoto que destrúa completamente o noso fogar e no peor dos casos con toda a familia dentro. Tampouco se dan tornados e treboadas que nos arrastren con eles para o outro mundo. Nin hai secas que transformen os nosos montes nun deserto coma o de Atacama. As temperaturas nin son altas nin son baixas en medidas que se fagan insoportables para sobrevivir. A seguridade é un ben que só valoran aqueles que non poden saíren das súas casas ou que, cando o fan, teñen que facelo en vehículos blindados, ollando permanentemente, co corazón nun puño, polo retrovisor. Coas lóxicas salvedades provocadas por unha crise económica que é certo que nos deixou medio baldados, o que máis e o que menos vai tendo algún traballiño co que poder levar os garavanzos para a casa. Temos un sistema de garantías de convivencia non menos envexable cá educación, a sanidade e outros valores dos que gozamos a cotío sen lle darmos, tamén é certo, moito valor.

É dicir, obxectivamente o españois vivimos nun paraíso gañado -non é menos certo- a pulso polo sufrimento colectivo anterior, e o único ó que nos dedicamos é a esnafralo cunha dose de insensatez que roza o delito, rediós!
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES