Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De himnos e bandeiras

jueves, 14 de septiembre de 2017
Repaso os xornais dixitais do día denantes de me poñer a escribir esta columna e vexo bandeiras estreladas por tódalas beiras.

Non é a primeira vez que me pronuncio ó respecto e non me doen prendas en volvelo repetir. Non mo crerá, pero cada vez sonlle menos de himnos e bandeiras.

De cando era estudante de internado en Gijón -entre a avanzada pubertade e unha xuventude incipientemente barbada- polos anos previos á vintena- conservo unha que me axudaba a pensar en que aquela habitación na que convivía cun "irmán" vigués era, coma as embaixadas dentro doutro país, territorio galego, e que nos acompañou ó longo de catro dos seis anos que estiven en alí.

É unha bandeira pequena, desas que vendían nos comercios de tecidos para poñer nos balcóns das casas durante os días de festa, sen outro engadido cá franxa azul sobre tela branca, pois tanto escudo como bandeira aínda estaban sen oficializaren polo Estatuto de Autonomía, que había ser aprobado cando eu xa entrara definitivamente na vintena.

Consérvoa con moito cariño porque alí, na Asturias da segunda metade dos anos 70, con aquela bandeira -nunca mellor dito- como enseña foi onde se forxaron as miñas primeiras lecturas sobre a historia desta nosa terra, onde me caeron as primeiras bágoas escoitando os versos de Rosalía cantándolle ás viúvas de vivos e mortos por medio da voz de Amancio Prada, onde empecei a debullar con coñecemento de causa as triadas valentes de Curros Enríquez (onde haxa virtú, bicade,/ onde haxa vicio, feride) e onde, en definitiva, comecei a tomar conciencia de que formaba parte dun pobo traballado de sol a sol, a pico e pala, por centos de xeracións enteiras.

Non crea que non continúo mantendo no meu interior aqueles sentimentos inciáticos. Nin moito menos. Pode crerme de certo que continúan a latexar coa mesma cadencia diastoléica, pero dun xeito máis cadencioso e intelectualmente reflexivo, pois hai tempo que son consciente de que aquel necesario exercicio de retraemento na mirada cara o noso que nos provocou a chegada da luz co apagón da vida do dictador, fixo que cometeramos algúns erros de vulto no proceso evolutivo da confección deste Estado das Autonomías que agora anda tanto en interdito.

O máis grave de todos -creo sinceramente- foi aquel que nos levou ós da periferia a acreditar nos nosos valores, non tanto dende a perspectiva ideal da diversidade -que podería ser asumida por todos- coma dende a diferencia, cousa que, se cadra, fixo que os do centro se posicionasen reactivamente en contra porque, se ben un pode asumir a diversidade, dificilmente será quen de facer propia a diferencia.

Velaí polo que cada vez lle son menos de himnos e bandeiras. Porque aínda mantendo intacto o meu compromiso co meu pobo e a miña terra, creo que a convivencia non se alimenta chamándolles -e isto vale tamén para a Diada- "imbéciles e escuros" ós que non nos entendan.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania