Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Consecuentes na perdoanza

domingo, 17 de septiembre de 2017
Na oración que pronunciamos na eucaristía dos domingos ou de calquera outro día –estoume a referir á oración do “Noso Pai que estás no ceo”- dicimos alí: “Perdoa as nosas ofensas como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido”.

Trátase dunha oración por medio da cal Xesús lles aprende a orar ós seus apóstolos despois de estes llo requiriren a el de maneira explícita. Vén sendo, polo tanto, algo así como o modelo para calquera xeito de nos dirixirmos ó pai de Xesús e pai tamén noso.

E, enlazando co que diciamos no último domingo, non se trata dunha oración individual. Quero dicir: non son eu, en canto individuo particular, Manuel ou Iago, Xurxo ou Uxía, os que nos diriximos cada un pola súa conta ó noso particular Pai do ceo. Porque o noso Deus non é Pai de individuos ou persoas humanas particulares en canto tales. Dese xeito Deus só é Pai de Xesús, o seu Fillo único, unixénito e eterno. E por iso só Xesús é persoa divina, aínda que cunha natureza humana coma a nosa.

Todos nós somos, pois, fillos de Deus-Pai e irmáns uns dos outros pola nosa común irmandade con Xesús, que é tamén ser humano coma nós. Formamos entre todos, en consecuencia, unha gran familia. A familia dos fillos de Deus por adopción súa. El quérenos a todos coma fillos del e, como pai que é, non lle comprace que os seus fillos nos comportemos mal uns cos outros.

Por todo isto, o modo como Xesús quere que nos dirixamos ó Pai non é: “Meu Pai que estás no ceo”. Desa maneira só pode dirixirse Xesús a el. Tódolos demais, todos nós, aínda que o fagamos particularmente desde a nosa particular soidade interior, non nos podemos dirixir a Deus máis ca coma a Pai que é de todos (non só de min). A conciencia de que somos irmáns de todos non nos pode, pois, abandonar no intre de nos dirixirmos a Deus. Dito doutra maneira. A Deus non lle vai que nos dirixamos a el prescindindo dos demais ou, sobre todo, estando a mal con eles.

Mais por que?

Cústanos moito chegar a aprender de maneira consecuente a incríbel importancia que ten o feito, no que cremos, de que Deus se fixo irmán noso en Xesús. Ese feito convértenos automaticamente a todos en irmáns. Formamos todos, polo tanto, unha única familia. E entre os membros dunha mesma familia (se é que a é de verdade) non se lles anda a pedir contas, uns a outros, das cousas malas ou boas que mutuamente nos fixemos ou deixamos de facer.

Querémonos simplemente e de verdade uns a outros. E se algunha vez hai algún problema, algunha “ofensa”, estase sempre disposto a perdoar e a facer as paces. Claro que todo isto depende moito do grao de amor que exista nas diversas familias.

En calquera caso, ese é o nivel, ben alto, que nos pon Xesús para sermos e comportármonos mutuamente e de verdade como irmáns. Perdoar, non “sete veces”, senón “setenta e sete veces”, tal como se nos di no texto do evanxeo. É dicir, perdoar sen límite, sempre. Xa sabedes que o número “sete” ten na linguaxe bíblica un sentido simbólico, que vén significar aquí algo así como “sempre”, sen tope.

Mais coido que o máis importante de todo é que vexamos nisto a súa fonda raíz. Perdoar, ter un corazón xeneroso e perdoador, porque Deus-Pai así é e así se comporta sempre. Lembremos aquela marabillosa parábola de Xesús, de cando o fillo pródigo volve á casa e seu pai non lle bota en cara o máis mínimo o seu mal comportamento senón que o enche de bicos e apertas e manda celebrar unha gran festa. Porque Deus nos quere, por iso é el tamén perdoador con tódolos seus fillos.

Lembremos unha vez máis tamén o que nos dicía Paulo, no anterior domingo, de que tódolos mandamentos se reducen a un só: “Ama o teu próximo como a ti mesmo”. Se nos acostumamos a ver nos demais a nós mesmos, entón a cousa faise doada. Pois hai alguén que non se queira a si mesmo?

En vez de intentar facer, pois, cousas rechamantes ou estrañas..., os cristiáns teriamos que especializarnos en vérmonos a nós mesmos nos demais. Porque en Xesús, no que Deus se humaniza, acadamos todos a mesma dignidade de fillos de Deus. Somos así todos iguais no amor que Deus nos ten, no aprecio co que el nos olla a todos. E esta dignidade non pode en modo algún quedar borrada ou anulada polos comportamentos indignos, inmorais ou ofensivos que poidamos ver ou comprobar nalgunha persoa concreta. Por enriba de todo e antes de nada, somos, e sómolo sempre, irmáns, queridos por Deus alén das nosas feblezas e desordes morais.

No texto do evanxeo Xesús pon a Deus-Pai como modelo do noso comportamento. Se Deus-Pai non se pon a si mesmo límites no seu amor a nós e no seu comportamento xeneroso e perdoador con todos, entón non será moito esixir que fagamos nós algo semellante nas nosas mutuas relacións. É así como iremos construíndo ese “Reino de Deus” do que falaba tantas veces Xesús: un mundo no que as violencias, as inxustizas, os desencontros entre individuos e pobos deixen de ser crónica habitual de xornais e outros medios de comunicación.

Este espírito xeneroso e perdoador engrandece as persoas, porque ó seren “pacíficas”, é dicir, facedoras ou construtoras de paz, fanse así merecedoras daquela “felicidade” da que falaba Xesús ó chamar “benaventurados”, ou sexa “felices”, os “pacíficos”.

Este tipo de comportamento “pacífico”, perdoador, ten un amplo campo de aplicación. Desde o seo da familia -nas relacións entre marido e muller, pais e fillos e estes entre si- ata no caso dos terrorismos do noso tempo. Tamén neste tema do terrorismo, sen un comportamento xeneroso e perdoador non é doado chegar a unha solución que sande e cure de verdade tódalas feridas.

Sexamos, pois, no conflitivo mundo de hoxe sempre pacíficos, pacificadores, perdoadores, facendo así presente e visíbel o Deus xeneroso e perdoador que se nos manifesta en Xesús.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES