Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Celebrar a fronteira

lunes, 28 de agosto de 2017
Hai ben anos que, xa fose por convocatoria informativa ou como simple convidado de protocolo por parte dalgún alcalde da miña bisbarra que ten "raia" con algún municipio do país veciño, veño asistindo cada final do mes de agosto a un acto singular que con simbolismo administrativista se ven celebrando dende comezos do século XIX, cando España e Portugal chantaron definitivamente a fronteira que vostede pode ver graficamente en calquera mapa isobárico dos programas televisivos do tempo.

Denomínase o mesmo "acto de revisión das fronteiras" e o que nel se sustancia é, basicamente, que os alcaldes portugueses que limitan cos municipios españois -neste caso de Ourense- asinan un documento oficial no que constatan por escrito que dende e o ano anterior ningún dos marcos numerados que indican o final dun municipio e o comezo do outro por corgas, vales, outeiros, ríos e planaltos, non foron movidos de lugar e polo tanto, a fronteira entre España e Portugal continúa, palmo a palmo, no lugar de sempre.

No caso que me ocupa, que por desgracia nin moito menos é xeneralizado, os meus veciños da Terra de Celanova que fan fronteira co municipio de Melgaço, logo de superar con frialdade estoica o acto protocolario da sinatura dos documentos, convócanse cada ano a un xantar de confraternidade ó que convidan dun xeito alternativo uns e outros.

Un xantar de confraternidade que no seu transfondo non deixa de ser un contradictorio acto de convivencia no que eu non tiña reparado dende esta perspectiva ata hoxe mesmo, cando felizmente me decatei dunha estampa que loxicamente inmortalicei cunha fotografía na que ata sete alcaldes e un deputado provincial do Partido Popular de Ourense arroupaban na mesa presidencial, ó alcalde do Partido Socialista de Melgaço, nestes intres -porque o próximo día 1 de outubro terán lugar as eleccións municipais en Portugal- candidato electo novamente á alcaldía da achegada vila miñota.

Pensei, entón, nesa fermosa contradición, estando como estabamos mesmo ó pé do castelo de Castro Laboreiro (polo que no seu momento loitaron nobres galegos e portugueses); pois, entre bacallau con broa, cabrito da serra, viño verde, branco e tinto, anecdotarios, risos e conversas, e pola calada dixen para min: !Que curioso, seguro que ninguén repara nisto, pero o que con tanta cordialidade está sucedendo realmente nesta mesa é que celebramos que a fronteira segue no mesmo sitio!

Xa ve, benquerido lector, ata qué punto, pola vía da normalidade, pode chegar a ser insignificante unha fronteira, por máis que polo seu establecemento, ó longo da historia da humanidade teñan morto xeracións enteiras. E isto, afortunadamente, acontece porque, por máis que os fitos continúen chantados no horizonte, os marcos por fortuna xa hai moito tempo que non existen nas nosas conciencias.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES