O mar da Chaira
martes, 26 de septiembre de 2017
Nestes días sentímonos acariciados polo mar do norte que motivou a Alvaro Cunqueiro. As vilas e aldeas da Chaira solprendéronnos ateigadas das naves De volta a Ítaca, son os cartaces de Xosé Manuel Seixas, o timonel sociocultural de Castroverde.
Este abrente azul espertounos da rutina grazas ao inxenio e a paixón da Federación de Asociacións, as FeAs, que aproveitando o vento sempre propicio da Terra Chá botáronse a sucar os nosos ríos, berrando a popa e proa, os versos de Díaz Castro: Ei, Terra Verde e Mar de Orballo,/Polpa dorida se as hai!/Ás túas portas perdín todo/cheiro alleo de terra ou mar/e agora, ó caer no teu colo,/oio pacer a canto hai!.
Somos dos que cremos que as artes son un xeito de coñecemento da contorna e a mellor vía para transmitir as esencias e o misterio das criaturas. Emporiso o Festival De volta a Ítaca que imos celebrar o vindeiro sábado, día 30, en Castro de Rei, ao pé do Azúmara, vai mergullarnos neste océano de cultura e sabedoría que é a Terra Chá
Unha xornada a rebordar música, poesía, xogos tradicionais, roteiros, teatro, merendas
É un convite a axudar a converter a Casa de Díaz Castro no Fogar das e dos poetas dos ríos porque estas veas azuis de sangue son as que nos fornecen de saúde neste mar de terra verde que habitamos, o que nos descubreu este poeta...
Os roteiros deste festival son coma os afluentes máis fecundos que van fluir con centos de romeiras/os dende Pol, Muimenta, o Castro de Viladonga e dende todos os peiraos deste mar en calma que canta Manuel María e que dá nome a poboacións de Castro coma Azúmara ou Castro de Ribeiras de Lea
Ao abeiro desta travesía fluvial estamos a medrar na saúde que nace da capacidade que temos de unirnos para dar máis pulo ao noso leito, ao herdo dos nosos devanceiros, ás nosas raíces
, as que en Castro de Rei están a lembrarnos o noso pasado castrexo, romano, medieval
, e tamén este presente vizoso, o do regreso á Ítaca que profetizou Díaz Castro: Traguerán os camiños algún día / a xente que levaron....
Xa estamos aquí, arribando coma Ulises á ribeira do Azúmara, sen perder a enerxía do seu Pai Miño que integra as distintas comarcas do país.
Blanco Torrado, Alfonso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora