Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aperitivo...!? Sírvanme un libro

jueves, 28 de septiembre de 2017
Hai libros moi oportunos para servir de aperitivos (se prefiren, “entrantes”), non só pola súa eficacia para facilitarnos a dixestión dos acontecementos empachosos, senón tamén para tonificarnos dos seus inquietantes efectos. Nas miñas mans teño un, regalado por unha amiga da miña dona e, por suposto, tamén miña, que coñece moi ben o meu padal intelectual, e acertou na selección entre os ofrecidos no menú dos “entrantes”.

LA MIRADA DE EINSTEIN AL UNIVERSO JURÍDICO. (“El Derecho y la Justicia como nunca antes habían sido contados”). Así se titula o libro, da autoría do Maxistrado no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Profesor Asociado da Universidade de Oviedo, Membro da Real Academia Asturiana de Jurisprudencia, etc., Dr. D. José Ramón Chaves, publicado por Editorial Amarante, Salamanca, 2ª. ed., 2.016.

Aínda non puiden lelo todo; pero a brillantez coa que se sostén, con orixinais achegas, a necesidade de formarse non só en Ciencias, senón tamén nas Humanidades, e a necesaria función dos xuristas na sociedade, poñendo de relevo a conexión do Dereito coas Ciencias Naturais, amén doutra serie de razoamentos nesta mesma liña, considéroo de abondoso e oportuno contido, para que os energúmenos anti–sistema, reflexionen acerca das actitudes coas que soen presentarse nas mesmas institucións que aldraxan coas súas verbas e repugnantes expresións xestuais. Incluso a suposta erudición dalgúns deles está rifada ata tal grao coa máis elemental racionalidade, que explica, PERO NON XUSTIFICA, as incoherencias e incompetencias que circulan ao través dos medios de comunicación.

Velaí, pois, a necesidade de evitar a poda das vías que o home ten de acceso a realidade, para conseguir que o saber das persoas humanas non lles permita navegar no mar da irracionalidade con singraduras e rumbos de indiscutibles atávicas orientacións. Parece que así o quixo expresar Einstein cando afirmou que “nosoutros dividimos o átomo; pero o átomo, agora, divídenos a nosoutros”, e, claro, só nos pode xuntar a cordura aplicada nos Tribunais de Xustiza, sobre todo -diría eu- cando a política non chega a tempo ou é parsimoniosa. (Esperemos que Corea do Norte, atenda a suxestión einsteiniana.

A estas alturas do século XXI, dar lugar en España os feitos que nos están ofrecendo os “independentistas” cataláns é unha necidade superlativa, porque todos sabemos que algúns nacionalismos utilizan estratexias que xeren terror e medo nos cidadáns para beneficiarse, como entusiastas oferentes e mentireiros salva-patrias, das convulsas loucuras colectivas. Parece que xa o dicía Coleridge nestes termos: “In politic what bigins in fear usually ends in folly” (En política o que comeza con medo, termina en loucura). E o grao de estupidez, celebrando manifestacións ante o mesmo Tribunal Superior de Xustiza, en Barcelona, se tomamos como referencia o nivel de cultura que lle endebedamos os nosos tempos, e, ademais, nos situamos nalgunhas perspectivas abordadas na temática do libro citado, inevitablemente lévanos a sentirnos inmersos nunha amalgama, por indefinible, de tristeza, queixume e desacougo.

Pero no caso de España, a esta estupidez colectiva, desgraciadamente, temos que engadir a simpatía que esperta en certos aspirantes a persoeiros políticos, precisamente no ámbito socio–político que esas actitudes nacionalistas pretenden destruír, facéndose solidarios dos que esixen un espazo de decisión por unha proclamación unilateral do que consideran seus dereitos, sen que ninguén teña que recoñecer estas demandas, nin ad intra, nin ad extra, aínda que carrexen en ambas direccións serias consecuencias; pero, iso si, tendo bo coidado de poñer atrancos para que eses dereitos, froito da arbitrariedade, non podan ser violados por ninguén fora da seita.

Acaso pode alguén, dotado dunha mínima competencia, aspirar a dirixir a política do país que contribúe a cuestionar tan a lixeira?. Si; pero aprendendo a bambear coas circunstancias, despachar incoherencias e urdir argumentacións falaces, que, a veces, non só poñen en tela de xuízo a propia COMPETENCIA POLÍTICA (que anda moi escasa), senón tamén a ERUDICIÓN da que adoitan facer alarde.

Resulta incomprensible que os pobos vítimas destas aberracións nacionalistas non perciban todo isto e ademais as curiosas hipóstases dos elementos da coñecida cadea de entidades ideais: nación-patria-vontade xeral (só dos elementos da seita!), etc... que só están perfectamente encarnados nos dirixentes independentistas, e, por participación manipulada, nos seus secuaces. Trátase dunha especie de relixión, cuxos dogmas veñen impostos polos xefes respectivos, lexítimos intérpretes, e teimosos seguidores dos subxacentes fondos que manteñen os rexistros das pretensións frustradas dun imaxinario histórico pasado, que se obstinan arrogantemente en reproducir fora de contexto y contra toda legalidade. Só o aparcaron cando a burguesía nacionalista recibía a Franco cos cheques bancarios e o acompañaba ás visitas a Monserrat.
Cabe preguntarse tamén ata onde os independentistas chegan tratando os non-independentistas como cidadáns de segunda clase, porque estes días os padres de D. Albert Rivera, Secretario Xeral de Cidadáns, tiveron que soportar pintadas nos seus negocios con frases insultantes, excluíndoos do amparo do seu país, obcecados por acadar unha soberanía, da que non vacilan en facer uso para a impunidade das elites do partido mutante en regresión ideolóxica. Xustamente por isto, constitúen no mundo un oasis de irresponsables empeños, burlando as leis, e camuflándose ás competencias dos Tribunais, en caso de flagrantes condutas delituosas.
É curioso, tamén, observar como estes independentistas, incluso algúns con suposta boa preparación, omiten conscientemente, pero impulsados por un fondo subxacente de matiz racista, o nome de España, porque a nacionalidade española impídelles, segundo parece, afirmar á que consideran propia: España é un Estado, pero Cataluña, por exemplo, é unha nación. Así rezan os sentimentos que informan a Historia, o Dereito Político e a Filosofía do Dereito, tomados como principios hermenéuticos. É os aplaudidores alleos?. Aquí presumo que anda polo medio unha soterrada hipocrisía, que, a vez que palía a frustración política dalgúns aspirantes e trata de xustificar a mala educación froita do estado da bestial vesania, contribúe a debilitar o prestixio internacional desa España que algúns borrarían, sen vergonza, dos libros de texto. Élles, amigos lectores, unha maneira de facer con palabras o que, afortunadamente, por agora, non lles permiten os feitos.

Pero todo o aquí dito non é unha exculpación ós partidos “constitucionalistas”, que tiveron, e teñen, a responsabilidade de gobernar en España, e que, paradoxicamente, facilitaron chegar a estas situacións, coma a de Cataluña, servíndolle ao nacionalismo, en bandexa económica e da excesiva permisividade, a posibilidade de formar os seus pobos na cultura sectaria do nacionalismo, en vez de apoiarse mutuamente en cuestións que só os separan ridículas diferenzas, evitando abrir as portas a unha mediación gobernativa condicionante e indirecta, xustamente no goberno do Estado que se desexa derrubar, ou, polo menos, debilitar.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES